Menu Xerais

Obxectos fabulosos e espécimes exóticos dun personaxe singular: «O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte» de Irene e Rodrigo Pérez Pintos

Tendencias, de Galicia Confidencial, publicou unha información sobre o libro O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte de Irene Pérez Pintos e Rodrigo Pérez Pintos.

 

O Gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte

O pasado venres presentouse en Vigo un interesante libro sobre o descoñecido Gabinete das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte. Museo de pezas singulares, obxectos fabulosos e espécimes exóticos, de principios do S. XX que os autores recrean hoxe e mañá en Vigo, na Escola Municipal de Artes e Oficios.

Un de tantos filántropos repartidos polo país, Arxentino da Rocha Alemparte trouxo moito máis que unha fortuna da emigración. Trouxo a maleta do emigrante da que falaba  Manuel Rivas, inzada de novas ideas, de frescura e orixinalidade, tal e como fixeran os betanceiros García Naveira ou tantos outros.

Ten en común cos irmáns García ese afán de achegar o mundo que viran aos seus veciños. Os García Naveira deron forma ao seu soño cun gran parte temático, enciclopédico, con estatuas, paneis e inscricións do que polo mundo viran: o Parque do Pasatempo. A gran obra vital de Arxentino da Rocha foi un museo, o Gabinete das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte.

Fundou o museo na súa querida Xunqueira de Ambía e foino dotando de singularidade, de fábula e exotismo con pezas diversas: máscaras africanas, ósos, animais desecados ou en formol, pinturas, moedas, inventos, enxeños mecánicos e outras rarezas.

Deuse en chamar Gabinete das Marabillas precisamente pola súa miscelánea semellanza conceptual con aqueles renacentistas gabinetes de curiosidades ou cuartos de marabillas e que están precisamente no xermolo dos modernos museos. O certo é que algo de home renacentista debía de ter este pintoresco Arxentino da Rocha, de quen o propio Hemingway dixo “de non ser galego, só sería crible como personaxe literario”.

Mais o pobre de Arxentino non foi quen de ver o seu soño cumprido. Coma tantas outras angueiras ficou truncada dun golpe no ´36. O Museo nin tan sequera chegou abrir. Ficou pechado, precintado, coma un fósil dos moitos que contiña. Co paso do tempo, o gabinete adquire unha nova dimensión, a dunha máquina do tempo que de seguro Arxentino tería adquirido de existir. Trasládanos a un mundo máxico, cargado de fantasía, mais tamén a un mundo moi real, ao pasado dun país marcado todo un século pola masiva emigración e un golpe de Estado.

Os autores deste libro editado por Xerais, os irmáns Irene e Rodrigo Pérez Pintos, quitan o precinto a ese museo non nato e nolo achegan, a través do propio libro, mais tamén a través da exhibición dos obxectos que Arxentino da Rocha recompilara durante a súa vida. A exposición pódese visitar hoxe, luns 28 e mañá, martes 29 na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Para abrir boca, deixámosvos o booktrailer:

 

Deixa un comentario!