Menu Xerais

Elega Gallego: «A presenza dos clicks no escenario de cada crime é a pegada do asasino». Entrevista de Montse Dopico

Montse Dopico publicou no Magazine Cultural Galego unha entrevista a Elena Gallego Abad sobre Sete Caveiras.

 

Elega Gallego: «Fronte ao ‘todo vale’, hai xornalistas que seguimos crendo nunha serie de valores e principios»

Tras o éxito da triloxía ‘Dragal’, a escritora Elena Gallego Abad publicou ‘Sete caveiras’, a historia dunha xornalista que investiga unha serie de asasinatos relacionados cun terrible feito acontecido durante a “movida” viguesa dos 80.

Sete Caveiras’é a historia dunha xornalista que se envolve na investigación dunha serie de asasinatos. Tamén unha mostra da cara B da “movida” viguesa dos 80. E unha reivindicación do bo xornalismo en tempos de destrución dos dereitos dos seus traballadores e traballadores. A autora desta novela, Elena Gallego, non para. O éxito da súa obra anterior, a triloxía ‘Dragal’, segue a dar os seus froitos. O día 21 de outubro presentará en Lleida a tradución ao catalán do primeiro volume desta serie, que publica Pagès Editors co título ‘Dragal I, l’herència del drac’.

O ebook galego máis popular en Amazon, un dos máis vendidos en diferentes listas… Cal é a fórmula de ‘Sete Caveiras’ para atraer o lector? En que medida o éxito de ‘Dragal’ supuxo á vez un apoio e unha limitación para a recepción desta novela?

Comecei a escribir a novela coma un xogo, un reto persoal. Atopeime cun morto na primeira liña e decidín utilizar a estrutura dun clásico de Agatha Christie, ‘Dez negriños’. Así xurdiu a idea, que se foi complicando capítulo tras capítulo, incorporando clicks de Famóbil, banda sonora da movida viguesa e ata cogomelos . Despois de escribir as tres primeiras entregas da saga Dragal, o cambio de rexistro era un reto importante. Tiña que acadar a confianza do editor, que apostou por Sete Caveiras en canto leu o orixinal. Coido que a novela atrapa ao lector dende a primeira páxina.

A protagonista é unha muller, unha xornalista, Marta Vilas. Ela é quen investiga os asasinatos. Hai pouco falaba con outra escritora sobre a pouca presenza tanto de autoras como de mulleres protagonistas na novela policial galega. Influíu a consciencia disto na construción deste libro?

Cando escribín ‘Sete Caveiras’ non o fixen cunha consciencia de xénero. Tiña en mente unha historia de asasinatos que decidín investigar a través dunha xornalista porque para min resultaba máis doado que crear un detective masculino e singular. Marta Vilas é unha protagonista verosímil, talvez porque eu tamén son muller e nos últimos anos traballei na redacción de distintos medios de comunicación. Cando Marta Vilas se move pola novela, coñezo os seus espazos sen necesidade de recorrer a artificios innecesarios.

Desde o principio sabemos das tensións entre Marta e o redactor xefe, que parecen representar dous modos distintos de entender o xornalismo. Querías deitar tamén unha reflexión sobre iso, sobre a involución do xornalismo?

A xestación de ‘Sete Caveiras’ coincidiu cun momento moi duro para esta profesión e así quixen testemuñalo na novela. De feito, como leva acontecendo en Galicia dende os últimos anos, no diario no que traballa Marta Vilas estase vivindo unha “reestruturación” do cadro de persoal, evidente en varios capítulos. Por outra banda, os enfrontamentos entre os protagonistas tamén amosan dous xeitos moi reais de vivir a profesión hoxe en día. Fronte ao “todo vale” que atopamos nalgúns titulares da prensa diaria, hai xornalistas que seguimos crendo nunha serie de valores e principios. As posturas de Vilas e Curuxeiras van máis alá do recurso literario.

Ao mesmo tempo, se cadra hai na novela unha certa idealización do xornalismo, ou polo menos do de investigación. A imaxe do sabuxo que non vive, que só traballa, que o deixa todo… Dígoo porque, na realidade, esa moi necesaria paixón polo xornalismo de investigación pode chocar na actualidade coa precariedade laboral crecente e coa ausencia total de dereitos… Que pensas disto?

