Menu Xerais

Guía de poesía para nenos e nenas de 3 a 8 anos

Dinamizar entre os máis novos a lectura do xénero poético é o obxectivo principal da Guía de poesía, un material de apoio para as persoas adultas que traballan no fomento da lectura na infancia promovido pola Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia e pola Secretaría Xeral de Cultura.

Esta ferramenta dixital ten como finalidade facilitar e apoiar o labor do persoal bibliotecario que realiza funcións de animación á lectura, dos técnicos culturais habituais da dinamización de bibliotecas e ludotecas, dos mestres de educación infantil e primeiro ciclo de primaria que o queiran empregar nas aulas, e, naturalmente, dos pais e nais ou coidadores que desexen afrontar a lectura acompañada dos máis pequenos con fórmulas e xogos que lles permitan introducilos na descuberta da poesía dunha maneira entretida.
Con esa vocación nace esta primeira Guía de poesía, para o traballo con nenos e nenas de 3 a 8 anos, vinculada ao programa de dinamización da lectura nas bibliotecas Ler conta moito.
A través dunha escolma de textos e diversas propostas de traballo, búscase espertar o interese dos máis novos pola poesía dun xeito lúdico e atractivo.

Nesta guía, coordinada por Blanca Ana Roig Rechou e redactada por Eulalia Agrelo, Berta Dávila, Carmen Ferreira e Marta Neira, trabállanse seis libros de poesía, catro deles pertencentes ao catálogo de Xerais:

A casa de había unha vez de Ana Mª Fernández, Rata linda de Compostela de Bernardino Graña, Eu conto, ti cantas de Mª Victoria Moreno e Fafarraios de Gloria Sánchez.

Podes descargar a guía aquí

Deixa un comentario!