Menu Xerais

Antón Dobao: «Gústanme os finais sorprendentes»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez ao escritor Antón Dobao.

 

Antón Dobao: «A literatura é un espazo de busca de liberdade»

Antón Dobao (Lugo, 1963). Desenvolve o seu labor como lingüista na CRTVG dende os anos oitenta. Ademais é coñecido como poeta (Desde o teito da noite // O tempo entre murallas // Materia…) e como narrador (Incertos // As ilusións estrañas). A nivel audiovisual é moi salientábel o seu labor como director do proxecto “Un mundo de historias” ou como produtor (Pataghorobí).

Cantas veces as persoas renegan do seu pasado, dos seus primeiros pasos… e dende logo que eses son os que van forxar e marcar o devalar futuro das persoas, da súa conciencia… a non ser que se pretenda ser un “desclasado”, non cres? E desde logo que en Antón Dobao non se deu isto último…

Non, por certo. Eu teño todos os defectos do mundo, pero creo que non ese. Desde moi novo tiven conciencia do lugar social no que nacera e vivía, e iso e as condicións materiais nas que fun crecendo determinaron a miña conciencia. Xa o explicara con moita exactitude Marx.

De todas as maneiras, eu penso que a vida é un proceso no que é normal, mesmo desexable, que un vaia observando de maneira crítica os pasos que foi dando. Porque esa conciencia autocrítica, que te leva ás veces mesmo a sentir certo rubor por cousas que no momento en que as fixeches ou as dixeches ou as viviches che parecían a única posibilidade, é imprescindible para non perder nunca a perspectiva e tamén para ser  consciente do lugar en que che toca moverte e da dirección que desexas tomar en cada momento.

E en literatura -e incluso do pensamento-, ademais das circunstancias persoais, sempre achamos algún personaxe que conduce ao futuro escritor… e no teu caso coidamos que Darío Xohán Cabana tivo algo, ou moito, que ver…

Téñoo contado nalgunha outra ocasión. A Darío coñézoo hai moitos anos. Preséntamo meu pai, que naquela altura era delegado da INTG no sector da construción en Lugo. Eles os dous fixeran unha boa amizade labrada no combate sindical, desde planos e responsabilidades diferentes. No caso de meu pai, como resultado dunha especie de casualidade que se lle cruzou nun momento concreto da súa vida e lle esixiu unha dose extra de compromiso. El non foi nunca funcionario sindical, o seu sindicalismo foi ocasional.

E alí en Lugo, un día, pola Praza de Santo Domingo, coincidimos meu pai e eu con Darío. Creo que desde aquela somos amigos. Eu xa o coñecía como escritor, así que aquel encontro foi para min importante.

Pero en realidade non é Darío quen fai de min escritor. Eu xa escribía cousiñas. Quen fai de min escritor é a literatura. Coñecela e sentir desde o primeiro momento unha especie de posesión recíproca. A única posesión real…

Tan enraizado te sentías con Lugo como para considerares que ter que ir estudar a Santiago era nin máis nin menos ca un exilio?

É inevitable sentirse enraizado co lugar no que pasas toda a infancia e a adolescencia e no que empezas a nacer á idade adulta. Hoxe non sei se diría que marchar para Compostela a terminar Filoloxía foi en realidade un exilio. Xa levo máis da metade da miña vida vivindo na comarca de Santiago, primeiro na cidade e despois en Teo, así que xa non podo de ningunha maneira ter esa sensación de exilio. Pero talvez con vinte anos si que pensas que cen quilómetros de distancia poden ser un exilio. Supoño que a certas idades tendemos a ser moi hiperbólicos.

anton-dobao-foto-santos-diezE Antón Dobao comeza polo verso… Por que este e non outro xénero literario para das as primeiras alancadas na nosa literatura?

Supoño que por inmediatez. A prosa precisa máis elaboración mentres o verso xorde como un arrouto. É verso case o primeiro que publico, e o único durante moitos anos, pero non diría eu que os meus primeiros textos foran versos. Hai algúns contos perdidos por aí que talvez sexan os meus primeiros textos dos que podo gardar certa memoria.

E claro, tamén estes primeiros pasos viñeron forxados por algo tan existencial como pode ser un amor de xuventude, non? E nesta obra (Desde o teito da noite) foi quizabes circunstancial o que te levou á rapidez, a deixar de lado a lentitude da que presumes que envolve a túa literatura posterior?

