Menu Xerais

An Alfaya: «A soidade é un tema que transita por case toda a miña narrativa»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez á escritora An Alfaya.

 

An Alfaya: «Fomentar na infancia o desenvolvemento da imaxinación e da creatividade é a vía que nos queda para salvarnos de nós mesmos»

An Alfaya (Vigo, 1964) escritora galega de ampla produción especialmente en narrativa e teatro infantil e xuvenil con obras como O maquinista Antón // ¡Sireno, Sireno! (Premio Merlín, 1997)// A sombra descalza // O fío vermello… pero sen esquecermos tamén narrativa para un lector máis adulto, con obras como Matei un home // Areaquente // Vía secundaria…

Aportada-muros-de-airemiga An, a imaxinación narrativa nace con unha ou adquírese? De onde cres que saíu ese teu espírito narrador?

Se algo nos distingue do resto dos seres vivos é a nosa capacidade de fabulación. A imaxinación, esa fonte inesgotable que nos fai transcender, está en nós dende os primeiros albores; ás veces queda latente toda a vida e non emerxe, e outras turramos dela, convertémonos na súa cómplice, e conseguimos mediante un máxico xogo de prestidixitación que rescate á creatividade que todos agochamos, dándolle forma a unha manifestación artística con forma de poema, relato, novela, peza teatral, ensaio, escultura, pintura, partitura, etc.

As experiencias persoais adquiridas, as frustracións, os anacos de felicidade, os anhelos, a vida mesma, van completando a diario o universo imaxinativo, agás aquel que a razón, castradora, impón.

Sempre pensei que fomentar na infancia o desenvolvendo da imaxinación e da creatividade é a vía que nos queda  para salvarnos de nós mesmos.

Sempre estiveches moi inmiscida no teatro… daquela chama ben a atención que a túa pluma non se mergullase moito máis nese xénero…

O xénero dramático, literariamente falando, sofre descrédito. As autoras e autores que nalgún intre apostamos por ofrecer as nosas obras, sabemos dabondo o muro co que nos atopamos na hora da súa publicación, tanto se van dirixidas á infancia ou á adolescencia coma a un lectorado adulto. Agás aqueles textos que veñen precedidos de premios, moitos deles de orde institucional, os demais non albiscan a luz, e mesmo estes quedan nunha primeira edición que rara vez se esgota. Se establecemos unha pirámide comparativa dende a base ata o vértice superior entre os distintos xéneros literarios canónicos, a narrativa sería o sostén do mundo das letras, seguido a moita distancia da poesía, cuxos lectores nútrense dela de xeito endogámico, e no último chanzo atoparíamos o teatro, pechado en si mesmo, sen case lectores potenciais, cunha cota de mercado reducida, quedando relegado a sectores específicos no ámbito da representación; ás veces nin sequera iso. As compañías, afeccionadas ou profesionais, elaboran textos de creación propia ou botan man de creadores aos que xa non hai obriga de pagar dereitos por evidentes cuestións económicas; nos centros escolares, nas escasas ocasións en que se recorre aos textos teatrais, o profesorado fai adaptacións, aludindo á escaseza de obras ou a que non atopan libretos axeitadas aos grupos concretos nos que imparten clase; seguen fotocopiándose textos para o reparto de papeis entre o alumnado, non por mala fe, senón por descoido ou para evitar un custo engadido no peto… En fin, o panorama non é precisamente alentador para fomentar a creación teatral.

Aínda que este xénero tamén supomos que te axudaría abondo especialmente na túa narrativa infantil e xuvenil…

O xénero dramático dende o meu punto de vista é fundamental no desenvolvemento da infancia. O seu compoñente lúdico axuda á formación da personalidade, á expresión oral e escrita, á compresión lectora, ás habilidades motoras, á orientación espacial, á construción de esquemas sensoriais, á sociabilidade, ao reparto de tarefas e asunción de responsabilidades, a establecer conexións coas novas tecnoloxías, música, luz, etc. Non comprendo a razón que fai que o teatro non estea presente nos estudos de base. Mantéñome “Esperando a Godot” a ver se nalgún plan educativo se lle dá a importancia que merece.

