Menu Xerais

Tobaruela e os heterónimos. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación da novela Vapor, de Pere Tobaruela, asinada co heterónimo literario Lea Tobery.

 

 

Tobaruela e os heterónimos

Presentamos no serán de onte na Feira do Libro de Compostela Vapor, a novela coa que Pere Tobaruela desvela o seu heterónimo feminino de Lea Tobery. Un xogo literario, iniciado coa publicación da novela Resurrección, de quen a presentadora, a escritora Ledicia Costas, definiu con ironía como «un mentireiro divertido, que gusta de engaiolar ao público, un ousado e un farsante, que xoga coa literatura para seducir aos seus lectores e lectoras».

A coidada construción do heterónimo de Lea Tobery obrigou a Tobaruela a dotalo tanto de personalidade (unha xove escritora estadounidense casada cun axente literario, contadora de fenómenos paranormais e lectora letraferida) como de singularidade literaria e estilística, especializándoa en novelas xuvenís románticas, relatos onde se poñen en xogo moitas emocións, viaxes cara a fronteira existente entre o real e o irreal. O propio Tobaruela confesou na presentación que quixo que a farsa fose auténtica e que, como fixera Fernando Pessoa cos seus heterónominos, cando escribía como Lea Tobery pretendía afastarse estilisticamente o máis posible de cando escribía como Pere Tobaruela en novelas como Poñente ou O códice do Santo Lugar.

Na actualidade dous dos casos máis salientables de utilización do xogo do heterónimo literario son o do escritor irlándés John Banville, que asina as súas novelas de xénero negro como Benjamin Black, e o do arxelino Mohammed Moulessehoul, que despois de publicar seis novelas co seu nome real decidiu refuxirase no heterónimo feminino Yasmina Khadra (xazmín verde). Na literatura galega son ben coñecidos os heterónimos de Ferrín (Dosinda Areses, Heriberto Bens), Paco del Riego (Salvador de Lorenzana) ou Celso Emilio Ferreiro (Arístides Silveira), por só citar algúns.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!