Probablemente Desde o teito da noite é fundamentalmente un poemario de amor. Pero en realidade non sei se iso existe, así, con tanta exactitude. Sempre dixen que era un poemario de amor e de soidade, con certo alento existencial que me acompañará sempre. Un poemario sobre a vida que está arrincando a súa fase de madureza. E a vida ten sempre esa carga tráxica entrelazada con esa especie de inxección constante de adrenalina que é o amor.

Agora xa non lembro ben se é o meu poemario máis espontáneo. Pero cando dicía antes que o poema xorde nun arrouto, está claro que ese libro nace así. Tamén os outros. Porque é imprescindible esa descarga eléctrica inicial. Ora, desde que construída esa base do poema, o traballo sobre a súa forma en min é constante. Ás veces vexo con claridade en que medida un poema é sempre e necesariamente un texto inacabado que require constante reescritura. Home, hai poemas perfectos na historia da literatura universal. Pero son os menos. O poema é sempre unha busca.

Por certo, aquí tamén terá algo que ver unha senlleira revista como foi “Dorna”, unha daquelas moitas revistas dos oitenta onde as novas plumas posuían un espazo para ver publicados os seus primeiros versos… Non se botan de menos hoxe proxectos coma aqueles, o que leva a que ás veces se dependa de premios e outros?

A situación da poesía galega hoxe é moi diferente á de hai trinta e tantos anos. Nótase moito no ambiente e mesmo na consideración que da poesía ten o sistema literario e as propias editoriais.

A revista “Dorna” é o punto de encontro de moitos poetas que empezabamos con todas as xeracións anteriores. Ela é o espazo en que dialogamos, ás veces de maneira dura, pero sempre con respecto mutuo. Creo que ese é o seu gran valor naquel momento. Porque para un poeta novo, sen obra individual publicada, ver os seus primeiros textos a carón dos de autores de referencia é moi importante. De “Dorna” xorde non sei se unha xeración pero si un grupo moi plural de poetas, homes e mulleres, sen os que non se entendería hoxe a literatura galega. “Dorna”, vista desde hoxe, alude a aquel século de ouro da poesía galega do que falaron algúns autores. En “Dorna”, dunha maneira ou doutra, nun momento ou noutro, estamos todas, estamos todos. E ademais foi un espazo de encontro vital e persoal entre nós. Para min, unha experiencia riquísima, imprescindible.

E unha vez rematada a túa carreira, aparece perante túa a TVG, algo que ti defines nin máis nin menos que “O medio da esperanza”… Tomou corpo co pasar dos anos esa “esperanza” na que todos os galegos tiñamos postas precisamente todas as nosas esperanzas?

Teremos que dicir que segue a ser o medio da esperanza. E iso non é bo. Porque iso quere dicir que en boa medida non foi capaz de cumprir co horizonte de expectativas que xerou polo menos en certas capas da sociedade galega. A TVG, con todo, como digo sempre, é unha illa mínima nun océano inmenso. Un illote nun espazo alleo e nada amigable. Pero iso non nos quita responsabilidade colectiva en relación cos nosos medios públicos. Creo que, alén da necesidade inobxectable de afianzar a súa supervivencia e desenvolvemento e, por suposto, o seu carácter público, estamos nunha encrucillada en relación co seu futuro. E iso debería requirir de nós, do conxunto de sectores sociais dunha ou doutra maneira relacionados cos medios públicos, unha grande reflexión en común e unha aposta que nos leve a certa refundación. O debate, en todo caso, longo, profundo e necesario, ten que partir dun acordo de base: o carácter de servizo social da TVG e da Radio Galega e a súa propiedade pública, do común.

E realmente para ti supuxo ir a este medio unha realización persoal no teu compromiso coa lingua, ou foi algo máis?

A realización persoal no compromiso coa lingua eu situaríaa noutro plano. Nun plano moi sinxelo no que vive unha boa parte da humanidade: a posibilidade de desenvolver a totalidade da miña vida na miña lingua. Procúroo, pero a realidade social, a máis material, dificúltamo inmensamente. Mentres ese dereito fundamental non estea garantido non podemos falar de realización persoal.

