Menu Xerais

Xabier Paz: « Quixen facer unha indagación na natureza humana, que é complexa e contraditoria como é Nito». Entrevista de Montse Dopico

Praza Pública publicou unha entrevista de Montse DopicoXabier Paz pola recente publicación da súa novela As vidas de Nito.

 

«Agardabamos a modernidade, pero todo quedou no que a socialdemocracia europea quixo que quedase»

Se a anterior novela de Xabier Paz, Renacer, tiña moito que ver coa memoria, a nova, As vidas de Nito, afonda na mesma cuestión. As experiencias e as razóns dun vello que, neste caso, fracasou na súa vida afectiva mentres se entregaba a unha causa política. Mais As vidas de Nito non é un libro de trama, nin de tese, tal como insiste o seu autor, senón unha proposta de reflexión sobre as distintas facianas da natureza humana. Que achega en forma de pílulas, pequenos textos que recollen o contido dunhas fichas nas que Nito-Casiano recollía os resultados da súa formación autodidacta.

Hai unha certa conexión entre As vidas de Nito e a túa anterior novela Renacer. O intento de recuperar a memoria familiar como eixo do libro, por exemplo.

Se cadra hai un fío común na relación pais-fillos, a importancia do ambiente familiar na construción do individuo. Tamén a especie de revelación que pode ser o amor… en fin, que se poñen en cuestión os valores familiares. Aínda que en As vidas de Nito hai máis humor e é unha novela máis ambiciosa. Porque é unha indagación na natureza humana, a través desas achegas heteróclitas das fichas que escribe Casiano e que lle mostra á neta. Todas debullan algunha cuestión: a vida física, o papel da arte ou da literatura, a relixión…

Por iso houbo quen che dixo que era unha novela densa… Eu creo que só cómpre ler con máis atención algunhas partes.

É certo que a novela contén moitas consideracións, reflexións que ilustran as distintas facianas da natureza humana, desde o desastre da influencia da educación relixiosa católica á importancia do corpo… Cuestións estéticas e morais diversas, da ética á política ou mesmo a gastronomía… Pero eu creo, como dicía, que tamén hai humor, que pode ser divertida de ler…

O protagonista é un home cun atraso do crecemento que viviu sempre acomplexado. Apuntas á escravitude creada pola moda no capitalismo, pero tamén á creación social do concepto de “corpo normal” que procede xa da Antigüidade…

É que os seres humanos vivimos en sociedade e iso supón a creación de normas de tipo moral e estético que levan a que o estraño sexa obxecto de mofa, rexouba… E xa era así cos ananos, bufóns, coas persoas como Quasimodo, moito antes do culto ao corpo actual, que é unha escravitude aínda máis forte. Hai moitos nichos de negocio dedicados ao corpo, pero non ao cultivo da mente e do saber. Non hai, por exemplo, academias no sentido clásico, helenístico, escolas situadas á marxe do ensino regrado para o cultivo da mente. O único que hai é para o lecer, que ten un compoñente sobre todo escapista: pastillas, macrodiscotecas… un lecer que non busca o pracer precisamente no enxeño.

Un dos aspectos máis tratados no libro é a decepción da xeración que loitou contra os últimos anos do franquismo. As mentiras da Transición e da democracia e tamén a autocrítica: eran, dis, como intelectuais afastados da realidade…

Cando a neta lle pregunta a Casiano se está arrepentido de algo, el di que se cadra terían que facer menos cousas e dun xeito máis ordenado. El é un home que non atendeu os afectos familiares, que escolleu a tribo de afectos dos militantes coma el, e que esborrallou cando viu que eses valores de modernización nos que crera non se facían realidade, porque a xente non quería saber nada de afondar na democracia, senón de consumir. E así foi. Ninguén puxo en cuestión nada nin pediu desculpas por nada, aí quedou Juan Carlos despois de ser posto por Franco, aí quedaron os mesmos poderes, aí quedaron as promesas dunha socialdemocracia que pensabamos que ía traer a modernidade, o Estado de Benestar… Tamén hai autocrítica, si, no sentido de que Casiano admite que eran inxenuos, maniqueos… Pero é que por debaixo da ideoloxía está a antropoloxía. Somos animais humanos que conservamos os nosos instintos por moi envolvidos en cultura que andemos. Hai moitas explicacións do mal: a relixiosa do pecado; a do psicanálise (Eros e Tánatos…), pero está aí. Na entrega da xeración de Casiano había tamén soberbia, altiveza intelectual porque pensaban que sabían máis… Agardabamos a modernidade, pero todo quedou no que a socialdemocracia europea quixo que quedase.

Se cadra daquela tampouco estaba aínda planificado o que veu despois…

Non digo que fosen todos os militantes e non quero caer na teoría da conspiración, pero si había dirixentes do PSOE que tiñan xa un determinado proxecto. Hai que ter en conta que Felipe González é unha creación: saía moito na televisión cando aínda non o coñecía ninguén… E coma el outros. O “gran perigo” entón era o PC, e desde Suresnes estas elites do PSOE tíñano moi claro. A dereita demorou un pouco máis en organizarse, pero polo menos no ámbito estatal, os partidos xa sabían que ían facer.

