Menu Xerais

O onírico e o fantástico nunha novela con excelente dominio narrativo: «Os santos nunca dormen», de Teresa González Costa. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Fugas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro Os santos nunca dormen, de Teresa González Costa.

 

Os santos nunca dormen, de Teresa González Costa

González Costa intérnase, con Os santos nunca dormen, na cerna dun xénero onde exhíbe, por unha banda, un excelente dominio da arte da composición narrativa e, por outra, unha concepción integradora e rendible da materia narrativa que recrea. Non é, pois, esta novela un paso temesiño dado con inseguridade, máis ben todo o contrario: a proposta destila unha vontade moi clara do que se quere contar e como se quere contar. Para este obxectivo recorre ao vello recurso do manuscrito atopado, neste caso por un doutor que, ao desvelalo, posibilita que comece o  desfile dunha galería de personaxes perfilados con solvencia da man de Jeremías, un restaurador de imaxes de santos e dono dunhas facultades especiais, que chega a unha vila innomeada para exercer o seu traballo e que irá fascinándose aos poucos coas xentes que poboan aquel lugar: persoas desacougantes, enigmáticas, misteriosas e sorprendentes que alimentan unha sorte de trasmundo onde as lendas, o onírico  ou o fantástico cobra unha inusitada presenza que todo o enchoupa ata o punto que talvez só esta deriva sexa quen de explicar as claves dese espazo que abala entre o absurdo e o tráxico, por veces revestido de comicidade.

            Alén do apuntado, a novela afonda, desde un simbolismo de raizame bíblica e literaria, en asuntos de moi diverso carácter como o cuestionamento da liña que separa a tolemia da cordura, a busca do verdadeiro rostro do pasado onde  non todo foi como parece, o exercicio do poder, as crueis dinámicas da violencia ou mesmo o que os sentimentos agochan…, iso que, en tantas ocasións, esgaza ou salva a vida dos que alí moran.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!