Menu Xerais

Xosé Álvarez Castro: «O golpe do 36 é un pasado non ausente, aínda non foi explicado obxectivamente»

Faro de Vigo publicou unha entrevista de David García a Xosé Álvarez Castro con motivo dunha conferencia que impartiu a pasada fin de semana en torno ao seu libro Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) (foto de Gustavo Santos).

 

«O golpe do 36 é un pasado non ausente, aínda non foi explicado obxectivamente»

A Asociación Amigos de Johán Carballeira celebra hoxe os actos en recordo do que fora alcalde de Bueu e do resto de veciños represaliados durante a Guerra Civil. Ás 17.30 horas terá lugar a ofrenda diante do monumento situado fronte á praia de Banda do Río e logo, ás 18.30 horas no Centro Social do Mar, vaise celebrar unha conferencia na que estará o profesor e historiador Xosé Álvarez Castro, autor do blog “Pontevedra nos anos do medo”, que tamén se convertiu nun libro editado por Xerais e que xa vai pola segunda edición. Xunto a el estará tamén o historiador marinense Celso Milleiro, que se encargará da introducción.

-Cal vai ser o sentido da súa intervención desta tarde en Bueu?

-Vou a centrarme no que son os mecanismos da represión, a que obedeceu, cales foron os métodos empregados, sobre todo no que se chamou a represión cruenta, como os paseos, e os xuízos militares. É moi importante divulgar e divilgalo o sucedido da maneira máis obxectiva posible. Houbo unha historia en moitas casos manipulada, que non chegou a nós de maneira veraz. Isto ten que ver co réxime militar posterior que durou tanto tempo que inculcou unha serie de mitos e manipulacións que somos das que somos debedores. Comenzando xa polo propio nome de Guerra Civil en lugar de golpe de estado.

-Cales son as principais manipulacións que aínda se manteñen vixentes?

-Eu creo que unha delas é a que citaba hai un momento: non houbo guerra civil, foi un golpe de estado de parte do exército. Dise que foi unha sublevación de todo o exército, pero non foi así. En Galicia os máximos xefes militares do Exército e da Marina foron fusilados por opoñerse ao golpe. Outra das manipulacións é a equiparación da violencia entre os dous bandos. Nese sentido en Galicia non houbo violencia porque o golpe de estado triunfou dende os primeiros momentos. Nas zonas leais á República nun primeiro momento houbo unha violencia incontrolada, á que o goberno lexítimo se opuxo, tenta controlala e o logra ao cabo duns meses. – en todo caso sería a violencia dun exercito legal para defender a legalidade. A terceira das manipulación é iso de que cando aquí se eliminou a xente tratábase de vinganzas ou cuestións persoais. Puido haber un número mínimo no que se aproveitou a situación para saldar contas, pero se se examina a documentación dos golpistas antes de dar o golpe xa dicían que había que extremar a violencia para paralizar o inimigo. Era unha violencia planificada, sistemática e prevista de antemán. Tamén habería unha cuarta clave, que é esa cuestión de ‘por que falar disto 70 anos despois’ ou o de reabrir feridas. – precisamente por iso, para que unha ferida cure hai que abrila, desinfectala para que cerre ben. Pero como todos estes feitos non se sacaron a luz e se deu información sesgada non se chegou convertir en historia.

-Despois de todo este tempo pasado, cre que é posible facer Historia obxectiva sobre o que aconteceu en 1936?

-Debería ser posible, pero non vexo moita vontade de determinados grupos e admistracións. É incríble que en todo este tempo, na chamada Transición, non se abordase o tema como habería que facelo. Este é un caso do que os historiadores chaman pasado non ausente, que quere dicir que é un pasado que segue influindo en nós, que segue creando confrontación e apaixonamento e iso é porque non se explicou de maneira obxectiva. Cando se faga así e, sobre todo, cando se recoñeza socialmente ás vítimas pasará a ser historia como a Segunda Guerra Mundial ou outros feitos. Moitas das familias aínda descoñecen o que pasou cos seus familiares e é impresentable que en pleno século XXI aínda haia xente enterrada nas cunetas e non se poñan medios para que as familias podan recuperar eses cadáveres.

-No seu blog e no libro fala de dúas personaxes claves na represión posterior ao golpe militar: o capitán Bruno, coñecido como O Alemán, e de Víctor Lis Quibén, que uns anos antes sufrira un atentado en Bueu.

-Ambos están implicados en todas as labores de represión. Bruno Schweiger era un enxeñeiro alemán que vivía en Marín e foi un dos responsables da represión máis dura no Morrazo, aínda que máis tarde foise ao frente de guerra. No tocante a Lis Quibén era deputado do partido de Calvo Sotelo e foi responsable da Garda Cívica de Pontevedra. Naceu en Bos Aires e era médico e etnógrafo e autor dun dos mellores libros sobre menciña popular (“La medicina popular en Galicia”, editado en 1949 e prologado por Fermín Bouza Brey). Pero era unha persoa vencellada ao que hoxe sería a extrema dereira e baixo o seu mando se cometeron as maiores barbaridades. O do atentado foi nun mitín en Beluso, onde lle colocaron uns petardos e que non tivo maiores consecuencias.

-Non deixa de ser paradóxico ese papel represor en alguén como Lis Quibén, que debera facer o xuramento hipocrático para salvar vidas e non para matar.

-Esa é unha reflexión que xurde a miúdo nas charlas que dou. Chama a atención nun médico e en alguén con esa sensibilidade para a etnografía. Pero as persoas que nos parecen as máis correntes ou normais, postas en situacións límite e coa propaganda axeitada poden chegar a facer as cousas máis incríbles.

-Os actos que agora se celebran en Bueu están relacionados co cabodano do fusilamento de Johán Carballeira. Como valora a súa figura?

-Está claro que o caso de Carballeira é emblemático polo cargo que ostentaba, pero tamén penso que figuras como a súa non debe tapar ao resto de vítimas, que as veces nos pasan desapercbidas por ser de menor relevancia social. Pero obviamente foi unha persoa destacada no ámbito político e xornalístico e foi fusilado en Pontevedra un 17 de abril, un día tamén moi triste para Pontevedra. Ese día foron fusilados Carballeira e outros veciños de Bueu, pero tamén algúns pontevedreses importantes como Víctor Moldes, que era presidente da Federación Agraria, ou Constantino Gómez, un gran mestre.

David García

Deixa un comentario!