portada-materiaO traballo como lingüista na TVG, á marxe do compromiso, deume ao longo de todos estes anos unha perspectiva talvez diferente á que tiña cando comecei, máis idealista daquela e máis material agora, arredor do que é unha lingua, de como se comporta, de como a manexamos. Permitiume ir comprendendo en que medida nos serve ou ata que punto debemos ser os falantes os que a sirvamos. E darlle valor a todas as razóns que as persoas manexan para circular dunha maneira ou doutra por unha ou outra lingua. Coñecelas, polo menos. Iso é imprescindible para comprendermos a situación real do idioma nun proceso de substitución coma o que vive o galego. É moi fácil acudir ao lugar común do autoodio para explicalo comodamente todo, pero en realidade iso non explica nada. Porque a xente non se odia nin odia os seus fillos. Todo o contrario. A xente ama os seus, busca para eles o mellor, así que teremos que comprender  moi ben cales son as razóns, por exemplo, do cambio de lingua. Porque uns pais fan o sacrificio vital de lles falar aos fillos nunha lingua diferente. Non podemos explicalo todo recorrendo ao autoodio e derivando a esas persoas de carne e óso e necesidades materiais toda a responsabilidade. Volvamos a Marx e a esa idea de que é a vida a que determina a conciencia, o ser social, e non ao revés.

E aquí tamén aparecerá o teu compromiso social, -que supoñemos que xa viña de antes, dende logo- e as túas loitas no ámbito do traballo, da sociedade galega, do nacionalismo…

Eu non entendo vivir en sociedade sen participar en todo aquilo que dunha ou doutra maneira nos afecta a todos. Nunca renunciei a participar en proxectos colectivos. E non estritamente nin sempre partidarios. Creo que o social, o cultural, o sindical, etc., é sempre político.

Ao nacionalismo chego pola esquerda. Supoño que por entender dalgunha maneira que esas clases populares, desposuídas, as que teñen que vender a súa forza de traballo, as que non teñen medios de produción, ás que eu pertenzo, son as que poden constituír o pobo que constrúe a súa nación. Nese sentido, e só nese, son nacionalista. E oxalá fora capaz de encontrar unha palabra que o definise mellor e evitase ese significante incómodo para quen por riba de calquera outra cousa se sente internacionalista e marxista. Porque non creo, nunca o crin, que a nación estea por enriba de todo. Creo, sempre o crin, que teño moito máis en común cun traballador italiano ou andaluz que con Tojeiro ou con Amancio Ortega ou con outros galegos semellantes. Nese ter que ver hai sempre unha elección consciente, non unha determinación ocasionada pola casualidade de nacer nun lugar ou noutro. Concibo por tanto a nación como o resultado dunha escolla consciente, non como un ente que nos preexiste e por tanto tende a prefigurarnos. A nación que desexo non existe. É a que me gustaría que foramos capaces de crear colectivamente as clases subalternas deste país mediante un proceso de emancipación colectiva.

E posteriormente aparecerá no teu camiño a revista “A trabe de ouro”… outra revista, neste caso onde o que primaba era a crítica, que tamén tivo que forxar a Antón Dobao…

Como eu gustaba de dicir, “A Trabe de Ouro” é durante moitísimo tempo case que o meu principal espazo de compromiso. Desde logo, para min son 25 anos memorables tanto intelectualmente como humanamente. Porque na “Trabe” fomos capaces de forxar un espazo de afectos e lealdades creo que imposible de crebar. Ferrín, Rosa López, Paco Fernández Rei, Antón Figueroa, Marcial Gondar, Manolo Outeiriño, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Seixas… son moito máis que compañeiros dunha viaxe  fascinante. Entón, é evidente que estes vinte e cinco anos que pasaron case coma un pestanexo son parte esencial da miña vida e da miña formación intelectual e afectiva. En boa medida, e máis aló doutras militancias políticas, “A Trabe de Ouro” é o meu Partido.

Vinte anos pasaron entre a publicación desta túa obra anterior e a última (Onde o ollar comeza a doer). Que supuxeron na túa poética estes anos nos que tamén a nosa poesía tivo unha forte transición?

Pois non supuxeron nada demasiado complexo, creo eu. Quitada, ao mellor, certa mellora técnica, que non sei se se dá ou non, non me toca a min facer crítica da miña obra, penso que se podería analizar esa traxectoria poética como un proceso de constante construción dun texto poético complexo, diverso. E moi pouco máis. Na construción dese texto entran a xogar moitas liñas poéticas sobre as que vou e volvo, e supoño que así será mentres siga escribindo poemas.

E tras esta experiencia poética, xorde a narrativa, unha narrativa curta (Incertos // As ilusións estrañas)… será esta narrativa curta o trampolín á narrativa longa?