Sempre existirá unha fonda diatriba entre as separacións dentro dun mesmo xénero para diferentes idades… pero que nos podes dicir cando nunha páxina dunha editorial di o seguinte referíndose a ti: “An Alfaya (Vigo, 1964) ten unha obra literaria extensa dirixida tanto aos lectores e lectoras infanto-xuvenís como ás persoas”?

Entendo que foi unha gralla mecanográfica no intre introducir ou suprimir certos datos bibliográficos; agora pode lerse completa co engadido final de “persoas adultas”. O sentido da mesma non ofrece dúbidas: “An Alfaya é unha autora que escribe para todo tipo de lectores independentemente da súa idade”.

Posuímos unha excepcional literatura contemporánea dirixida a lectoras e lectores de idades máis temperás… mais que lle falta a esta nosa literatura para dar ese gran salto fóra das nosas fronteiras?

Non lle falta nada en canto a calidade literaria comparativamente con outras literaturas. Fáltalle todo en canto a que se apoie e potencie o traballo das creadoras e creadores dende as institucións e os ámbitos de poder, que se establezan os mecanismos, as redes e as pontes para que desaparezan as fronteiras á par que os complexos provincianos.

Cportada-a-sombra-descalzaon todo, vemos que algo se está a mover nesta dirección e acabamos de ver nas nosas librarías unha obra coordinada por Blanca-Ana Roig titulada Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega… que terá que ser un rexo degrau neste aspecto, ou non?

En referencia ao libro que mencionas e ao traballo de Blanca-Ana Roig, como coordinadora, así como o resto das investigadoras, Eulalia Agrelo, Pilar Bendoiro, Mar Fernández, Carmen Ferreira, Isabel Mociño, Marta Neira e Isabel Soto, ao igual que outras mulleres que levan loitando pola visualización e o respecto do mundo da infancia e da adolescencia, tanto no marco literario como no educativo, amósolles o meu apoio e empatía, pois co seu traballo de formigas silenciosas levan sementando dende hai anos algo fermoso que agromará con forza nas xeracións vindeiras; esa é a miña esperanza e o meu desexo.

Non habería que tamén, ao mesmo tempo, fomentar a tradución a outras linguas? Non debería de se implicar un chisco máis a nosa Administración de ámbito cultural neste aspecto?

En primeiro termo habería que darlle máis visibilidade ao libro galego nas librarías. Agás contadas excepcións, cando nos achegamos aos escaparates da meirande parte delas, a nosa literatura é practicamente inexistente, e se accedemos ao seu interior, escasean nos andeis. Non podemos pretender ter un recoñecemento no exterior se non se amosa de xeito normalizado a nosa literatura con orgullo. Por suposto é obriga da Administración contribuír á promoción, difusión, tradución, etc.,  das obras literarias escritas en galego, artellando os mecanismos e as canles precisas para exportar a cultura de nós.

Cando te pos a escribir, a inventar historias, a artellalas… estás a “crer na bondade da literatura para que medren os soños dos seus numerosos lectores e lectoras”, como figura escrito por aí, ou máis ben como un feito de normalización da nosa literatura nestas idades para o fomento lectura posterior?

Cando me poño a escribir son absolutamente egoísta. Non penso no potencial lector.  Unha historia nace na miña cabeza, medra cando me dispoño a escribila, desenvólvoa e morre cando se publica. Non volvo lela nunca máis, agás de xeito excepcional. Logo comparto o meu mundo creativo poñéndoo a disposición do goce ou da crítica do lector. Ante todo escribo como necesidade persoal de crear mundos paralelos á realidade cotiá para sobrevivir no caos. Se hai alguén, cativo ou adulto, que desexa inmiscirse no meu caos, e se a miña realidade paralela trala lectura dalgún dos meus libros intervén na súa propia, será pola súa forma de descodificar o que eu conto, non porque eu teña unha pretensión directa de influír nel ou nela. O contacto directo cos lectores sempre é gratificante polo que supón de intercambio de impresións, pois moitas veces coas súas lecturas encontras submundos dos que non foras  consciente, e o feito de que che amosen os erros e os acertos resulta sempre enriquecedor.

