Menu Xerais

Memoria histórica, lirismo e linguaxe rica: «Historia da bicicleta dun home lagarto», de Fina Casalderrey. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey.

 

Memoria histórica, lirismo e linguaxe rica

Fina Casalderrey nesta novela curta, destinada en principio para rapaces e rapazas do derradeiro ciclo de Primaria e do primeiro da ESO, mestura dun xeito moi atinado a memoria histórica cun innegable lirismo (por exemplo, ao tratar o tema tan querido para esta autora como o das relacións cos animais domésticos) e cunha linguaxe literaria de gran riqueza.

O argumento pertence a ese tema que demos en chamar memoria histórica. Trata o asunto do rapaz que queda sen pai porque está fuxido e despois condenado ao cárcere por non estar de acordo coa sublevación franquista. Os motivos desta represalia quedan na sombra. Como di a nai, o pai e toda a familia realmente non son de ningún partido, senón só dos que queren unha sociedade máis igualitaria e xusta: Dos nosos? De cales somos nós, papá? Dos que non queremos guerras, que só desexamos sentírmonos libres… E cremos nos dereitos de todos os seres humanos, e gustamos de camiñar sen empuxar e sen que nos empuxen pola forza… (páxs. 125-126).

Como xa digo, o argumento, baseado na detención-volta do pai antifranquista, está moi ben desenvolvido, mesmo coa aparición dalgún personaxe histórico como Miguel Hernández. Acerta así mesmo a autora cando nos vai descubrindo o que é a guerra desde a perspectiva do preadolescente Mundo, que lle vai pondo significado contextual e situacional a termos e expresións como paseo, río revolto, Batalla de Teruel, Refuxiados, Guerrilleiros, Resistencia…

A obra presenta valores que emocionan e consegue isto sen dar leccións nin facer pedagoxía barata. Neste caso está a relación de amizade-solidariedade entre o pai de Mundo e mais o home lagarto, o empregado de teléfonos Antonio. Tamén nos toca a fibra sensible a admiración polo traballador eficiente que experimenta o rapaz Mundo perante Antonio, o home lagarto, imaxe moi lograda para aludir ao oficio e habilidades de Antonio. No mesmo caso está tamén a relación que establecen os personaxes principais do relato cos animais domésticos. Non hai didactismo na presentación destes valores, senón un innegable lirismo.

O texto presenta así mesmo unha linguaxe literaria e expresiva moi rica. A autora xoga coas acepcións das palabras e así o nome do protagonista Rai-mundo é máis grande ca un edificio de trinta plantas (páx. 9). O pai tiña máis de mil cincocentas cabezas de gando. En realidade non eran cabezas, eran ovellas enteiras (páx. 10). Non faltan tampouco imaxes de gran forza como … víanse as casas e as murallas de Albarracín baixando cara ao río Guadalviar… Semellaban fermosas pezas de xoiería bordadas no manto dun mago… (páx. 13). Os postes do teléfono son mastros xigantes (páx. 18). Así son aludidas as bágoas da nai do protagonista: … que os ollos de Azucena se mollaran cunha chuvia invisible (páx. 59). En fin, os personaxes positivos, como Antonio ou Azucena, distínguense tamén pola súa creatividade lingüística. Os rapaces e rapazas cando lean a novela deben captar esta riqueza lingüística, aínda que teñan que ser guiados polo profesorado neste labor. (…)

Volvendo ao rego, moi bo relato para rapaces e rapazas do derradeiro ciclo de Primaria e mais do primeiro da ESO. Iso non quere dicir que un lector adulto non poida gozar tamén cunha novela curta coma esta. No eido da ilustración acertou a ilustradora Laura Súa Campo, pois os lectores e lectoras novos xa non identifican moi ben o que é iso dos postes de teléfono nin os operarios que ruben por eles. Coas ilustracións decataranse de como eran estes oficios e obxectos hoxe en transo de desaparición ou desaparecidos xa.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!