Menu Xerais

Chus Pato, Premio Irmandade do Libro na modalidade de autor/a

A poeta Chus Pato acaba de ser recoñecida co premio Irmandade do Libro na modalidade de autor ou autora pola Federación de Libreiros de Galicia en recoñecemento á súa traxectoria. Reproducimos a información do xornal Galicia Hoxe.

 

Chus Pato gaña o premio Irmandade do Libro na modalidade de autor

Os restantes premiados nas outras seis modalidades, decidiranse na última reunión do xurado que terá lugar en Rianxo o vindeiro 5 de abril

Na localidade coruñesa de Rianxo, a Federación de Librarías de Galicia celebrou unha rolda de prensa para a presentación dos 23 Premios Irmandade do Libro. Asistiron o alcalde da localidade, Adolfo Muíños, a presidenta dos libreiros, Pilar Rodríguez Álvarez, o vicepresidente Xosé Antón Pedreira Mirás e o Xefe Territorial Provincial da Consellería de Cultura, Indalecio Cabana. A gañadora na modalidade de Autor / Autora, foi a escritora ourensá Chus Pato. O xurado considerou a súa impecable traxectoria literaria, a singularidade e calidade da súa obra poética, a súa proxección universal, as colaboracións en revistas especializadas, ademais do seu traballo en publicacións colectivas, charlas e conferencias.

Os restantes premiados nas outras seis modalidades, decidiranse na última reunión do xurado que terá lugar en Rianxo o vindeiro 5 de abril, data na que se entregarán estes recoñecidos premios do mundo do libro. O acto de entrega dos mesmos terá lugar no Audoitorio da localidade coruñesa. Asiasitirán, entre outras personalidades, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Director Xeral de Cultura, o Alcalde de Rianxo e diversos representantes de institucións provinciais, asociacións culturais e do mundo do libro, cunha ampla participación de libreiros de toda Galicia. Tamén achegamos o programa da celebración coas actividades organizadas arredor da mesma.

Deixa un comentario!