Sen chegar ao nivel de Marta Vilas en ‘Sete Caveiras’, ao longo da miña andaina profesional eu tamén tiven a oportunidade de facer traballos de investigación e recoñezo que o nivel de esixencia persoal é moi grande. Hoxe, a pesar da precariedade na que se atopan, tamén coñezo xornalistas que aínda poñen a súa profesión por riba da vida propia. Segue habendo sabuxos que non viven, que só traballan, que aman esta profesión… E algunha sabuxa, o que aínda resulta máis heroico.

elenaclickAs noticias do xornal intégranse nunha narración que, por outra banda, é bastante convencional na súa estrutura: historia máis ou menos liñal, moito diálogo… Como pensaches esta estrutura? É tamén un xeito de dosificar a intriga?

As novas do xornal forman parte do xogo, son unha ficción dentro da ficción. O lector agarda que reproduzan os feitos que coñeceu nas páxinas previas pero non sempre acontece así. Marta Vilas descobre un asasinato, mais o seu xornal publica a nova dun accidente… Por que? Noutros momentos, as noticias do xornal parecen redundar en feitos xa coñecidos, o que contribúe a manter a intriga. Os diálogos entre os personaxes son fundamentais para o desenvolvemento da trama. Á hora de narrar unha historia, prefiro que falen eles. Mentres escribía Sete Caveiras non fun consciente de seguir unha estrutura clásica, só quería escribir unha historia de asasinatos que engaiolase aos lectores.

Os clicks sérvenlle para seguir a pista do asasino. E son personaxes da túa novela que te acompañan fóra dela. Como xorde a idea de incorporalos á historia?

‘Sete Caveiras’ é un xogo e os clicks de Famobil, fabricados en España por Famosa ata principios dos anos oitenta, marcaron a infancia e mocidade dunha xeración. A súa presenza no escenario de cada crime é a pegada do asasino, a súa sinatura. Un motorista, un indio, un pirata… O lector debe acompañar a Marta Vilas na súa investigación, para descubrir o móbil do criminal e, se aínda é posible, deter a xeira de asasinatos. Agatha Christie xogou con dez negriños de porcelana na súa coñecida novela. Como os tempos mudaron, eu optei por uns coloridos clicks de plástico.

A relación entre Marta e o redactor xefe vai mudando. Tiveran as súas diferenzas, mais no fondo sempre se respectaran. Tamén teñen unha personalidade distinta. Como pensaches esa oposición entre eles, nese aspecto concreto das cualidades de cada un?

O conflito entre os personaxes forma parte do xogo. Ao principio da novela quixen evidenciar as súas diferenzas porque a protagonista precisaba dun antagonista poderoso. Teñen dúas personalidades diferentes, dous xeitos de traballar case incompatibles, ás veces semella que se odian pero aínda así… Logo, a propia trama de ‘Sete Caveiras’ vai desvelando feitos e circunstancias que obrigan ao seu achegamento. O inimigo é outro.

‘Sete Caveiras’ é máis unha novela policial de trama de investigación que unha novela negra de denuncia social, mais si se achega ao que chamas no libro “cara B da movida viguesa dos 80”. As drogas, a violencia da reconversión naval… cos seus paralelismos coa actualidade: desemprego, crise do naval… Hai, nese sentido, un certo sentido desmitificador deses 80 vigueses no teu libro?

Precisaba un móbil para unha xeira de asasinatos e atopeino en pleno centro de Vigo, nun tempo e circunstancias determinados. O que aconteceu nos anos oitenta, tanto a nivel cultural como social, está recollido nas hemerotecas. Houbo unha serie de grupos musicais que triunfaron alén do “telón de grelos”, ao que se chamou “movida viguesa”, e unha “xeración perdida” pola conflitividade social do momento. Non se trata de desmitificar nada, só lembrar que todas as épocas históricas teñen a súa “cara B”. Tamén a que, en plena era tecnolóxica e do coñecemento, estamos a padecer neste momento.

A historia resólvese cun relato arrepiante dalgo ocorrido nese tempo, no que ademais te adiantaches á actualidade porque casos así houbo recentemente e fixeron correr moita tinta de xornal. Como achegarse a un tema tan complicado, signo de que naqueles 80 da recén estreada democracia había cousas que non cambiaran, e que aínda hoxe seguen igual?

