Menu Xerais

«Ámote Leo A.», de Rosa Aneiros, un iceberg que se mete na pel dos lectores e lectoras

O xornal Galicia Hoxe publica unha información sobre a triloxía Ámote Leo A., de Rosa Aneiros, da que acaba de publicarse o terceiro e derradeiro volume: Ámote Leo A. Terminal de…chegadas?.

 

Rosa Aneiros invita os novos lectores a “meterse na pel” da protagonista da súa triloxía «Ámote Leo A.»

A escritora Rosa Aneiros invitou este mércores a un grupo de novos lectores a coñecer “o xeito de pensar” e “meterse na pel” da protagonista de ‘Ámote Leo A.’ a través da lectura dos tres libros que trazan a súa historia.
A escritora galega mantivo un encontro con varios mozos integrantes do club de lectura IES Caldas Letras, do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis (Pontevedra), aos que presentou as tres novelas que compoñen a historia completa de ‘Ámote Leo A.’.

Na charla, Aneiros asegurou aos mozos que, máis alá da historia material dunha novela, nos libros teñen as ferramentas para coñecer mellor a protagonista, dado que “o que sucede na súa vida forma tamén o que sucede” na súa cabeza” e lles animou a que se “metan na súa pel” como parte do “goce da lectura”.

Os alumnos tiveron a oportunidade de formular numerosas preguntas á escritora, tanto sobre os distintos libros desta triloxía coma sobre cuestións máis amplas, relacionadas co proceso da creación literaria, as súas fontes de inspiración ou o acto da lectura.

“Os libros son como icebergs”, indicou Rosa Aneiros aos novos lectores, aos que animou a “afondar” nas historias para establecer a súa propia narración. De feito, a escritora fíxoos ver que cada lector “constrúe a súa propia historia” a través da lectura dunha novela, que dota aos libros dun “punto de vista persoal”.

Aínda que non lles quixo desvelar aspectos particulares dos libros, Rosa Aneiros recordou que cando naceu esta historia na súa imaxinación “non tiña nada que ver co que rematou sendo”. Ao mesmo tempo, fixo fincapé na importancia das viaxes dentro da narración, así como sobre a visión de xénero que achega Leo A., unha moza con nome de xénero ambiguo que viaxa soa por distintas cidades do mundo.

Deixa un comentario!