Menu Xerais

Javier Domínguez: «Los Suaves nunca foron un grupo de moda porque quedaron a vivir en Ourense». Entrevista de Marcos Pérez Pena

Praza Pública publicou entrevista de Marcos Pérez PenaJavier Domínguez arredor do libro Los Suaves. Mi casa es el rock ‘n’ roll, de Javier Domínguez, publicado en EXTRAMUROS.

 

«Los Suaves nunca foron un grupo de moda porque quedaron a vivir en Ourense»

Puedes atrapar el viento / llevar a casa el mar / evitar que pase el tiempo / pero no puedes, no puedes dejar / No, no puedes dejar el rock”. Así cantan Los Suaves en “No puedo dejar el rock”, un dos temas que nunca faltan nos seus directos. E nunca o deixaron. Los Suaves levan 34 anos en activo, comandados por Yosi Domínguez e Charli Domínguez, e convertidos nunha das bandas máis importantes da historia do rock español. Javier Domínguez, un dos primeiros integrantes da banda e irmán de Charli, vén de publicar Los Suaves: Mi casa es el rock ‘n’ roll (Xerais), un moi completo percorrido escrito e gráfico pola historia da formación.

Nas súas máis de catrocentas páxinas Javier Domínguez, primeiro batería da banda e hoxe mestre de ensino secundario, fala dos inicios de Los Suaves, dos distintos compoñentes que pasaron polo grupo, conta unha e mil anécdotas, na súa voz e na dos demais integrantes da formación, que nunca se separou de Ourense. “Non sei se vou ir ao ceo ou ao inferno, pero o que si sei é que o farei dende Ourense”, dicía Yosi nunha entrevista, unha idea que repetiu en moitos outros momentos:”Non fixemos nin unha puñeteira concesión a ninguén, nin sequera cambiamos a nosa maneira de vivir”. A Los Suaves: Mi casa es el rock ‘n’ roll e a Javier Domínguez perdoáselle a haxiografía, pero é que postos a facer unha haxiografía, poucos a merecen máis que Los Suaves.

Como e cando xorde o proxecto de facer este libro?

Eu xa tiña na cabeza a idea de facer un libro sobre Los Suaves, por moitos motivos: porque eu tocara alí e tamén porque os medios de comunicación nunca se portaran demasiado ben con eles, nunca lles fixeron demasiado caso, sobre todo ao comezo. Un día comenteino con Charli e deu a casualidade que Charli é unha destas persoas que ía gardando todo o que ía saíndo sobre o grupo, así que o material que tiña era inmenso. E eu tiña un amigo fotógrafo, Luis Pereiro, que me propuxo facer a medias o libro, e a meirande parte das fotografías dos últimos dez anos son del. E, por suposto, ten moita importancia o labor do deseñador, Adrián Morgade, que fixo un traballo espectacular, un rapaz que cando xurdiron Los Suaves nin sequera nacera.

Como era ser rockeiro en Ourense de 1980?

Boa pregunta. A finais dos setenta en Ourense si había grupos de pop, pero á maior parte dos músicos na cidade dáballes polo jazz. Yosi e Charly, que son uns xenios, sempre estiveron á marxe e derivaron cara ao rock and roll. Ao comezo a xente ríase de nós e mirábannos por riba do ombro, todos consideraban que estabamos tolos, pensaban que estabamos á marxe, mentres eles escoitaban a Miles Davis ou John Coltrane. Nós estabamos noutra cousa, lembro o día que cheguei de Santiago co primeiro single dos Sex Pistols, e puxémolo 20 ou 25 veces seguidas.

No voso primeiro concerto había sete persoas. Como foron eses primeiros pasos? Que sensacións tiñades?

Si, había seis, sete, oito persoas. É curioso que un deles, Alberto, un amigo meu, debeu ver despois a Los Suaves unhas cen veces, e iso que é de Madrid. Neses primeiros concertos, nos que aínda non tiñamos moita idea, poñíamos os amplificadores a tope, ao que deses. E así rachaba todo ás veces, aínda que despois Ángel Ruiz, o andaluz, o arranxaba. Despois comezou a correr a voz de que había un grupo de rapaces tocando a todo volume nunha discoteca, e nos seguintes concertos xa comezou a vir máis xente.