Eu non diría que a narrativa xorde tras a experiencia poética. Son simultáneas, sempre o foron, por moito que os ritmos e tempos de publicación non correspondan cos de creación. E nese mesmo sentido, non creo que a narrativa curta sexa trampolín para a novela. Non o será. Hai algunha novela flotando por aí, pero nada terá que ver co feito de que antes houbese relatos ou non. A poesía, a narrativa breve e a novela son xéneros diferentes, e nese sentido uns non prefiguran outros. Non os condicionan. Aínda que se poidan ou se deban visitar entre eles.

E falando desta túa última obra (As ilusións estrañas), poderiamos dicir que se trata dunha obra satírica ou máis ben unha obra na procura de que sexa o lector coas súas diferentes visións o factor máis importante do narrado por ti mesmo?

Para min o lector sempre é o máis importante. Pero non no sentido mercantil, senón no plano da actualización do texto literario. Un texto vive na medida en que haxa un lector que o actualice, que participe do xogo proposto, que o reescriba, por tanto, no acto de lectura. Iso é a literatura, na que o texto é o espazo de xogo, o ámbito nuclear, e o autor apenas o operario necesario. De momento.

Non definiría eu As ilusións estrañas como unha obra satírica, aínda que se un lector detecta esa posibilidade será porque dunha maneira ou doutra os textos a convidan. Tampouco o rexeito. Pero se tivese que definir brevemente ese libro diría que é máis ben un intento de penetración por certas zonas da condición humana e por algunhas rúas das violencias que nos retratan e que nos perseguen. Obsesións, relacións de poder en diversos niveis, violencia, rebelión tamén… Hai un pouco de todo iso que nos fai tan humanos. E todo está inserido neste mundo material que habitamos.

Tamén dicirmos que nos teus anos mozos autores coma Salinger, Faulkner… tiveron algo que ver… até que punto estes autores de relatos tamén influíron nos teus relatos do século XXI?

Hai un relato meu que está inspirado, non sei se directa ou indirectamente, por un dos contos de Salinger. Un dos que traducín eu mesmo hai uns cantos anos. Nunca direi de que contos falo porque creo que é unha información absolutamente innecesaria, anecdótica. Con isto quero dicir que, efectivamente, Salinger é un dos meus narradores preferidos. Faulkner tamén. E unha presada máis deles. Pero, quitado ese conto de Salinger, non sabería eu dicir cal é a medida da influencia de cada autor nos meus contos. Supoño que moitas. En realidade, o único que sei dicir con certeza é que a bagaxe textual que nos conforma a cada autor opera, consciente ou inconscientemente, nas nosas escritas. Seguro que calquera crítico encontrará un montón de influencias, certas case todas, de moitos destes meus autores nos meus contos. E eu debo dicir que, quitado ese caso que citei antes, apenas son consciente desas influencias. Porque deixo que esa bagaxe acumulada se mesture con outras experiencias e actúe como poida e como saiba.

Normalmente os autores máis clásicos de relato procuran un desenlace inagardado, sorprendente… Que final procura Antón Dobao nos seus relatos?

A min gústanme os finais sorprendentes. Creo que era Cortázar quen dicía, facendo un paralelismo co boxeo, que a novela ten que vencer aos puntos e o relato debe gañar por KO. En certa medida, tamén Dieste defendía unha concepción en boa parte semellante do relato. A min gústame que haxa un lategazo final, pero tampouco creo que sexa condición indispensable para un bo relato, e penso ademais que é imprescindible que non sexa caprichoso, que dunha maneira máis ou menos sutil estea suscitado, aludido ou anunciado. Ás veces, cando todo o cataliza o final inesperado, ao mellor o relato queda adelgazado e perde todo interese polo camiño. O ideal, supoño, é encontrar o equilibrio perfecto entre a necesidade de manter alerta sempre a atención do lector e revolvelo nun final contundente. Pero hai grandísimos relatos que apenas son unha cala nun proceso, sen inicio nin final aparentes, sen conclusión. Por que non. Na literatura todo é posible.

Nun determinado momento xurdirá en ti unha idea anovadora: aquela de interacción entre a literatura e o guión… e tomará corpo na serie de ficción Un mundo de historias… Que nos poderías dicir verbo desta serie (como xurdiu, obxectivos…)?

