Menu Xerais

Banda sonora para «Un animal chamado néboa», de Ledicia Costas. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre sobre Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, así como un vídeo cunha canción sobre o libro composta por unha estudante de bacharelato.

 

 

Musicando sentimentos lectores

O mes de outubro comezou. De que maneira! Os dous primeiros días foron tan intensos e emocionantes que fixeron que ao terceiro día enfermase. Pero isto é o de menos. Que gusto dá que saian ben as cousas!

Dicimos que comezou o mes de outubro. Pois ben, canda el comezamos asemade o club de lectura.
Xa sabedes que me gusta experimentar. Desta volta propúxenlles ao alumnado do club de lectura pola Igualdade do Laxeiro que lesen tamén Un animal chamado néboa e que se xuntasen ao club de lectura de Adult@s de Silleda. Aceptaron. Dábame un pouco de medo pola idade das pequenas. Pero ao mesmo tempo aproveitaba para que viñeran algunhas mamás e visen “in situ” como se desenvolve unha sesión dun club de lectura. E “picalas” para que lesen elas tamén.
Un resultado fantástico: demos no cravo.
Porque, está claro, o libro paga moito a pena. Todos e todas concordaron en que era unha auténtica pasada e que a pesar da súa dureza cumpría lelo e aprender. Ledicia Costas acompañounos coma sempre, con esa dozura que a caracteriza e a firmeza das súas palabras.
E houbo un broche de ouro. Un auténtico luxo que quero compartir con todos e todas vós: coñecín a Issiris en 3º de ESO, cando levaba en Galicia menos dun ano; estaba exenta da Lingua Galega, pero pedíame libros para estudar e lía todo canto lle daba; tiña máis interese ca ninguén. Logo, apuntouse ao club de lectura que daquela formei no instituto de Silleda. E vina medrar. E madurar.
Agora está en 2º de Bacharelato. Ademais de ser unha moza que ten moi claro o que quere ser e o que quere facer, canta e toca a guitarra. E cando un libro lle chega ao corazón, é capaz de compoñer. Desta volta, o libro de Ledicia conseguiu tocarlle esa febra que consegue mover o corazón e as cordas de Issiris. Así que, agora, Un animal chamado néboa ten banda sonora. E aínda que a gravación foi caseira e non estabamos preparados para esta sorpresa, sei que vos vai encantar. Como a Ledicia. Que marchou leda de Silleda.

Deixa un comentario!