Menu Xerais

Agustín Fernández Paz, Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao autor máis lido nos centros de ensino

O escritor Agustín Fernández Paz acaba de ser galardoado co Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao autor máis lido nos Clubs de Lectura dos centros de ensino polas Bibliotecas Escolares de Galicia.

 

Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao autor máis lido nos clubs de lectura

O Portal Educativo publica hoxe, co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de 2015, pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo no curso precedente, galardón que se entregará nesta ocasión a Agustín Fernández Paz, no transcurso da que será a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Santiago de Compostela.

Profesoras e profesores que coordinan estes clubs de lectura nos centros de ensino secundario e postobrigatorio, amosaron o seu interese por recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción dos lectores. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Establécese así o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, outorgarase ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura no curso precedente.

Na VIII Xornada dos Clubs de Lectura, Agustín Fernández Paz recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os lectores e lectoras  participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.

 

 

 

Deixa un comentario!