Que vén a ser máis importante para ti nunha obra literaria, a procura do goce persoal do lector ou da lectora ou máis ben o didactismo que esta historia forneza? Claro que se combinamos os dous aspectos…

Creo que o primeiro obxectivo dunha obra literaria, ou de calquera obra creativa que se teña coma tal, debería ser procurar no lector que se faga preguntas, que o antes e o despois de pasar por ela supoña un cambio, que experimente unha sensación que lle invite a cuestionar referentes e referencias. Eu entendo o goce nese senso. En calquera caso, unha obra literaria debería esta  illada do didactismo,  tanto máis canto máis cativo é o receptor, que carece recursos para interpretar as claves do que se lle amosa.

A túa primeira obra publicada foi a peza teatral O maquinista Antón (Premio Teatro Infantil Xeración Nós). Puido ser esta circunstancia a que te levou a procurar un determinado público lector?

Daquela escribía teatro porque estaba vinculada de forma persoal e visceral a esta actividade. Formaba parte dunha compañía viguesa, “Teatro Avento”, que aínda hoxe  se mantén viva. Daquela o meu interese pola dramaturxia, en todas as súas facetas, estaba moi vivo en min. Non creo que a publicación desa peza influíse de xeito determinante na miña posterior escrita de libros para rapazas e rapaces. A orixe deste feito posiblemente estea en que dende sempre tiven un especial interese pola infancia, como o demostra o feito de que en primeiro termo estudase Maxisterio, aínda que logo a miña vida profesional camiñase por outros vieiros.

No ano 1997 a túa obra ¡Sireno, Sireno! acadou o “Premio Merlín”. Unha obra ateigada de sentimentos, de imaxinación… e en primeira persoa. Canto do eu da autora, do corazón da autora, está presente para chegar aos “eu” dos lectores e aos seus corazóns?

Todos os meus “eus” están nos “eus” das miñas obras. Non podo escapar de min nunca, malia intentalo, búscome continuamente e non me atopo. Quizais no próximo libro.

Quizabes a obra máis recoñecida túa fose A sombra descalza. Por que recorreres á reivindicación do mundo feminino, da dignidade case inexistente da muller especialmente naquela época da posguerra?

Porque é de xustiza. Non foi escrita cunha reivindicación consciente, senón que me deixei levar polo peso da historia que naceu en min despois de escoitar unha anécdota real arredor dunha muller que en vida camiñaba cos pés descalzos e que cando morreu, enterrárona calzada. O suceso situoume mentalmente naquela época, e a partir de aí construín un universo de sombras onde a presenza da muller resulta imprescindible.

A túa primeira novela publicada para persoas adultas foi Desventura. E aquí vai aparecer un eixe temático baseado na existencia humana, algo que marcará as túas novelas posteriores… Ventura, o protagonista, un ser obviado, perdedor… por que esta temática onde amosas o apartado negativo da persoa?

Sempre sentín curiosidade por mergullarme nas contradicións do ser humano, en especial sinto atracción polos parias, os desprotexidos, ou aqueles que están en situación de desamparo. Rescatándoos do anonimato só pretendo darlles visibilidade. Ventura, o protagonista da novela Desventura, responde a ese interese meu. Iso está presente na meirande parte da miña escrita. Dende O caderno azul, onde a protagonista é unha nena enferma de Sida, pasando por Down, que amosa o mundo imaxinativo dun rapaz coa síndrome, deténdome en Illa soidade, que se inmisce na marxinalidade dos vagabundos, ou mesmo Vía secundaria, onde presento un mapa de seres presos nas redes das súas miserias interiores, en todas as historias, e outras que non nomeo por cuestión de espazo e por non abondar, independentemente do potencial lector ao que vai destinada a lectura, hai un pouso de fracaso e frustración no perfil dos personaxes e dos seus mundos interiores, espazos nos que me sinto cómoda como creadora.

No ano 2005 mergullácheste no xénero de suspense, policial, coa obra Matei un home… Que pasou con este xénero dado que apenas o volvemos achar na túa obra? Nin ese teu saber de criminóloga foi capaz de te enlear nesta temática?

