Menu Xerais

Videoconferencia hoxe con Carlos Reigosa, autor de «A vinganza do defunto»

O escritor Carlos G. Reigosa intervirá esta tarde ás 18.30 no Salón de actos da Uned de Coruña, dentro da actividade «A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores». A intervención será retransmitida en directo a través da seguinte ligazón:

https://www.intecca.uned.es/portalavip/directos.php?ID_Grabacion=73309&ID_Sala=11673

O Galicia Hoxe recolle unha información sobre a súa última novela, A vinganza do defunto.

 

Misterio na cidade de vigo

Carlos G. Reigosa regresa co detective Nirvando Castro para resolver un misterio coa II Guerra Mundial como fondo

Prevé tres novelas máis da saga do investigador e que rematen sendo unha “biografía dos seus protagonistas”

O detective Nirvando Castro, figura que o escritor Carlos G. Reigosa creou en 1984 coa publicación de Crime en Compostela, regresou ás librarías con ‘A vinganza do defunto’ (Xerais), unha novela na que desentrañará un misterio vinculado coa II Guerra Mundial e ambientado na cidade de Vigo.

O escritor presentou este martes en Santiago a novela en compañía do director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, e un introdutor de excepción, o presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero.

En ‘A vinganza do defunto’, un suceso acontecido durante a II Guerra Mundial nun Vigo cheo de nazis e aliados terá consecuencias 70 anos despois, cando o nonaxenario Eliseo Sandamil Bentraces teme ser vítima dunha vinganza e contrata ao detective.

Tal e como explicou Carlos G. Reigosa, a novela une nun mesmo discurso narrativo personaxes reais e ficticios e desenvolve unha historia moi “local” pero que ten ramificacións internacionais a través do tráfico de wolframio dende Galicia.

Desta entrega, o autor destacou a presenza de personaxes reais e a posibilidade, co paso do tempo, de explorar a demencia como elemento de revelación. Ao mesmo tempo, evidencia a súa propia “visión de Vigo” como urbe con “todos os elementos para desenvolver unha intriga”.

QUINTA ENTREGA

‘A vinganza do defunto’ é a quinta entrega da serie protagonizada polo detective Nirvando Castro, unha saga que, destacou o autor, a diferencia doutras series de novelas policíacas, vai envellecer os seus protagonistas. O detective Castro, ao igual que o seu compañeiro, o xornalista Carlos Conde, teñen nesta novela 30 anos máis que na inicial ‘Crime en Compostela’, co cambio consecuente no seu xeito de vivir, pensar e analizar os feitos.

Carlos G. Reigosa previu tres últimas entregas para a serie de novelas protagonizadas por este detective e que serán “unha biografía dos seus protagonistas”.

Deixa un comentario!