Menu Xerais

No engaiolante universo de Ledicia Costas. Anotación de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre a presentación de Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Premio Merlín de Literatura Infantil 2014,

 

NO ENGAIOLANTE UNIVERSO DE LEDICIA COSTAS

Foi unha presentación deliciosa. Con sabor. Ou, mellor dito, con sabores. Todo sabía a chocolate, a morango, a mazapán, a galleta, a… LITERATURA. Si, a LITERATURA con maiúsculas.

O libro pedíao. Todo o que sucedeu na Casa do Libro foi esta saborosa novela a que o demandou.

Estou a falar de Escarlatina, a cociñeira defunta, magnífico libro gañador do Premio Merlín 2014, cuxa autora, Ledicia Costas, está a converterse nunha das voces más importantes da LIX galega

As delicias de Begoña, a irmá da autora, colocadas nun lugar ben visible da sala, chamaron a atención poderosamente. Primeiro, pola súa arte; despois, porque estaban riquísimas.

Un altar para comelo!
Helena Pérez, a editora do libro (e de tantos bos libros!), a quen quero e admiro, iniciou o acto dun xeito orixinal e moi agarimoso cos que estabamos na mesa (ademais dela, a autora, o magnífico ilustrador do libro, Víctor Rivas e mais eu). Con moito agarimo, foi achegándonos ao público a través do que nos gusta ou non nos gusta nesta vida. Resultou moi atractivo e orixinal.

Despois tocoume falar a min. Dixen do libro aquilo que necesitaba dicir. Porque esta novela me encantou. Un texto intelixente, cun humor macabro universal; unha desmitificación da morte (porque, como dixo a autora, “aos nenos pódeselles falar de todo”, algo que eu afirmo tamén). Unha novela de aventuras, na que Román, un neno de 10 anos a quen lle gustaría ser chef, recibe, como agasallo de aniversario, un curso de cociña moi especial. Aparécelle a través dun mensaxeiro misterioso un cadaleito cunhas instrucións de uso. Dentro, en pezas, vén Escarlatina, unha cociñeira que morreu no século XIX, á que debe reactivar e salvar de volver morrer. Para iso, terán que viaxar nun mortobús (magnífico descubrimento da autora) ao Inframundo, lugar dominado por Amanito, terrible personaxe, malo, malísimo, quen cos seus esbirros semella ter todo controlado. No Alén, para acadar os seus obxectivos, deberán pensar e cociñar un manxar que guste por igual a vivos e mortos. A partir de aquí, o enxeño da autora vai crear un universo extraordinariamente suxestivo no que irán aparecendo personaxes curiosos (atención especial ao avó de Román, que morreu hai un certo tempo e con quen o rapaz mantiña unha relación de cariño e complicidade marabillosa) nunhas situacións divertidas e orixinais que atraparán o lector e conseguirán que o pase moi ben no medio de todos eles.

A miña intervención.
Estamos diante dun libro “apetecible”. Un libro que son dous, pois ao longo do mesmo a autora irá introducindo receitas que os nenos poderán realizar na compaña dos adultos. Literatura e cociña xuntos, como fixeran antes Tim Burton ou Roald Dahl (que eu recorde) nunha historia moi ben construída.

Xogos de palabras, de conceptos, co enxeño en cada parágrafo. Cuns personaxes atraentes, con música (magníficos os versos de rap cos funguiños, os esbirros de Amanito), con descricións ben ricas, cun léxico do Alén moi significativo e unha trama que te atrae sen dificultade.

E, como quen non quere a cousa, unhas pinceladas –a máis- para reflexionar arredor da vida: os abandonos das mascotas, o alzheimer, as aldraxes que soltamos sen pensar (descerebrado, por exemplo), as demasiadas actividades que fan os rapaces, a crise (os pais de Román están sen traballo)… Todo contado, por certo, polo protagonista principal nunha primeira persoa moi conseguida, nun ton fluído que atrapa.

Un libro sen idades. Para gozar todos os lectores e lectoras que non teñan prexuízos ás etiquetas. Unha alfaia que dará que falar.

As ilustracións de Víctor Rivas, espléndidas. Unha lectura perfecta do universo que propón Ledicia Costas. Moi expresivas, cheas de tenrura e humor, son un exemplo do que pode aportar un ilustrador a unha historia determinada. Na presentación expresou a satisfacción por ter a oportunidade de facer este traballo.

Helena, Antonio e Víctor Rivas.
Falou Ledicia para poñer punto final ao acto. Con elegancia deixou no aire certas chaves da novela, contou algúns segredos que levaba gardados dende hai anos, agradeceu a forma de levar en equipo (con Víctor e Helena) este proxecto, gabou as larpeiradas da súa irmá e demostrou que é unha persoa coa cabeza moi asentada, que xa é unha realidade e que lle agarda un porvir verdadeiramente magnífico.

Intervención da autora.
Un acto fermoso, contido, medido. Un exemplo de proximidade e empatía co numeroso público asistente, que tivo o broche de ouro coa degustación das larpeiradas do Inframundo que tanto sorprenderon aos que alí tivemos a sorte de vivir esta experiencia literaria.

Remataba aquí este artículo, pero dende esta presentación lin o único libro que me faltaba por ler de Ledicia Costas: Recinto Gris. Acabo de rematalo e, de novo, teño que felicitar á autora.

Un exército de soldados con cabeza de lobo atacan Cidade Vii, rexistran as casas e deteñen a todos aqueles habitantes que son considerados diferentes. Teñen instrucións ben claras de meter en camións a todas estas persoas que, por seren distintas, perturban o equilibrio social. Coma reclusos, son levadas a Recinto Gris, un lugar habilitado para aloxar a estes seres que non entran no deseño dos xefes deste maldito exército.

Nube, o avó (sempre a figura dos maiores aparece con forza na obra desta escritora), o neno lepidóptero, a muller coa cabeza de rata, o albino Mun, o home do transistor, Nené… son uns personaxes creados por Ledicia para desenvolver a súa novela, unha aventura perigosa na que a solidariedade, a afouteza, a amizade van ser determinantes no seu desenvolvemento.

Unha novela áxil, moi ben narrada, crítica. Unha novela en contra da opresión, da falta de liberdades. Unha novela a prol do ser humano que ten todo o dereito a ser el mesmo. Unha novela intensa, humana, “arriscada” en palabras da autora, cun resultado moi positivo.
O que dixen antes serve para rematar: estamos diante dunha escritora que está a dar pasos decisivos para deixar unha fonda pegada no eido da LIX. E eu son feliz de que así sexa.

Antonio García Teijeiro

Deixa un comentario!