Menu Xerais

Fermosura que nos emociona: «Caderno do Nilo», de Cesáreo Sánchez Iglesias. Crítica de Román Raña

Román Raña publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o poemario Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias.

 

Intensas brevidades

Nos ollos do viaxeiro

Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín, O Irixo,1951) é, sen dúbida, poeta de intensas brevidades. A súa extensísima obra (desde Silencios e conversas de inverno, 1978, até o que estamos a recensionar) comprende máis de quince poemarios. A súa poesía sempre se caracterizou polo labor de contención e pola intensión da forma breve. Esta marca da casa perdura no volume que agora comentamos, Caderno do Nilo. O seu título, certamente, non conta mentira. O que lemos resume o fascinio infindo que as terras exipcias producen no ánimo e na ánima do noso escritor. Consciente de que se dirixe a unha terra que posúe unha poderosa tradición literaria autóctona (desde o Libro dos mortos até NaguibMahfuz) e un ilimitado número de artistas que se conmoveron ao visitala (Stendhal, entre outros),o escritor galego comeza esta extensísima anotación de impresións desde o pasmo e mesmo desde o arroubo.

O libro está escrito cos ollos de viaxeiro, non cos ollos de turista. Por iso o suxeito lírico vai retratando con pincelada precisa (e mesmo con debuxos que o ilustran) o seu deslumbramento.Porque a auténtica viaxe, alén da distancia percorrida, é sempre interior. E o que aquí lemos precisamente é esa evolución. Caudalosas e calorosas descricións cohabitan con instantes de éxtase profunda: “Só traio un mércores dentro dos meus ollos /Todo coroado polo sol incandescente. / Todo sen hora”. Xunto a el, o abigarrado cosmos de fragancias penetrantes, de melodías desertas, de cores impulsivas. Deste xeito, o autor vaia detallando todo aquilo que perturba a súa sensibilidade: o exotismo oriental acaba sendo metafísico cando o espírito do literato se sente en emoción sulagado:“

Voar o celeste. Voar nubes, moitas brancas, de algodón./ Sobre o azul voar sobre o infinito voar no seu brancor/agrisado de pluma de ave”. Son certamente eses momentos os que máis conmoven, tamén, os seus lectores, porque nos fan participar da tremenda exaltación que entraña a experiencia da viaxe.

Fronte ás numerosas notas do viaxeiro e mesmo nos instantes máis descritivos, vislumbramos outra realidade, a da percepción privilexiada, a do momento extático: “En todo lugar zapatos. Un home leva/á cabeza dúas grandes gaiolas de galiñas e leva o seu voo, / leva súa sombra e a miña”. Esta é, xa que logo, a fermosura que nos emociona.

Román Raña

 

 

Deixa un comentario!