Ese foi o capítulo máis difícil da novela. Non é doado describir un suceso semellante sen caer no mal gusto e, ao tempo, tratar de conseguir que ao lector se lle encolla a alma nunhas liñas. É preciso poñerse na pel dos protagonistas e revivir con eles cada instante, ben sexa recibir o impacto dunha bala na cabeza ou ser testemuña dunha violación. Mais non me gusta verter máis sangue e amosar máis vísceras do absolutamente imprescindible.

Mudando de libro, Dragal foi xa traducido a catalán, español e inglés. Como está a funcionar fóra?
A maxia do dragón galego está a conquistar novos lectores, demostrando que a literatura galega pode funcionar noutras linguas. O certo é que estou moi emocionada coa excepcional acollida e agarimo que están amosando as distintas editoras. En Cataluña, Pagès Editors elixiu ‘Dragal’ para lanzar ao mercado a súa nova colección Nandibú Jòve, na que vai publicar a saga completa. Trátase dunha aposta moi forte por parte da editora. O día 21 de outubro presentamos ‘Dragal I, l’herència del drac’ en Lleida, onde a editora ten a súa sede, e os días 22 e 23 estaremos na libraría Ábacus de Barcelona e diversos centros de ensino da cidade condal. Eu, coma os meus editores, estou moi ilusionada co proxecto que teñen para o noso dragonciño en Cataluña.

Ao tempo, o primeiro volume da saga Dragal, ‘The dragon’s inheritance’, é un dos catro títulos cos que a editorial Small Stations lanzou ao mercado inglés a súa nova serie literaria ‘Galician Wave’. O dragón galego comparte esta honra con grandes títulos de Marcos Calveiro, Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz. Neste momento Jonathan Dunne xa está traballando na tradución do segundo libro da saga Dragal, que se publicará en 2015 nesta mesma colección.

Na primavera de 2015 teremos tamén o lanzamento da edición en castelán do primeiro libro de Dragal, neste caso con Anaya, para todo o territorio español e con perspectivas en Hispanoamérica. Asemade, a medio prazo o dragón galego ten boas posibilidades de ampliar o seu territorio a outras linguas. Nesas estou traballando agora.

A triloxía de Dragal parece unha confirmación de que pode haber best-sellers en galego: libros dirixidos principalmente ao público adolescente, de fantasía e mitoloxía, e coa nosa historia como fondo. É así? Era un pouco o teu obxectivo ao escribilo?

Debo confesar que a idea de que puidese convertese nun best-seller nin se me pasou pola cabeza. Daquela eu só pretendía demostrarlle ao meu fillo adolescente que en Galicia, en lingua galega, tamén podemos escribir historias de dragóns fantásticos, recuperando a nosa tradición e cultura a través da ficción. Eu non quería que Dragal fose a típica novela fantástica na que os protagonistas saltan dunha dimensión a outra, ou habitan universos imposibles. Os seus personaxes transitan pola vida real e os elementos máxicos que atopan forman parte da cultura, tradicións e mitoloxía galegos, que ao mesmo tempo son universais. Por iso Dragal funciona tamén noutros idiomas e pode conquistar lectores en calquera lugar do mundo.

Ficción Producciones adquiriu os dereitos para desenvolver un proxecto cinematográfico a partir da triloxía. Como vai?

Traballando arreo dende o primeiro momento, porque a produtora está a desenvolver un universo crossmedia moi especial. Falamos de cine, cómic, videoxogos… e algo máis. Comezamos coa posta en marcha, durante o pasado curso escolar 2013-2014, do Proxecto Dragal en sete centros de Secundaria de Galicia. Esta iniciativa, á que se sumou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, supuxo a creación wiki interactivo de carácter experimental que vincula o universo de Dragal, a lingua e o patrimonio galegos, e no que traballaron máis de 500 alumnos da ESO. Tralo éxito acadado, este ano amplíase o número de centros participantes. Dun xeito paralelo, Ficción Producciones comeza agora a traballar no desenvolvemento dun cómic interactivo baseado na triloxía, seleccionando un equipo de oito ilustradores. A adaptación de Dragal ao cine, a película, chegará despois.

Montse Dopico

Deixa un comentario!