Menu Xerais

Agasallo duplo: «Cabalos e lobos», de Fran P. Lorenzo. Crítica de Xavier Queipo

O escritor Xavier Queipo publicou en LG3 unha recensión crítica sobre a novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo.

 

Agasallo duplo

A primeira novela do xornalista Fran P. Lorenzo coa que acadou o Premio Blanco Amor 2014, é o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie. Unha fotografía, con Vigo ao fondo, do combate individual que os seus protagonistas libran por aquilo que desexan, nese preciso lugar en que a cidade se funde cos seus soños.

A novela acontece na súa maior parte en Vigo e percorre a xeira que vai dende a fin da primeira guerra mundial até o período actual.
O primeiro agasallo do que falo é pois, á cidade de Vigo, non só pola localización da acción senón tamén pola recreación de varios aspectos da intra historia da cidade: a vida das familias burguesas alemáns e a importancia que esta comunidade xogou na vida económica e cultural. Memoria histórica, pois, de afectos e desafectos, de influenzas e alternativas dramáticas no poder local. Mención aparte merece o crecemento económico, a medra social e a cooperación política da meirande parte destas familias co franquismo máis duro.

O segundo agasallo, éo, ao meu parecer, a aqueles que viviron até épocas ben recentes unha situación de marxinación social, cando non de represión brutal por razón da súa opción sexual. Vigués por razón de casamento, que non de residencia, e suxeito paciente durante moitos anos da represión da que se fala no libro, síntome, pois agasallado de xeito duplo.
Estas son percepcións moi particulares, mais a novela lese de punta a couce sen necesidade destas referencias espazo-temporais ou de comportamento que lles indiquei no parágrafo anterior. Particular é tamén a referencia que eu encontro as obras de Manuel Puig. Dito esto, confesar que hai tempo que non leo a Manuel Puig (Pubis angelical, Boquitas pintadas, El beso de la mujer araña), un autor que estivo de moda entre os universitarios galegos de finais dos anos setenta do século XX en Compostela. Daquela estabamos en plena transición política e a meirande parte de nós liamos con fruición as novelas dos autores suramericanos publicados polas editoriais Siglo XXI ou Seix Barral, punteiras naquela altura. Iso vai para situalos, pois a transición política, trouxo aparellada unha posta ao día das ideas e das actitudes dos cidadáns, mais iso non chegou así, de contado, senón ben de vagariño, de xeito que a “Ley de peligrosidad social”, herdeira da “Ley de vagos y maleantes”, que condenaba a penas de reclusión aos homosexuais aínda estaba vixente. A referencia a Manuel Puig vén a conto da súa prosa traballada e tantas veces mordaz na captación do momento e da súa temática melodramática. Conflitos amorosos, comportamentos sexuais fóra da norma estabelecida polas mentes ben pensantes, e todo iso nun ambiente burgués, de axitación social e represión política. Referencias que se cadra son evidentes ou se cadra están agochadas. Non sei, son percepcións propias.

Xa outros comentaristas referiron a estrutura da novela en tres partes diferenciadas, quer no estilo narrativo, quer na voz do narrador. A sección inicial, dinámica no seu decorrer, variada nos seus rexistros e situacións, moi ben documentada, é realmente engaiolante (non son un crítico literario, senón un comentador de libros e, porén, o gusto ocupa un lugar importante negando se cadra a análise mais académica). Ao meu parecer, das tres partes acaen mellor a unha narrativa tradicional son as partes inicial e final, a primeira polo indicado anteriormente e a terceira polo seu carácter “situacionista”, de resolución ou colofón dunha historia con moitas reviravoltas. A segunda parte (Descampado), cando unha personaxe fai unha declaración dirixida en exclusiva a outra personaxe da novela, e esta se estende por varias ducias de páxinas, funciona de xeito máis brutal, no senso de tensión acumulada, de revelación dramática, de acumulación de información, máis se cadra intenta desanoar demasiados nobelos a un tempo. É certamente un recurso, aquí empregado con habelencia de xornalista traballador da palabra, e resulta a mais reveladora da trama, mais non sería xusto, enténdase, centrar o comentario nese aspecto particular, baseado nun gusto particular, ou nunha especie de flash-back que me aconteceu, guiado, se cadra, por esa gran traidora que é a memoria, sempre tan selectiva e tantas veces tan pouco precisa nas súas capacidades analíticas. Flash-backs foron tamén algunhas situacións vividas nun pasado remoto que fixeron montar a tensión interna, de xeito que cando pechei o libro, sabedor do drama que foi a vida propia e a dalgunha das personaxes do libro, non poidera evitar a aparición dunhas cantas bágoas de liberación. Benvidas foron, pois non hai mellor xeito de descargar a tensión acumulada.

O dito, duplo agasallo neste libro “Cabalos e lobos”, co que se estrea Fran Pérez Lorenzo, do que agardo novos e renovados pulos narrativos.

Xavier Queipo

Deixa un comentario!