Era finais do século pasado, e a CRTVG, con Francisco Campos na súa Dirección Xeral, aposta por contribuír a articular un potente espazo audiovisual galego apoiando produtos televisivos e cinematográficos. Empeza a falarse de audiovisual galego como unha industria e un espazo cultural que está sendo realidade. Porén, eu, que polo meu traballo estou en contacto con esta realidade, interpreto que ese campo audiovisual que está nacendo se asenta en parámetros que non lle permitirán moito percorrido máis alá do apoio institucional, que ao final se amosou imprescindible, determinante. Entendo, ademais, que se está construíndo á marxe de aspectos, dous principalmente, que para min son cruciais para que poidamos falar dun campo audiovisual autónomo, non subalterno: a lingua galega, por un lado, e a relación con outras manifestacións culturais e artísticas nosas, nomeadamente a literatura, que é en si un espazo autónomo e plenamente normalizado, soberano, desde hai décadas. Entendemos, nese momento, que se a construción dun espazo audiovisual galego pivota arredor do apoio da CRTVG, e está ben que así sexa, á propia CRTVG lle cabe unha gran responsabilidade na orientación que este espazo tome. Ou sexa, no camiño que tome nesa encrucillada entre ser un audiovisual autónomo ou ser unha póla subalterna do audiovisual español. Entón propónselle ao daquela Director Xeral, Francisco Campos, un proxecto que se chama “Un Mundo de Historias”, co que pretendemos facer colaborar o audiovisual nacente e o noso sistema literario, non só mediante a adaptación de textos senón tamén a través da colaboración de escritores galegos nesas adaptacións. E nesa tarefa nos axuda xente como Ferrín, Roberto Vidal Bolaño, Francisco X. Fernández Naval, Xabier Cordal, Antón Lopo…

anton-dobao-foto-santos-diez-2A CRTVG decide apoiar o proxecto, e iso dá lugar a que elaboremos unha miniserie de sete episodios e posteriormente seis longametraxes. Non só se trataba de elaborar un produto que xuntase audiovisual e literatura, que é algo moi pouco orixinal, pois ocorre en todos os sistemas culturais do mundo. A literatura é sempre unha estupenda fonte de argumentos que non para de fornecer de historias o cine e a televisión. Tratábase tamén de demostrar que era posible construír un campo audiovisual propio e armalo a partir de tres piares básicos: a lingua galega, irrenunciable; o conxunto de actores e actrices que constrúen a súa carreira artística en Galicia, dunha calidade asombrosa; e a multitude de profesionais e técnicos dos diferentes ámbitos da produción audiovisual. E así foi como se concibiu e se intentou levantar un proxecto que servise de semente para un audiovisual galego alternativo. E creo que en moi boa medida cumprimos sobradamente o que pretendiamos. Nada do que hoxe poida ocorrer no audiovisual galego, creo eu, se entendería sen eses produtos que naceron arredor de “Un Mundo de Historias”. Con todos os seus defectos, que os teñen, pero tamén coas súas múltiples virtudes.

Ah, e a túa experiencia como produtor (Pataghorobí) como a cualificarías?

Eu aprendín cousas da miña experiencia como director e como guionista. O traballo cos actores e coas actrices, entre outros tamén interesantes, para min, sempre o dixen, foi moi enriquecedor. Tanto nunha función coma na outra, no fondo non se trataba máis que de seguir contando historias, que é o que sempre me interesou realmente.

No tocante ao traballo en Pataghorobí, o meu labor como produtor apenas ten ningunha importancia. Foi a miña colaboración como responsable do proxecto máis que como produtor en sentido estrito. A película dirixiuna Ricardo Llovo, sen quen tamén sería difícil que as primeiras fases do proxecto chegasen a porto.

Tamén te mergullaches no mundo da tradución, incluso con autores antes aludidos… Non cres que este mundo está un pouco deixado da man aquí en Galiza -tanto ao galego coma do galego a outros idiomas-?

Durante moito tempo circulou a idea de que o sistema literario galego necesitaba da tradución de textos doutras literaturas para que as bagaxes dos autores puidesen compoñerse con textos lidos en galego. E iso é certo, pero teño a sensación de que para que se cumpra de verdade é imprescindible unha transformación tan radical de toda a realidade que non sei se veremos nunca nada parecido. En calquera caso, a tradución de textos alleos ao galego é importante e, para quen a practica, un exercicio literario moi valioso. Polo menos, no meu caso foi sempre así. A min cústame moito traballo traducir do inglés, por exemplo, que é o idioma do que traducín os textos de Salinger ou Auster, porque o meu inglés é moi de andar pola casa. Por tanto, estou obrigado a unha atención extrema a case cada detalle de cada palabra e de cada frase. E iso ao final opera en todas as traducións case que dun xeito automático.

