Menu Xerais

Un libro ben recomendable: «Ovella descarreirada», de Marilar Aleixandre. Anotación de Miro Villar

O escritor Miro Villar publicou no seu blog unha anotación sobre Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, ilustrado por Óscar Villán.

 

 

Ovella descarreirada (@Xerais), de Marilar Aleixandre

Nesta anotación da bitácora, realizada hai xa tres anos, facíame eco dunha excelente campaña promocional da Associação Portuguesa de Editores e Livreiros para os dias de nadal na que se dicía moito en tan só dezasete segundos: «Livros! Não sei se alguma vez vos disse isto, mas os livros são o melhor presente que uma pessoa pode dar a outra».

E como engadía daquela cómpre agasallar libros e moito mellor se se tratar de literatura galega, porque estaremos a defender un sector fundamental para a nosa cultura e para a nosa lingua, quer na noite do noso Apalpador ou do Papai Noel (brasileiro) ou do Pai Natal (portugués) ou quer na noite dos Magos de Oriente.

Un libro ben recomendable para o agasallo é Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, con fermosas e magníficas ilustracións de Óscar Villán (entrade na súa pácina premendo no nome), e que se publica na singular colección Milmanda de Xerais.

Tiven a sorte de coñecer o libro en mecanoscrito, antes da súa primorosa edición, e mesmo fixen algunha pequena suxestión que Marilar agradece de xeito desmedido no remate do libro, un volume que principia con dúas fermosas dedicatorias: «A Agustín Fernández Paz / polas moitas veces que nos descarreiramos xuntos» e «Para Adriana Vence Nogueira, a prendendo a descarreirarse».

Son 33 poemas estruturados en tres partes simétricas de 11 textos: «ovella negra», «valeime, pugas dos toxos» e «apañando a primavera». Os versos seguen a liña poética e narrativa que xa é un fío común en boa parte da obra de Marilar, a deconstrución e reelaboración de mitos, clásicos ou populares. E do punto de vista formal tocan moitos paos, versos sinxelos, con moita musicalidade e con preocupación polo ritmo (de feito o libro inclúe o poema «corazón de sal», que foi musicado no disco Consentimento de Leilía), xunto a outros de versos moito máis elaborados e complexos.

Velaquí, como mostraxe, un poema de cada unha das partes: «ovella descarreirada» da primeira, «os topónimos arreoóñense» da segunda e da terceira «brúa a vaca».

ovella descarreirada

eu son a ovella negra
e descarreirada
a sardiña que medrou de máis
e trinca a cola dos tiburóns
a que se empeña en tarefas inútiles
colle auga en cestos
e fai rabos ás culleres

a que corrica en sentido contrario ao rabaño
a que renega das tradicións
e desafina no coro
a que esquiva o sol que máis quenta
fai oídos xordos cando cacarexa a pita
ou o río roxe
e deixa rabiños sen esfolar

a ovella que non vai á noite para a cortella
a que non é caladiña nin mira baixiño
e ri a destempo
a que lle conta ás nenas que os bicos con lingua
son máis saborosos
e anda a rolos no herbal
sen coidarse da súa reputación
a que non ten vergonza
de ser unha ovella
descarreirada

os topónimos arrepóñense

aquí as Escaselas
campando por Fisterra
refusan ser a curva da Anchoa
outros culpan á concentración parcelaria:
onde foron a Chousura, o Noucho?
cando o noucho non levaba m
tiñamos nome
fomos engulipados polos Milladoiros
non che teño medo, noucho
noucho, non che teño medo

entullaron as Corredoiras
mais seguimos baixo o cachote
nas rodeiras fican escritos
os carros coa valumada
chegan de apañar a primavera
rebentos de toxo, chorimas
fieitas e algunha canción

Dornas estremaba coa Rucheira
antes de achandaren os arrós
o herbal de Dornas chora polas vacas
como os peitos da nai ao quitarlle o fillo
os Seis Ferrados non queren ser oito
rexeitando os anovados
que arrincou ao monte o bisavó

os topónimos arrepóñense
teiman en seguir vivos
malia non estaren gravados
en metal nin pedra
senón inscritos na memoria
cando sopra o Nordés oulean
Tallo do Vao, Cernado, Mallou
Rego Mar, Cantorna, A Croa
A Grixa, Chorente, Monte Rou
As Laxes, Rebelle, Figueiroa

brúa a vaca

en días de temporal
á noitiña
cando os barcos poden perder o rumbo
estrelárense nos cons
aínda se escoita o bruar da Vaca de Fisterra
resoando de cabo a cabo

brúa a vaca
do cabo da Nao a Fisterra, de Fisterra a Touriñán
do Vilán ao Roncudo
do Roncudo a Punta Nariga
de Punta Nariga ás Sisargas
das Sisargas a Santo Adrián

brúa a vaca
máis alto que o bradar do mare
que o zoar do vento
para non perdermos o rumbo
en tempos atroces
brúa a vaca
contra desleixo e cobiza
do Pindo a Baldaio
do Monte Branco a Traba

brúa a vaca
lembrando voces perdidas
o aturuxo da fervenza do Ézaro
que se sentía no val de Toba
antes de encanar a auga

escoita! escoita!
que o bruar da vaca
non sexa en van

Deixa un comentario!