Menu Xerais

Realismo máxico: «Volverás, golfiño», de Andrea Maceiras. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre a novela Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras, ilustrado por Víctor Rivas.

 

A Costa da Morte, espazo real marabilloso

   O realismo marabilloso ou máxico considera que as persoas vivimos no mundo empírico e observable polos sentidos, pero, ademais deste mundo da experiencia inmediata, existe outro mundo, que coexiste co primeiro, de fantasía e misterio ao que se accede moitas veces polo insconsciente, o soño ou a alucinación. Ambos os mundos conviven e así mestúrase a historia coa fantasía, a realidade co imaxinado e mesmo non se sabe ben cales son os límites entre o natural e o marabilloso. Esta mestura aparece xa na literatura popular oral de contos, mitos e lendas. A autora deste relato dirixido aos rapaces e rapazas combina a realidade e historia da Costa da Morte cos seres e temas fantásticos, enraizados en tradicións e contos populares, conseguindo un efecto de realismo máxico ou marabilloso.

Aínda que a narración se centre aparentemente nunha protagonista, Iris, que está ás portas da adolescencia, imponse a paisaxe e mesmo a historia da Costa da Morte como personaxe colectivo coas súas historias de naufraxios, desde o mítico HMS Serpent ao Prestige, ou a súa paisaxe, tanto a natural como a humanizada (os faros, o Cemiterio dos Ingleses). Xa que logo, estamos perante un relato curto cuxo gran personaxe é o mundo mariñeiro, natural e histórico, da xa mítica Costa da Morte.

Como xa dixemos, aparece a realidade empírica e perceptible da paisaxe, o clima ou os naufraxios cando o mar se pon bravo, mesmo dos que constitúen fitos históricos na historia do mar como os xa citados do HMS Serpent ou máis recentemente do Prestige. Mais tamén aparece o mundo marabilloso e misterioso ligado ao mar, como os espíritos dos afogados que buscan o descanso, as alucinacións que non sabemos se son desordes psicolóxicas ou formas diferentes de coñecemento e as coincidencias misteriosas. Estamos así no eido do real marabilloso ou realismo máxico. (…)

Volvendo ao rego, estamos perante unha autora nova, das máis novas da xeración do novo século/da esperanza, que aínda non fixo os trinta anos e que, como xa dixemos en Nubes de evolución, ten ante si un gran porvir e xa non só na narrativa infantoxuvenil, senón na narrativa en xeral, como xa sinalamos cando comentamos aquí Nubes de evolución. Á parte de entretida, esta obra resulta moi apropiada para pór os rapaces e rapazas do derradeiro ciclo de Primaria ou do primeiro da ESO en contacto con ese espazo xeográfico de noso xa mítico como é a Costa da Morte e a súa historia mariñeira marcada polos naufraxios célebres. Por outra banda, a mestura entre realidade-historia e o mundo marabilloso de historias populares de náufragos que buscan o descanso eterno mentres vagan como pantasmas ou as formas de coñecemento e percepción á marxe das racionais é un acerto, que sitúa a Costa da Morte no eido do real marabilloso, facendo xustiza a ese nome de Costa da Morte. Moi apropiadas son tamén as ilustracións de Víctor Rivas, especialmente aquelas que suxiren a aparencia dos pantasmas dos irmáns náufragos, comezando pola propia tapa do libro.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!