E todo cambia un 13 de novembro de 1981, verdade?

Si, o día que fomos teloneiros de Los Suaves na Coruña. Levabamos só uns meses tocando e, de súpeto, un día aparece un tío e pregúntanos se queríamos tocar con Los Ramones. E eu, que era un inconsciente, digo ‘por suposto’, imos onde faga falla. E foi un día incrible, porque saíu todo perfecto e a xente quedou abraiada de que houbese uns tíos de Ourense que tocasen así. A fama dos concertos de Los Ramones era que aos teloneiros había que botalos a latazos e botellazos do escenario. E en cambio acabaron aclamándonos. Case non hai fotos dese concerto, só un par de imaxes.

Unha das cousas que marcaron a historia do grupo foi que houbo moitos cambios de integrantes, por distintos motivos. Como afectou iso á banda? Como se conseguiu manter a esencia de Los Suaves?

Los Suaves teñen moitas épocas distintas. Hai que recoñecer que a chegada de Alberto Cereijo lle deu moitísimas cousas ao grupo, porque é moi bo, un guitarrista absolutamente fantástico, pero Los Suaves xa tiñan o seu estilo. Como se conseguiu? Porque Charli é a alma mater do grupo e Yosi é un gran compositor. Nos primeiros anos houbo moitos cambios porque todos necesitaban comer. Algúns mudábanse, outros metíanse en orquestras, non lle vían futuro ao grupo… Neses anos é fundamental a entrada de Moncho, Ramón Costoya, unha figura que reivindico no libro, deulle coa guitarra-pantalla un son moi característico a Los Suaves. E dende a súa entrada, en 1988, comeza unha época estable no grupo: bos músicos, moi bos discos e grandes concertos. Esa é a época gloriosa: con Ángel Barrio á batería, Moncho Costoya e Alberto Costoya ás guitarras, ademais de Charli e Yosi. Cando entran Fernando Calvo e Tino Mojón en lugar de Moncho e Gelo, é unha época de madurez, porque son uns enormes instrumentistas. Pero, en definitiva, a base de Los Suaves son Yosi, Charli e Alberto Cereijo.

Outra das particularidades de Los Suaves é que o seu cantante e referente, Yosi, era subinspector de policía, o que mesmo xerou algún problema algunha vez. Como se levou o tema, sobre todo para el, á hora de compaxinar o grupo co seu traballo?

Si, houbo algún problema, pero tampouco creas que foi para tanto, porque en canto escoitaban cantar a Yosi, a xente xa quedaba escintilada. Pero si, mesmo houbo un concerto en Compostela, nos primeiros anos, no que se armou algo o tema. Está no libro. E á hora de compaxinar as dúas cousas, ao final tampouco había tanto problema, porque Yosi non collía vacacións nunca; todas as súas vacacións, días libres e moscosos eran para tocar co grupo. E mesmo traballaba en nadal e fin de ano, imaxina que contentos estaban os seus compañeiros. E, claro, pasados os anos comezaron a irlle os seus compañeiros policía para lles asinase autógrafos para os seus fillos, porque os fillos eran fans de Los Suaves.

Outra cousa que define a Los Suaves é que pasaron por riba de modas e das distintas movidas que se foron sucedendo. Nunca estiveron na onda pero sempre estiveron aí…

Si, esa foi a súa desgraza e a súa grandeza, ao mesmo tempo. Como pode ser que a mellor banda de rock que houbo nunca en España, que bateu récords, enchendo estadios e prazas de touros, xuntando 45 mil persoas en Bilbao, 80 mil na Coruña…, como é posible que nunca saíran en El País ou na SER? E unha das razóns, seguramente, de que Los Suaves nunca foran un grupo de moda é que quedaron a vivir en Ourense, non marcharon de aquí. Outros grupos, en Madrid, tiñan contactos, amigos nos medios, levábanos ás radios… Síntoo pero é así.

