Menu Xerais

O poder da imaxinación: «O refugallo», de Paula Carballeira. Crítica de María Navarro

María Navarro publicou as páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre O refugallo, de Paula Carballeira, Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, editado en colaboración con AGADIC.

 

 

O papel da imaxinación

Con substancias de refugallo

A compañía Berrobambán estreou a principios do ano que acabamos de rematar a obra O refugallo no Salón Teatro de Santiago de Compostela e a finais dese mesmo ano Edicións Xerais de Galicia publicouna na colección “Biblioteca Dramática Galega” para que os lectores poidan actualizar o texto cantas veces queiran.

Trátase dun texto no que interveñen catro nenos que, a través do diálogo,van construíndo o seu propio universo de ficción, onde cada un dos elementos que o compoñen teñen a súa utilidade, a pesar de seren materiais desbotados e aparentemente inservibles. E son as substancias de refugallo, as ideas extravagantes e os desexos ben argumentados os que enchen de contido o espazo que deixa a propia supervivencia.

A imaxinación xoga en todo momento o papel que noutras circunstancias desempeñarían os decorados suntuosos, a potente iluminación, as sonoras notas musicais ou o atrezzo máis novidoso, porque todo fica pequeno e insignificante cando a fantasía o embarga todo co obxectivo de alimentar o espírito e nutrir o ánimo.

Catro personaxes, Isolda, Borboronte, Hipatia e Lustrucú nun lugar calquera onde a xente deita o que xa non vale que fixeron as delicias do auditorio máis esixente e tamén as fará dos lectores máis delicados.

María Navarro

Deixa un comentario!