Pero o autor galego ten sempre a posibilidade de acudir aos textos da literatura universal nunha lingua tan próxima, tan propia desde o punto de vista filolóxico, coma o portugués. E iso, en parte, minimiza o impacto negativo que podería ter o feito de carecermos de máis traducións. Pero isto é apenas unha conxectura. En calquera caso, a relación igualitaria e recíproca co universo literario lusófono debería ser sempre unha prioridade de toda política cultural seria nesta nación.

Porque hoxe por hoxe, e como autor, creo que é para a literatura galega como artefacto  moito máis importante a difusión dos nosos textos tanto en Galicia como fóra dela. É precisa, por tanto, unha política de loita contra a invisibilidade á que o autor, a autora de literatura galega se somete de entrada polo feito, ás veces case heroico, de escribir en galego.

A literatura é liberdade ou máis ben esta liberdade a encontramos un tanto deturpada?

A literatura é un espazo de busca de liberdade. Permite impugnar o mundo mediante a creación e a proxección de mundos alternativos. Ou de moitas outras maneiras. A liberdade debe ser absoluta en relación co texto literario, non estar constrinxida nin polo mercado nin por outras intervencións alleas.

Desde o punto de vista colectivo, para min a liberdade é un concepto que debe materializarse se non quere quedar nun significante sen sentido, tramposo. É dicir, a liberdade esixe poder ser realizada. De que me vale a min que existan no mercado infinidade de produtos se na práctica non os podo adquirir? De que me vale a liberdade de movemento se non teño medios para ir dun sitio a outro? Con isto non quero dicir que a liberdade sexa un concepto irrelevante. Todo o contrario, é crucial, irrenunciable, a máis alta aspiración individual e colectiva. Pero socialmente esíxenos a garantía de que as súas condicións se cumpran. No terreo colectivo, ningunha liberdade pode estar condicionada polo diñeiro e a propiedade. Cando ocorre iso, a tal liberdade non é real, non existe, por moito que estea marabillosamente formulada mesmo desde o punto de vista formal e xurídico.

E para rematarmos, ti que es un dos creadores de “Prolingua”, de novo en canto á realidade actual da nosa lingua, para cando -e qué facermos- acadaremos a normalización do noso idioma?

anton-dobao-foto-distrito-xermarO proceso de normalización da lingua galega é coma un río que ten que fluír sen pausa e sen atrancos cara a unha situación na que cada falante poida facer efectivo, real, o dereito inalienable a vivir a totalidade da súa vida na súa lingua. Mentres isto non poida ser, non podemos falar nin de situación normal nin de nada parecido. E nesas estamos.

Isto non quita que teñamos a necesidade de facer unha análise moi exhaustiva de como foi desenvolvéndose este proceso nas últimas décadas. Porque os resultados desa análise son os que nos teñen que permitir encetar novos camiños, mediante novos discursos e novas prácticas normalizadoras, que nos axuden a chegar a onde queremos. Ou sexa, que nos aparten desta vía morta na que nos encontramos.

Eu son sempre partidario de discursos en positivo. A nosa lingua é perfecta, como todas e cada unha das linguas do mundo, para todos os usos. E ademais, por sorte, vainos sobrevivir a todos. Vivirá alén de nós. Pero creo que temos que empezar a cambiar o foco. Non é a lingua, unha abstracción ao fin e ao cabo, a que merece ser obxecto das políticas normalizadoras porque esa é unha forma de actuar nun plano moi pouco material. O obxecto de toda política normalizadora debe ser o dereito dos falantes. Facer que se dean as condicións para que cada falante faga efectivos os seus dereitos lingüísticos, que se resumen niso, na posibilidade de vivir a totalidade da vida na propia lingua. Esa debe ser, a grandes trazos, a liña programática dunha nova política lingüística. E pasa, insisto, por un discurso en positivo que poña en valor a vitalidade da lingua, a súa capacidade para expresar a totalidade dos mundos posibles, para ser usada, por tanto, en todas as situacións comunicativas imaxinables, etc.

O asunto é complexo, como sabemos. Require dun compromiso político dos poderes públicos, pero tamén esixe unha transformación do marco xurídico-político do propio Estado. E, sobre todo, creo que a día de hoxe esixe un grande encontro multisectorial de compromiso cidadán, social, cultural e político con medidas efectivas en relación con esta garantía de dereitos lingüísticos para cada falante.

Un camiño complexo e dificultoso, pero fascinante se somos capaces de poñernos a percorrelo máis alá das lexítimas diferenzas entre persoas, grupos, organizacións, etc.

Carlos Loureiro Rodríguez

Deixa un comentario!