Menu Xerais

Xerais ofrece máis de 110 títulos en formato ebook, desde literatura infantil e xuvenil a novidades de narrativa ou clásicos

A decidida aposta de Xerais por abrir o seu catálogo de xeito sistemático aos dous formatos actuais do libro, o formato papel e o formato ebook, está xa plenamente consolidada, con máis de 110 títulos a disposición dos lectores e lectoras, asumindo así o reto que os novos xeitos de lectura demandan. Os dispositivos electrónicos como os readers, as tabletas, os móbiles ou mesmo os ordenadores, que caracterizan marcadamente a nova sociedade dixital, dispoñen xa de contindos abondos en lingua galega producidos por Xerais.

Deste xeito, a edición dixital de Xerais conforma arestora un amplo e diverso catálogo que permite un variadísimo abano de posibilidades de lectura da literatura galega contemporánea en soportes dixitais. Libro infantil, libro xuvenil, narrativa, divulgación e mesmo algún título nativo e exclusivamente dixital, Galeg@s sen fronteiras, de José Colmeiro, conforman unha oferta dirixida a nenos e nenas, adolescentes e adultos.

A oferta de Xerais, que nestes momentos publica practicamente todas as súas novidades nos dous formatos, vai desde novelas tan recententes e atractivas como A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, ou A voz do vento, de Pemón Bouzas, a libros que pertencen aos referentes clásicos e ineludibles da nosa literatura, como Percival e outras historias, o libro co que X. L. Méndez Ferrín sorprendía ao mundo literario en 1958, ou a edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, preparada por Anxo Angueira para a colección Clásicos. Entre as máis lidas, A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, é outra das múltiples novelas preparadas para a lectura dixital.

No ámbito da literatura infantil poden lerse en formato ebook títulos que acaban de saír á luz como O fío vermello, de An Alfaya e e títulos asentados como O misterio da badaladas, de Xabier P. DoCampo, na colección Merlín; ou Desde unha estrela distante, de Agustín Fernández Paz, e O raposo e a mestra, de Manuel Rivas, na colección Sopa de Libros.

Tamén as lectoras e lectores xuvenís teñen múltiples títulos á súa disposición, tanto na colección Milmanda (por exemplo, os volumes da triloxía Ámote Leo A., de Rosa Aneiros) como na colección Fóra de Xogo, que tamén ofrece todos os volumes doutra triloxía, a de Dragal, de Elena Gallego; e novidades como Nubes de evolución, de Andrea Maceiras, ou Recinto Gris de Ledicia Costas; así como títulos que xa son un referente, como A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre, A sombra cazadora, de Suso de Toro, e obras de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, María Solar, Marcos Calveiro, Ramón Caride, Fran AlonsoM. Lourenzo González, Pere Tobaruela ou Xosé Miranda.

Tampouco o ensaio, a investigación ou a divulgación quedan á marxe da edición en formato ebook de Xerais: títulos como Mary Wollstonecraft Shelley e a súa Criatura artificial, de M. X. Queizán, Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez; ou Vento e chuvia, de Manuel Gago, poden lerse en calquera plataforma de lectura dixital.

Todos os títulos poden ser descargados desde Amazon para os lectores Kindle, desde iTunes, para os dispositivos de Apple; e desde as páxinas da Casa do Libro e El Corte Inglés, así como desde a propia tenda on-line da CGA, para o resto dos dispositivos. Deste xeito, Xerais nestes momentos ofrece solucións de lectura para calquera tipo de soporte dixital, ademais do tradicional soporte en papel, que continúa a ser o preferido dos lectores e lectoras.

 

Deixa un comentario!