A cidade adoptou o grupo como símbolo, pero ese recoñecemento tardou en chegar?

Máis veraneantes e turistas dos que pensas, antes de ir ás Rías Baixas ou volvendo, fan unha parada en Ourense para estar nas mesmas rúas de Los Suaves, facer o roteiro pola praza, o pub onde sempre se reuniron… Ese recoñecemento foi gañado pouco a pouco. Nunca houbo rexeitamento, pero o coñecemento e o orgullo foi crecendo cos anos. E despois, cando xorde o símbolo do gato, iso funciona como símbolo de Ourense. A min mandáronme fotos de xente na Estatua da Liberdade coa camiseta do gato… Todo foi chegando cos anos, pero hai que recoñecer que a cidade se portou de marabilla con Los Suaves, e Los Suaves dende logo portáronse de marabilla con Ourense.

A relación entre Los Suaves e os seus fans é moi especial. E ás veces case dá a impresión de que os concertos funcionan como unha misa, como unha comuñón, con Yosi oficiando, non cres?

Eu non diría que é unha misa, pero hai algo diso. E vouche dicir por que creo que esta relación é tan especial, e por que os fans son tan fieis. Los Suaves nunca se portaron como divos. Este rapaces de vinte anos que ían ao concerto non podían entender como remataba o concerto e os do grupo xuntábanse con eles para tomar algo. É como unha comuñón, si, como unha gran familia.

O rock é unha música universal e os referentes de Los Suaves son maioritariamente anglosaxóns, pero  creo que en conxunto Los Suaves, nas súas letras e na súa música, son un grupo moi galego. E, dende logo, convertéronse tamén nun símbolo de Galicia, non cres?

O amor a Galicia tense dende o nacemento, pero si que é certo que en todo o grupo foi aumentando ese amor por Galicia, e foi por viaxar, polas xiras, por estar lonxe. E aínda que Yosi e eu somos castelanfalantes, hai que ter en conta que fomos educados nunha época na que falar galego non era conveniente. Pero pasaba que canto máis tempo pasaban fóra, máis estrañaban Galicia e Ourense. Yosi é do Atlético de Madrid, Charli é do Barça, pero os dous son do Dépor e do Celta a morte, e sempre din que un dos seus concertos máis tristes foi o que deron o día que Djukic fallou o famoso penalti.

Hai casos, seguro que moitos, en que nunha mesma familia conviven xa ata tres xeracións de fans de Los Suaves. Ti es mestre nun instituto. Pregúntanche os teus alumnos polo grupo?

Si que pasa, si. Vaise correndo a voz, os rapaces máis maiores comezan a vir coas camisetas do gato á clase, algúns fanme algunha pregunta… E o tema das xeracións resúmocho nunha anécdota que sucedeu hai unhas semanas: unhas alumnas miñas chegaron tamén coas camisolas e preguntáronme cando saía o libro. E era para regalarllo a seus pais, que foran os que as fixeran fans. Outra anécdota: hai pouco un señor, moi maior, foille pedir un autógrafo a Charli. E Charli preguntoulle se era para o seu fillo ou o seu neto. E non, era para el. “Veño ao concerto co meu fillo, pero el ponse diante, e eu detrás de todo, que se empeza o pogo sería perigoso para min”, díxolle.

Un disco

¿Hay alguien ahí?, un disco en directo. Porque Los Suaves son un grupo de directo.

Unha canción

Si pudiera, porque ten un significado moi importante para min a nivel sentimental. Yosi escribiu unha parte importante da vida de moitas persoas, e entre elas da miña

Un concerto

Podería dicir moitos. O de Los Ramones foi incrible. O concerto de reunión tamén, mesmo chorei, por tocar e por todo. Pero o concerto máis incrible que eu vin foi o concerto do Coliseo da Coruña, en 1994; cando saíu Yosi coa camiseta do Dépor a cantar o himno do equipo, nunca vin tal histeria.

Marcos Pérez Pena

Deixa un comentario!