Menu Xerais

Xabier López López, Premio Xerais de Novela 2013: «O mundo reinvéntase con cada libro»

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou unha entrevista de Lourdes VarelaXabier López López pola publicación de  Cadeas, novela gañadora do Premio Xerais 2013.

 

Xabier López López – PREMIO XERAIS DE NOVELA 2013

«Para os lectores, o mundo reinvéntase en cada libro aberto»

Anttes gañador de premios como, entre outros, o “Lueiro Rey”, o “García Barros”, o “Vicente Risco” ou o da Critica mEspañola, Xabier López López (Bergondo, 1974) obtivo este ano o Xerais con Cadeas: unha novela de novelas na que o lector pasea por diferentes atmosferas, rexistros e historias

—O punto de arranque de Cadeas é a anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que está a ler unha novela súa. Trátase dunha experiencia real? Que tipo de curiosidade se suscita en Vde. ante a presenza dun descoñecido que está a ler un libro seu?

—Non, non é unha experiencia real, aínda que podería entrar dentro do posible. Na fin de contas, cando un suma xa algún anos no asunto, sabe que circulan por aí certo número de exemplares co seu nome na capa. Porén, quitando as presentacións e os actos públicos é ben estraño ver alguén cun libro dun entre as mans. Non sendo que sexas un deses best-seller que rematan por poñer a lei de probabilidades da súa parte, claro. Polo demais, un arranque como ese non deixa de ser unha das moitas materializacións dunha pescuda –consciente ou inconsciente- que emprende o escritor dende o primeiro: a busca do lector, do seu lector tipo, a outra “peza” do invento. Outra cousa é, e con isto contesto a segunda parte da pregunta, que toda busca responda en verdade a un desexo real de atopar o que se persegue. De darse o caso, con toda certeza reaccionaría cun pudor extremo. E marcharía na punta dos pés, case seguro.

—Vde. mesmo confesou que Cadeas é a súa novela máis arriscada e ambiciosa desde Doutor Deus. En que senso é arriscada e en que senso é ambiciosa?

—Se emparello unha e outra novela é porque ambas as dúas obedecen a un “programa” estrutural singular, que as sitúa como textos, digamos, ao límite, tanto no fondo coma na forma. Nelas, ademais de contar ou intentar contar historias (a vocación dun narrador, á fin e ao cabo), maniféstase dalgunha maneira a problemática inherente á novelística toda: é en verdade a novela ese “espello no camiño” do que falaba Stendhal?

—O xurado do Xerais entendeu e valorou moi ben a súa obra, ata punto de dala por gañadora. Que lle recomenda a un lector anónimo que se enfronte á lectura de Cadeas sen ter referencia ningunha do seu autor?

—Pois que non se deixe asustar por nada do dito ata o momento sobre ela e que intente gozar da súa lectura tanto como eu gocei coa súa escrita.Tarde ou cedo, as pezas irán encaixando. Esa, a “Irmandade secreta dos lectores”, sabe moi ben de que vai todo isto.

—Esta estrutura da novela, historia de historias, tíñaa Vde en mente cando comezou a escribir ou foi xurdindo a medida que avanzaba no labor?

—Cadeas nace dunha serie de reflexións que fixen a raíz da publicación de Os libros prestados (Galaxia, 2010), o meu primeiro volume de relatos.Nun determinado momento fago a seguinte pregunta: e se a vida, no canto de ser unha novela, non é máis que unha suma de relatos? Non estou a falar de Cadeas,enténdaseme ben, só faltaría,mais… e se a Gran Novela Galega, esa da que se leva falando tanto tempo, non é “exactamente” unha novela?

—Deulle moitas voltas ata dar coa orde definitiva dos capítulos?

—A verdade é que non moitas. O traballo fundamental foi outro: reescribir, puír, tomar algunha que outra decisión no tocante a extensión dalgún deles… Fóra da historia “xenésica”, poderiamos chamala así,a que se inicia co escritor e a súa lectora na praia, o resto dos textos seguen unha secuencia lineal”ou cando menos, tan lineal como pode selo o noso século XX. A meirande parte dos capítulos teñen este século de fondo.

—En novelas deste tipo, hai autores e obras de referencia, tanto na literatura como mesmo no cine. Así, de primeiras, sáeme, por exemplo, Rayuela de Cortázar. Cales son os referentes (literarios ou non) da súa obra?

—Iso debe dicilo en todo caso a crítica e mais os lectores.Unha cousa son as lecturas e as homenaxes que poidan detectarse nun texto, e outra ben distinta que saia o autor intentando“vender” a propia obra, apoiándose en determinadas“autoridades”. A palabra “novela” en si mesma bebe da “novidade”. Se comezamos a falar doutras obras…

—Chámame a atención ese Manuel Antonio que coñece a unha moza grazas a un “extraño navegante” chamado Joseph Conrad. É unha chiscadela persoal a certa conexión que Vde. atopa entre o poeta Manuel Antonio e o propio escritor Joseph Conrad?

—Para non desvelar certas claves da novela, limitareime a dicir que ambos os dous foron mariños. E que algúns dos fíos que vertebran os elos de Cadeas teñen que ver, precisamente, coas navegacións, co mar, coas praias, cos naufraxios…

—Coa obtención do Premio Xerais, copa Vde. un bo feixe de premios conseguidos ata o de agora. Os premios son fundamentais para a boa saúde da literatura galega actual ou ben se podería prescindir dalgúns deles?

—Ben, iso de“copar”non creo que sexa exactamente así. Certo que houbo temporadas da miña vida nas que houbo certa “acumulación”de premios, mais hai que pensar que xa levo máis de quince anos publicando. E nese tempo, como é de imaxinar, houbo de todo; novelas premiadas e outras que, a non levar premio ningún, obtiveron outro tipo de recompensas: lectores, traducións a outras linguas… Polo demais, creo que os premios literarios son estímulos tan bos coma calquera outros para a promoción dun escritor e, por extensión, do sistema literario onde se inscribe. Faltan, iso si, máis axudas a un sector,o editorial, obrigado a ver como os poderes públicos se esquecen de que as industrias culturais xeran tanta riqueza ou máis que outras que si merecen de vello a súa atención. Para cando, poño por caso,un plan “Pive”para o mundo do libro e a lectura?

—Cando Vde. gañou o Xerais, declarou que Cadeas reflectía ese obxectivo seu de que a literatura “comezando pola forma, é ou debe ser sempre algo máis”.  “Algo máis” qué? É que acaso, salvo contar novas historias, queda algo por inventar en literatura?

—Nada queda por inventar, certo. Pero os lectores sabemos que o mundo se reinventa con cada libro novo que abrimos. Sobre todo naqueles que nos teñen por suxeitos activos.

Lourdes Varela

Deixa un comentario!