Menu Xerais

Moi boa novela sobre a anorexia: «O Gran Reino», de Eduardo Santiago. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre a novela O Gran Reino, de Eduardo Santiago, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2014.

 

 

Entre o documento e a fantasía

A novela que agora comentamos foi Premio Jules Verne 2014 de Literatura Xuvenil de Xerais. Sorprende gratamente a combinación que se dá nela entre o relato documento sobre un dos problemas que afectan ao mundo adolescente, a anorexia, e a creación de mundos totalmente fantásticos.

A novela ten a estrutura do que podemos chamar novela de personaxe ou protagonista, pois céntrase na figura dunha adolescente duns catorce anos dunha extraordinaria intelixencia, que crea mundos fantásticos e ten unha portentosa mente matemática, así como un gran poder de suxestión e manipulación sobre os demais. Un bo día, non sabemos se por un proceso de anorexia convencional ou por outra causa, decide deixar de comer. Iso lévanos, nunha arrepiante novela documento, ao mundo da anorexia, especialmente da anorexia adolescente feminina.

Xa que logo, esta parte que poderiamos chamar realista entra no eido da novela psicolóxica, pois analiza a complexa psicoloxía dunha adolescente que padece anorexia ou cando menos un trastorno que a leva a non comer, así como ao da novela documental, posto que presenta de forma obxectiva, mesmo científica, o mundo da anorexia, xa non só desde a perspectiva da protagonista anoréxica, senón desde o da familia. Cómpre fixarse no ben e fidedignamente trazadas que están as reaccións perante o problema do pai e mais da nai. É o que acontece na maioría das familias que teñen entre os seus membros un adolescente anoréxico.

O segundo elemento desta novela pertence ao terreo da fantasía reprsentado polo reino de Margonia, creación da mente da protagonista na liña dos mundos fantásticos de Narnia. Mais o autor fai penetrar nesta parte a matemática e a xeometría con fractais e outros conceptos matemático-xeométricos. O mesmo desenlace é un problema matemático. Ben vido sexa á literatura galega o tema científico-matemático, máxime cando o chamado Decreto de Plurilingüismo botou fóra do Ensino as ciencias, como ben lembra estes días Manuel Bragado no seu blog Brétemas. (..)

Volvendo ao rego, moi boa novela documento sobre o mundo da anorexia. Os mundos fantásticos, na liña de Narnia, actúan como contrapunto de tanto realismo documental nun intento de combinar o documento coa fantasía. Paréceme a lectura desta novela moi útil xa non só para o público xuvenil, ao que teoricamente se dirixe, senón tamén para pais-nais e profesores-profesoras como un primeiro achegamento ao mundo da anorexia. Tamén é moi útil tomar textos desta novela sobre o problema da anorexia para os comentar nas clases de ESO e Bacharelato. A anorexia, como o acoso escolar ou o machismo, están moi presentes aínda nas nosas aulas. O profesorado ten un pouco a tendencia a pechar os ollos perante estas realidades dicindo que non son temas académicos. Dar clases supón algo máis que examinar sobre coñecementos e cualificar. Hai que educar tamén e transmitir valores. Por iso non virá mal, xa digo, utilizar páxinas desta novela para as comentar nas clases de ESO e Bacharelato. Virá mellor iso que tanta tradución de textos casteláns de Marinas, Savater e outros, que tanto aparecen nos libros de texto galegos traducidos do castelán. O profesorado galego ten que utilizar a literatura actual para a comentar nas súas clases, aínda que sexa na forma de textos fragmentarios. Así ademais, facendo unha pequena análise da obra da que se toma o fragmento, estarán a espallar a literatura de noso entre o alumnado e a loitar contra a diglosia lingüística e cultural. Claro que para iso cómpre dotar ben as bibliotecas de centro e seminario… Esta que propomos aquí, de comentar as obras que saen en galego na liña sinalada, é unha boa maneira, xa digo, de loitar contra a diglosia lingüística e cultural-científica.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!