Menu Xerais

Fermosa historia: «As noites de Xián», de Concha Blanco. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no seu blog Criticalia unha recensión crítica sobre As noites de Xián, de Concha Blanco, con ilustracións de Dani Padrón, editado na colección Merliño.

 

 

O murmurio do mar

Xián é un neno feliz da ribeira que dá no sono cada noite adurmiñado polo murmurio que o ir e vir do mar deita nos seus ouvidos. Un día a familia de Xián marcha vivir ao interior. O pequeno adáptase rapidamente e fai bos amigos, mais bota de menos o seu mar, sobre todo ás noitiñas, cando non consegue conciliar o sono porque lle falla o murmurio das ondas. Mais algo inesperado vai ocorrer e o problema de Xián collerá trazas… e ata aquí pode contarse.

Quen queira saber como remata esta fermosa historia de Concha Blanco titulada As noites de Xián e publicada por Xerais na súa colección Merliño deberá facerse co libro, unha inversión intelixente, pois non só paga a pena pola emoción e delicadeza que o relato transmite, senón tamén polas fantásticas ilustracións que Dani Padrón imaxinou para esta narración na que a fantasía e o corazón se alían para mergullarnos na cerna dos máis fondos sentimentos.

Máis unha vez, Concha Blanco demóstranos que as boas historias non precisan de alambicadas tramas cheas de reviravoltas inesperadas, pois a intensidade emotiva tremeloce na inxeleza máis velaíña. Acompañar ao seu Xián é unha inmellorable oportunidade para comprobalo.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!