Menu Xerais

Cesáreo Sánchez Iglesias e Antón Cortizas, Premios Losada Diéguez de creación e investigación

O poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, co seu libro Caderno do Nilo, e o escritor Antón Cortizas, con Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, resultaron gañadores esta fin de semana do Premio Losada Diéguez nos apartados de creación e investigación respectivamente. O xurado, que se reuniu no Concello de Boborás premiou estas dúas obras de Xerais, sinalou as virtudes das obras premiadas.

Con respecto a Caderno do Nilo, tras a deliberación salientouse que esta obra constitúe unha viaxe poética que «supón a maduración dunha longa e rica traxectoria», un libro que afronta novos horizontes estilísticos na pescuda dun discurso propio elaborado desde a experiencia.

Con respecto a Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, galardoado na categoría de Investigación e Ensaio, o xurado salientou que constitúe «un traballo exahustivo, rigoroso e singular, de grande utilidade para o público e moi especialmente para as novas xeracións. O xurado salientou que estamos ante «unha extraordinaria investigación», elaborada ao longo dos anos desde a riqueza inmaterial do cultural galego, un patrimonio amenazado de desaparición ante os cambios que sociais e de hábitos que se produciron en Galicia nas últimas décadas.

A composición do xurado nutríase de representantes das Universidades de A Coruña e Vigo, do Consello da Cultura Galega, do Museo do Pobo Galego, e da Deputación de Ourense. O Premio Antón Losada Diéguez concédese desde 1985 a cargo dos Concellos de Boborás e o Carballiño.  A entrega terá lugar 14 de xuño no pazo de Moldes, en Boborás e a súa dotación é de 6.000 euros por categoría.

 

 

Deixa un comentario!