Menu Xerais

Xosé Mª Lema: «Levoume case 20 anos escribir esta historia». Entrevista de Marta Valiña sobre «Costa do Solpor»

La Voz de Galicia, na súa edición de Carballo, publicou unha entrevista de Marta Valiña a Xosé Mª Lema sobre a súa novela Costa do Solpor.

 

«‘Costa do Solpor’ é froito da experiencia de toda a vida»

O historiador presentará a súa primeira novela o venres en Baio

En apenas unhas semanas converteuse na novela máis recomendada nas librarías galegas e o boca a boca, a mellor publicidade nestes casos, está a colocar Costa do Solpor (edicións Xerais) entre os libros máis vendidos. «Unha gratísima sopresa», recoñece o seu autor, Xosé María Lema Suárez (Bamiro-Vimianzo, 1950), que hoxe estará na librería Couceiro de Santiago (20.00 horas) para presentar a súa primeira novela e o venres fará o propio no auditorio municipal de Baio (21.00 horas). «Esta historia levoume case 20 anos escribila», asegura o catedrático de instituto en Xeografía e Historia, presidente do Seminario de Estudios Comarcais da Costa da Morte.

—¿Como é que lle levou tanto tempo escribir «Costa do Solpor»?

—Cóntase que García Márquez botou 17 anos pensando Cien años de soledad e 14 meses escribindo, pero eu botei todo ese tempo pensandoa e tamén escribíndoa [risas]. A novela parte dunha vella idea, porque sempre quixen facer algo relacionado cos piratas na que hoxe se chama Costa da Morte, pero non tiña nada claro como empezar a novela. Cando por fin empecei a historia cobrou vida e foi cambiando de rumbo segundo ía escribíndoa.

—Parece que non ten nada que ver coas súas publicacións anteriores, moito máis «académicas».

—Pois si que ten moito que ver, porque a novela ten cousas de historia pura e nela hai personaxes históricos, hai moito de etnografía, de antropoloxía, de xeografía… Así que a experiencia dos meus libros anteriores serviume moito. Costa do Solpor é froito da experiencia de toda a vida. Detrás desta novela hai tamén un gran labor léxico e niso serviume moito a elaboración do dicionario de Xerais. No libro hai moita fraseoloxía enxebre e moito vocabulario da zona e, ao mesmo tempo, aproveitei para facer unha homenaxe aos poetas da Costa a Morte, porque hai cousas que lles «roubei», sobre todo a Alexandre Nerium. Admiro aos escritores que xa destacan aos 30 anos e que teñen unha madurez literaria moi grande, pero a min chegoume aos 60.

—¿Que se van atopar os lectores que abran «Costa do Solpor»?

—É moi difícil resumila nun único argumento porque ten moitas historias entrelazadas. Conta a historia dunha goleta que a mediados do século XVIII regresa do Caribe cun tesouro fabuloso nas bodegas. Navega de regreso ao porto inglés de Bristol, pero unha tormenta lévaa a unha das rías da Costa do Solpor e os espías da zona dan aviso a banda de corsarios que historicamente había en A Coruña. Dous barcos de piratas asaltan a goleta, pero escapa un dos grumetes, que na costa atópase con dous mozos galegos cos que idea a forma de recuperar o barco e o tesouro. Esa é a historia central, pero polo medio hai moitas outras e recreacións de lendas propias da nosa zona.

—¿Confíaba en que tivera tan boas críticas e tan boa acollida?

—Tiña algunhas opinións boas da xente que lera o borrador e dende a editorial estaban moi seguros de que funcionaría e tería éxito, pero para min foi toda unha sorpresa. O mellor que de todo é que a novela funciona polo boca a boca e polo que me din os libreiros, chegan moitos lectores que compran a novela porque lla recomendaron outros.

—¿Cando chegará a seguinte?

—Non se pode dicir «desta auga non beberei», pero penso que esta é a miña primeira novela, e tamén a última, porque me levou tantos anos escribila que penso que non estou capacitado para facer outra.

Marta Valiña

 

Deixa un comentario!