Menu Xerais

«Desde unha estrela distante», de Agustín Fernández Paz, propicia a celebración dunha Noite Extraterrestre nas actividades de Espazo Lectura

O libro Desde unha estrela distante, de Agustín Fernández Paz, pechará esta tarde a tempada do Club de lectura Lendo Contigo, que organiza a asociación Espazo Lectura en Gondomar, coa celebración dunha Noite Extraterrestre que terá lugar hoxe venres na Casa da Lectura.

 

O Lendo Contigo despide a tempada cunha noite extraterrestre

A sesión de peche de tempada 2013-2014 do Lendo Contigo celébrase a tarde-noite do venres 30 de maio na Casa da Lectura. O libro proposto para este último mes foi Desde unha estrela distante (Xerais, 2013), a historia de amizade dunha nena e un extraterrestre escrita por Agustín Fernández Paz. Con este motivo, o club despedirase ata o outono cunha festa alieníxena na Casa da Lectura.

Cea compartida e baile de disfraces

A actividade rematará cunha cea compartida (pídese ás familias que poidan a que contribúan con algunha comida doce ou salgada) e cun baile de disfraces, polo que convidamos a que quen queira e poida, leve un disfrace relacionado co espazo, cos extraterrestres… en homenaxe á historia que narra o libro.

O mes de abril, o Lendo Contigo celebrou unha sesión especial, dentro da Semana do Libro e a Lectura, na que comentamos a obra de teatro Xango, de Diego Rey e, pola tarde, puidemos ver a representación teatral da obra no auditorio Lois Tobío de Gondomar. Estas son as imaxes dese día.

Deixa un comentario!