Menu Xerais

Os territorios escuros da sociedade: «Conduce rápido», de Diego Ameixeiras. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Fugas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre a novela Conduce rápido, de Diego Ameixeiras.

 

CONDUCE RÁPIDO

ESA OLLADA INCISIVA

AMEIXEIRAS VOLVE TRIPAR POLOS CAMIÑOS DA NARRATIVA NEGRA CUNHA NOVA NOVELA QUE ENCAIXA Á PERFECCIÓN NOS ESQUEMAS NARRATIVOS E TEMÁTICOS QUE DOMINA CON SOLVENCIA

Non muda de ruta literaria Diego Ameixeiras neste Conduce rápido. É ben probable que tampouco sexa necesario pois o autor segue a radiografar eses territorios escuros da nosa sociedade e do noso tempo que, talvez, non se ven ou non se queren ver, malia estaren aí. Explícome: non só persegue facer ficción con aquilo que aflora nas páxinas de sucesos senón que afonda no perfil das persoas que a propia sociedade desterra a diferentes submundos.

       Con trazo rotundo e certeiro, facendo gala dun traballado esencialismo narrativo que prescinde do accesorio, a novela avanza fragmentariamente ao longo de cinco días mentres se deseña unha mesta rede de relacións entre as vidas duns personaxes que van cobrando vida propia, inseridos sempre nese espazo das marxes ao que a sociedade os confina ou condena para construír un mundo de seu baixo o ditado da subsistencia e, en tantas ocasións, da violencia.

Nesta ocasión,  dous irmáns que viven na cidade de Compostela procuran unha saída, sexa esta cal for, que supere o estado de menesterosidade e precariedade no que alentan e que poida ofrecerlles outro horizonte para as súas vidas. A oportunidade virá da man dun negocio ilegal que desatará o desenvolvemento dunha trama que avanza a gran velocidade, sen nunca ofrecer tregua nin descanso.

Alleo a intencións moralizantes, Ameixeiras presenta aquí un universo literario sólido e verosímil. Daquel Balbino de Neira Vilas que se definía como un “ninguén” a outro personaxe de Ameixeiras que adopta nesta novela idéntica categorización dista un mundo mais ambos os dous son tripulación dun barco que segue unha singradura, malia todo, que avanza. Dá xenio seguir o seu ronsel.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!