Menu Xerais

Entrevista a Carlos Callón no xornal de humor «Enchufados»

O xornal dixital de humor Enchufados publicou unha entrevista con Carlos Callón, autor de Atravesar o fantasma.

 

ENTREVISTA: CARLOS CALLÓN

Sen sentidiño: Carlos Callón

 

Recuperamos a nosa faceta de facer preguntas absurders que contrasta coa faceta ensaísta e poética do noso convidado. Carlos Callón afronta nosa entrevista sen sentidiño…

- ¿Gústache madrugar os domingos?

A quen si? Que conste que o prefiro á sensación de que perdín o día

- ¿Que é o mellor de traballar un domingo pola mañá?

Cos meus horarios de profesor non teño que facelo, mais non me prestaba nada cando o tiña que facer como presidente da Mesa, que foron moitas veces.

- ¿Cal é o último regalo que lle diches a alguén?

Un ramo de tulipas ao meu mozo.

- ¿Que te define mellor: “lector habitual de La Voz de Galicia” ou “deportista de elite”?

Leo con frecuencia ese medio xa que é decisivo para a vida social e política galega. Oxalá no futuro vexamos un panorama informativo máis plural e diverso. Deportista de elite non son, mais teño varios alumnos e alumnas que son excelentes atletas e síntome moi orgulloso dos seus éxitos, aínda que eu non teña nada a ver co feito de que os consigan.

- ¿Cal é a rede social da que máis pendente estás?

A que máis vexo é o Twitter. A outra en que estou é Facebook. Se teño conta nalgunha outra, a verdade é que non entro desde hai moito. Estanme a tentar co Instagram, mais acho que vou pasar

- ¿Por quen te deixarías corromper?

Corromperse é unha cousa moi fea.

- ¿Se puideses cantar unha canción en Luar, cal sería?

O “Desfado” de Ana Moura con sotaque galego.

- ¿Cres nos gamusinos?

Levo anos sen crer en ningunha relixión, mais se as cousas se poñen crúas fareime pastafarista.

- ¿Se tiveses 80 anos, que lles dirías aos nenos?

“Cando eu era pequeno, na miña parroquia todos os nenos menos un falaban en galego. De vós depende que esta lingua en que vos falo non se perda.” Sería un avó pesado con cousas coma esa.

- ¿Madrugarías un domingo para deixarte corromper por un político con un ramo de tulipas?

Non me recoñecería a min mesmo se fixese tal cousa.

Carlos acaba de publicar un libro de poesía titulado “Atravesar o fantasma” que edita Xerais: “Agora estou a mirar algúns pequenos proxectos culturais relacionados co libro, sobre todo unha exposición de fotografías e uns videopoemas. Estou moi contento e moi agradecido coa resposta que estou a recibir. Ademais, continúo a apoiar como activista o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística. As persoas que lean isto e que amen o galego, que non dubiden en se afiliar canto antes, pois fai falta que lle deamos forza aos movementos sociais en defensa do noso idioma”.

Deixa un comentario!