Menu Xerais

A paixón de ler centra «A illa de todas as illas», de Xabier P. DoCampo. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo .

 

 

«A illa de todas as illas» en Lugo

As presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están sendo unha oportunidade para que os membros da Xeración Lamote compartan angueiras arredor da causa da lectura. Mentres na Coruña foi Agustín Fernández Paz quen glosou o texto de DoCampo, onte na librería Biblos de Lugo foi Paco Martín quen o fixo, quedando Xavier Senín de facelo o 13 de febreiro na libraría Couceiro de Santiago.

Paco Martín leu un texto moi divertido e fermoso arredor do libro, no que acreditou unha «escrita limpa e directa, na que se nota a pegada do cine un dos amores do autor». Tras glosar a peripecia dos personaxes do relato e os libros citados, rematou resumindo que «as illas esquecidas son todas as que están nesta illa Navalleira, na que os protagonistas experimentan asombros descoñecidos, novos medos, saberán da esperanza e do retorno dunha viaxe iniciática da man de John Silver».

Pola súa banda, Xabier DoCampo, despois de expresar a súa satisfacción por poder compartir esta presentación con Paco Martín, confesou que o tema do libro é a lectura, os libros e a paixón de ler. «Este é un libro de libros, un libro dendrítico (como foi definido nun artigo por Xavier Queipo), un libro porta (como sinalou na presentación da Coruña Agustín), un libro que nos comunica con outros libros». Sinalou que «ler é encontrar nos libros o que hai de ti, o que os libros din de ti, ler é buscarse nos libros para saber o máis posible dun mesmo». Recontou, despois, os libros presentes na novela, dende A illa misteriosa, «a máis fermosa da snovelas de Verne, na que o capitán Nemo está sempre presente, a pesar que só aparece ao remate», Robinson Crusoe, «a novela que representa o simbolismo das illas e o concepto de civilización», pasando por O señor das moscas e A illa dos arroaces azuis, até A illa do tesouro. «Quero reivindicar o valor destas obras clásicas da literatura infantil e xuvenil, quero reivindicar que se lean, quero alertar que estas obras existen, que se as lemos é posible vivir nunha illa deserta, quero proporcionar un camiño para ler os libros e as películas baseadas nelas». Rematou DoCampo falando da súa colaboración co ilustrador Xosé Cobas: «buscamos unha obra conxunta, un libro común».

Manuel Bragado

Deixa un comentario!