A novela xira arredor da relación entre Casiano, o seu fillo e a súa neta. O fillo aínda o odia por abandonalo de neno, a Casiano tamén lle quedou esa ferida dos afectos aberta e a neta achégase ao avó un pouco por obriga e por pena…

É a relación e a non relación a que os marca. O amor é unha forza moi poderosa e a súa falta fai que cambiemos. A ferida de Casiano é o seu fracaso como pai e esposo, en parte voluntario e responsabilidade del, porque cando namora de África decide divorciarse. Iso fai que Casiano non teña relación co fillo, que está moi doído, e que se sinte que a relación que a súa filla inicia co seu avó era algo que lle correspondía a el e que non tivo. A neta comeza a ir visitar o avó por obriga, pero despois xurde entre eles un lazo intelectual e afectivo, que se ve afectado polo deterioro físico e mental del. Unha das teses do libro é que cada un de nós ten moitas vidas, moitas existencias, pois non somos sempre os mesmos. E a relación que tes cunha persoa cando está enferma, por exemplo de alzheimer, non é a mesma. Tamén hai dous personaxes femininos que serven como contraste, que son África e a nai de Casiano. E que son astros potentes que exercen unha atracción gravitacional coa súa luz e enerxía.

Non é doado para quen le identificarse con Casiano nin parece que o procures. Semella que queres que sexa o lector quen o xulgue, se desexa xulgalo. 

Quixen fuxir de maniqueísmos. Ao lector tócalle tirar conclusións. Non quixen facer unha novela de tese, de bos e malos, na que ao final se impoña o ben para que nos sintamos mellor. O que quixen foi facer unha indagación na natureza humana, que é complexa e contraditoria como é Casiano, que non deixa de ser fillo do seu tempo, coas súas gracias e problemas. Non é tampouco un libro de trama. Hai certa peripecia, pero iso non é o máis importante. E si hai un sentido de ciclo, de continuidade, apegado en parte ao papel da muller, á neta Aldara e a súa conexión coa muller e a nai de Casiano.

O libro ten tamén bastante de reflexión sobre o que debe ser a literatura: ancoraxe contra o desorde, a entropía…

Eu non teño teoría literaria ningunha, en realidade. Todo son explicacións a posteriori que non producen nin unha soa liña de boa literatura. Pero si me parecía razoable achegar unha reflexión sobre a materia, a física e a estética. E niso entra o Segundo Principio da Termodinámica, a tendencia á nivelación, á perda de gradiente, a tendencia da materia á desorde. A vida naceu de modo ventureiro, pois era altamente improbable. E a arte e a literatura o que fan é propagar a vida duns seres altamente organizados que manexan unha enorme cantidade de información. Por iso a literatura ten que propagar vida, deixarnos algo dentro. Literatura é a que nos obriga a pensar, a que nos transforma…

No aspecto formal tamén hai certa complexidade. Casiano fala del mesmo en primeira e en terceira persoa…

Tampouco actúo, nese aspecto, como un arquitecto que siga un esquema prefixado. Tiña claro que ía ser a historia do lento medrar dun neno e tamén a historia dunha xeración, a que nace por volta de mediados do século pasado. E, como dixen, unha reflexión sobre a natureza humana desde diversos ángulos: do fisiolóxico ao antropolóxico, o estético… Para facer todo isto tiña que ter tres planos: un vello nunha residencia, o mesmo vello que recibe as visitas da neta e o vello de conversa cos contertulios da propia residencia. Ademais dos seus monólogos e os diálogos co seu amigo Valentín. A partir destas bases a novela foi saíndo. Hai secuencias máis realistas, como os diálogos, e outras que son como sombras, rememoracións, imaxes que me permiten ilustrar distintas facianas do ser humano. Por iso conto a historia dos xemelgos que naceron e viviron unidos, ou a do nobre que tiña dúas caras, que me serven para falar da importancia do corpo e de como nos afectan as normas sobre a aparencia física. Un dos problemas que tiven que afrontar, iso si, foi o das fichas de Casiano. Tiña moitas máis e tiven que escoller. Iso levoume máis tempo que contar as peripecias de Nito, que non deixan de ser un contiño.

Hai un contraste entre África, que lle axuda a Nito a aceptar o seu corpo tal como é, e a nai, que como non pode facerlle medrar máis opta por falsificar documentos para que figure neles que é máis novo do que é en realidade…

A nai transmítelle o saber non regrado: as receitas de cociña, as relacións humanas… a cultura non oficial. Cando se atopa con África el di que se reconcilia co seu corpo despois desa noite de confesións que vive con ela. A partir diso renuncia á muller e ao fillo, pero despois iso deriva no que el non desexaba. El quería manter unha relación coa muller e co fillo que, aínda que fose distante, puidese ser cordial. E aí hai máis culpables seguramente, pero a relación co fillo queda cortada. A nai é como a vida, a materia que se propaga, que se revela a través de África, e que chega á neta como posibilidade de continuar a propagación. En realidade son as tres mulleres as que explican as distintas vidas de Nito.

O ambiente tampouco creo que sexa casualidade. O retrato do rural no que Nito aprende a falar galego…

É o rural que formou parte da miña xeración, un rural no que había uns valores estéticos, uns costumes distintos aos da cidade. E claro que o ambiente é moi importante porque nos transforma, pero tampouco quixen facer nada máis que un retrato realista dun tempo e dun lugar, nese aspecto.

Montse Dopico

Deixa un comentario!