Non son especialmente seguidora do xénero de suspense, nin como lectora nin como escritora. Nese senso déixome atrapar pola cultura audiovisual. Gústame o cine de suspense, sempre que teña algún tipo de compoñente psicolóxica; se non é así,  abúrrome decontado porque polo xeral me anticipo á resolución da trama e entón perdo o interese. Na escrita pásame algo así, se coñezo o final da historia que estou escribindo, se sei quen é o asasino, xa non son quen de continuar. En calquera caso, anuncio que no mes de setembro sairá unha novela que precisamente ten unha importante sustancia criminolóxica na súa trama, pois o argumento vertebra arredor dos comportamentos suicidas de diferentes suxeitos con tendencias criminais. Publicarase na colección narrativa de “Edicións Xerais” baixo o título de Muros de aire.

Outra obra túa moi recoñecida foi Areaquente, unha obra quizabes demasiado existencialista, tomando como referente a soidade, amores incomprendidos… duns personaxes posiblemente representativos do ser humano, ou non?

A soidade é un tema que transita por case toda a miña narrativa, e máis aínda  se falamos desa soidade que se percibe cando temos xente arredor nosa, independentemente de que o espazo sexa urbano, como en Illa soidade, Vía secundaria, ou Muros de aire, ou nun páramo, como en Areaquente, quizais a novela que mellor me define como autora. O mundo onírico que xurdiu a partir da observación dunha fotografía, a mesma que aparece na cuberta do libro, cuxa autora é a fotógrafa Olga Seoane Paulus, responsable tamén da cuberta de Muros de aire, dá alento e recrea un universo co que me sinto plenamente identificada. A imaxe do páramo e os seus personaxes anacrónicos representan unha metáfora existencial da persoa que son, esa que levo ás costas, a que a meirande parte das veces sente que ocupa un espazo ou un tempo que non lle corresponden e que está fóra de lugar.

No 2011 aparecerá a túa novela Vía secundaria -obra que fora premiada o ano anterior-. De novo encontramos ao ser humano enfrontado a un mundo con poucas -ou case ningunha- saídas… Por que este teu afán por te mergullares no ser humano para a túa trama novelesca?

É a única forma que está ao meu alcance para intentar entender as contradicións do ser humano. O paradoxo de que un asasino ou un pederasta sexa quen de chorar ao percibir o aroma dunha flor,  á marxe da súas repugnantes accións,  a sospeita de que dentro de nós convive unha personalidade dual que nos conduce á bondade ou á maldade, lévame a facerme preguntas que só ás veces consigo responder construíndo personaxes ou historias que viven nun funil.

Non habería que potenciar un chisco máis a posta en escena do noso teatro infantil e xuvenil dado que este xénero ten a vantaxe de chegar máis directamente ao espectador?

Creo que xa expresei con anterioridade a miña postura con respecto ao teatro. Calquera apoio sempre será pouco.

portada-o-fio-vermelloA túa última novela publicada é O fío vermello. Alguén a definiu como outra novela túa “de personaxes”… Quere dicir isto que aquela profundización no mundo da persoa das túas novelas para lectores e lectoras de máis idades tamén o intentaches tratar para os máis novos?

Na construción dunha historia non fago distinción en canto á profundidade dos personaxes, independentemente se esta vai dirixida a lectores miúdos ou adultos. Calquera tema pode ser abordado, coa debida distancia, e coa pericia da que cadaquén dispoña, para que nada do que suceda nunha historia careza de fondura, aínda que teña a aparencia de lixeireza.

Que papel cres que debe de xogar o mundo da ilustración na literatura infantil e xuvenil? Non cres que tiña que ter case unha omnipresencia nesta literatura?

Son mundos que se complementan, é indubidable. Cando un texto se combina cunhas ilustracións axeitadas, ou viceversa, a simbiose é enriquecedora. Non obstante, hai textos que en si mesmos conteñen un imaxinario tan rico, que quizais hai que deixar ao lector que sexa el quen o ilustre coa súa construción persoal, e tamén hai  libros con ilustracións tan eficaces e expresivas, que abonda calquera palabra engadida ás imaxes.

E para rematarmos, amiga An, para cando An Alfaya poeta?

Para cando aprenda a escribir poesía; de momento, malia que a idade o desminte, aínda son unha aprendiza.

Carlos Loureiro Rodríguez

Deixa un comentario!