Menu Xerais

Un libro moi creativo: «Cadeas», de Xabier López López. Crónica da presentación

A edición do Barbanza de La Voz de Galicia publicou unha información de María Hermida sobre a presentación de Cadeas de Xabier López López, Premio Xerais de Novela 2013 na Pobra do Caramiñal. No acto, que estivo organizado pola Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Libraría Ler da Pobra e Xerais,  participaron Amparo Cerecedo, presidenta do Centro Comercial Aberto O Deán, Agustín Agra, escritor e socio de Barbantia e Xabier López López.

 

Encadeados á cultura na Pobra

Barbantia presentou nun cálido acto «Cadeas», o libro gañador do premio Xerais 2013

Hai cadeas das que un nunca se querería soltar, das que permanecería pendurado para e por sempre. Seguramente, posiblemente iso sexa o que lles pasa aos que conforman a familia de Barbantia coa cultura, coa que están intimamente ligados de xeito total e permanente, tal e como volveron amosar o venres a última hora na Pobra. Nun acto cheo de agarimo, presentaron o libro que gañou o premio Xerais 2013, escrito por Xabier López López que, precisamente, se titula Cadeas. E que fala de cadeas algo máis difíciles, por exemplo, da escravitude que ás veces supón a busca do lector polo autor.

Esa reflexión foi feita polo propio creador da obra, que tamén dixo que o título da novela ven dado porque se trata dunha serie de historias encadeadas. O texto, no que a ironía e o humor teñen unha vital importancia, e que tamén toca aspectos como a violencia e o colonialismo cultural, da ganas de lelo só escoitando o que dixo Xabier López del: «A novela foi unha aposta moi forte, a dificultade será escribir outra despois desta, na que o autor puxo o mellor de si mesmo», afirmou con rotundidade. E isto saíu da boca unha persoa que ten publicadas dez obras coas que gañou galardóns tan importantes como o Lueiro Rey, o Vicente Risco, o García Barros e o premio Xerais. Así que as súas letras prometen.

Precisamente, Agustín Agra, biólogo, narrador e socio de Barbantia falou de que o libro é moi creativo, nada convencional, e moi propio dun creador que ás veces vai por diante da forma tradicional de analizar a literatura. Agra, que iniciou un diálogo con Xabier López e fixo referencia tamén ás súas escritas anteriores, foi a persoa que se ocupou de presentar o número 92 do suplemento A Voz de Barbantia, de La Voz de Galicia.

Entronque coa gastronomía

Tamén falou no acto celebrado na Pobra o adegueiro Francisco Crusat. Fíxoo para facer referencia á importancia da cultura gastronómica, que tamén axudou a mudar a imaxe de Galicia, dando categoría internacional aos viños e á cociña. Como autor dun dos caldos propios de Barbanza, feitos con uvas raposo. Crusat queixouse de que estes viños non entren na denominación Rías Baixas, posto que a comarca está moi ligada á ría de Arousa e á provincia de Pontevedra. Crusat Mesturou no seu discurso tamén viño con literatura, ao lembrar que o propio Valle-Inclán intentara no seu día salvar os viños propios da comarca cunha iniciativa posta en marcha en Colo de Arca, pero que fracasou.

Quen non navega no mar do fracaso é o viño elaborado por Crusat, da adega Entre os Ríos, que ao final do acto se puido degustar acompañado duns petiscos. Mentres, a libraría Ler, que colaborou co acto, puxo á venta novelas do último premio Xerais de Novela, dese Cadeas que con tanto entusiasmo se presentou.

 

Deixa un comentario!