Menu Xerais

Berta Dávila: «Non creo nesa visión parcelada dos autores que traballamos varios xéneros literarios distintos»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez á escritora Berta Dávila.

 

Berta Dávila: «A literatura infantil e xuvenil que lin de pequena e que continúo a ler de grande, por exemplo, forneceu o meu universo literario actual»

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é unha voces contemporáneas da nosa literatura á que se lle augura un mellor futuro. A súa primeira obra publicada foi Corpo Baleiro (2007), ano en que gañou o “Premio de poesía Avelina Valladares” coa obra Dentro. Actualmente acaba de chegar ás nosas librarías a obra gañadora do “Premio Narrativa Breve de Repsol” titulada O derradeiro libro de Emma Olsen.

Amiga Berta, para os que andamos mergullados na nosa literatura Berta Dávila xa representa un presente e un futuro para a nosa literatura, pero quen é Berta Dávila para as lectoras e os lectores que se interesen pola nosa cultura ao se achegaren a un xornal coma este?

Pouco teño que dicir eu sobre isto, se cadra porque o que ten que dicir a escritora sobre unha mesma responde á visión, sempre tendenciosa, que queremos ofrecer aos demais. E con frecuencia é pouco interesante.

berta-davila-foto-distrito-xermarEstamos moi afeitos á precocidade nas autoras e autores na nosa literatura actual, pero en ti por riba vemos que á túa precocidade na lírica axiña se lle sumou a precocidade a nivel narrativo… que supuxo -e supón- enfrontarte a unha nova escrita tras semellante precocidade? 

Non creo que a precocidade sexa un valor a destacar, como tampouco creo que, de considerarse así, sexa máis meritorio no caso da narrativa que no da poesía. É certo que publiquei moi nova o primeiro libro de poemas, e iso foi unha sorte e unha oportunidade estupenda para min. O primeiro texto narrativo chegou da man do premio Biblos de novela, que xa está orientado a menores de vinte e cinco anos, así que a miña idade daquela era equiparable á do resto de premiados nas outras oito edicións. Non sinto que o meu caso teña nada de particular.

Vemos que posúes un blogue persoal cun título un tanto significativo “Confabulario novo”… Ten algo que ver este título coa obra insigne de Cuña Novás, coa “Escola da Tebra”…?

Non, non ten nada que ver. O título creo que xurdiu dun espazo anterior que levaba o nome de “Confabulario”. Probablemente o libro de Arreola é o culpable do nome do blog.

Que sentiches cando con 19 anos tiveches nas túas mans un fillo poético saído nin máis nin menos que da recoñecida editorial “Espiral Maior” -Corpo baleiro-? 

Sempre é emocionante poñer un libro propio na rúa. No caso de ser o primeiro, é especial, sen dúbida. Foi unha sorte, como dixen antes, poder editar aquel libro e facelo da man de Espiral Maior, que é referente na poesía galega contemporánea.

E falando de “Espiral Maior”, que sentes cando ves que unha editorial coma esta se ten que pensar o seu futuro debido á situación editorial deste noso país? 

Agardo que Espiral Maior perviva moitos anos achegándonos títulos valiosos. Agardo tamén que o resto de editoras galegas poidan saír adiante e que atopen modelos empresariais sostibles. A miña parte de responsabilidade, como autora, é tratar de escribir libros que interesen á xente que os vai ler, sexa moita ou pouca. Con franqueza, a situación do país, non só a editorial, éncheme de sensacións contraditorias

Que supuxo para ti acadares o “Premio de Poesía Avelina Valladares” coa obra Dentro e por riba cun xurado do máis sobranceiro na nosa lírica?

O primeiro premio literario, como o primeiro libro, sempre teñen un aliciente de emoción especial. Agradecino moito no seu día, pese a que o libro quedou xa moi atrás porque é o primeiro que escribín, antes de cumprir a maioría de idade. Por circunstancias publicouse despois. Probablemente é un libro que merecía quedar no caixón.

E seguindo a falar deste poemario, vemos que está artellado ao redor de dúas persoas, o “eu” e o “ti” ou “para ti” e sempre subxacendo o tema do amor… canto hai de persoal neste poemario? 

Hai moito de influxo, de primeiro atoutiño e de última adolescencia. Non creo que haxa nada de persoal nesta altura.

E tres partes: “a catarse”, “sempre” e “aquí”… Poderíase resumir en que se trata dunha purificación emocional, corporal, mental… nun tempo e nun espazo? 

Non o creo, paréceme que trataba de darlle unha especie de evolución narrativa para estruturar os poemas nalgunha estrutura de sentido.

Que prima para ti na poesía, o contido ou a forma? E estamos a nos referir a un comentario teu verbo da túa obra poética Raíz da fenda onde comentas que fuxiras do “efectismo”…

Ben, iso tamén é forma. Quería escribir Raíz da fenda libre de trampas que poden funcionar mellor ou peor noutros libros. É unha escolla formal, en calquera caso. Aínda que se cadra semella un paradoxo, Raíz da fenda  é o meu libro máis depurado formalmente, cando menos iso intentaba.

Berta, ti que escribes poesía e narrativa, con cal dos dous xéneros te sentes máis escritora? E preguntamos isto porque se observamos os grandes premios en poesía e en narrativa en galego, a presenza de pluma feminina nos de narrativa é case testemuñal, algo contrario aos de poesía…

Dixen algunha vez que non creo demasiado nesa visión parcelada dos autores que traballamos varios xéneros literarios distintos. Eu sería unha narradora distinta se non escribise poesía tamén. Non me sinto máis nin menos escritora cun xénero que con outro porque o meu traballo é escribir, e non depende de min o que ocorre despois cos libros nin o tratamento que se lles dá, enténdase isto último entre aspas. En calquera caso, non estou moi de acordo con que a presenza feminina na narrativa sexa testemuñal, alomenos así formulado, e, en calquera caso, non creo que sexa responsabilidade das autoras. Nas últimos dez edicións, seis autoras gañaron o Xerais, por exemplo. Os últimos premios de poesía resoltos este outono, foron acadados por homes. O que si é testemuñal é a presenza das mulleres na edición. Se cadra cómpre darlle voltas a isto último.

E falando de narrativa, por que na túa obra narrativa Bailarei sobre a túa tumba tomaches como base aquela xeración á que ti denominaches “do Xabarín”?

Pretendía escribir sobre o tránsito da adolescencia á idade adulta e, nese caso, calquera xeración é interesante, así que escollín a miña propia. Non ten máis razón de ser.

Que supuxeron os medios de comunicación que incluíron o galego para aquela vosa xeración á hora da normalización do idioma?

A oportunidade de medrar rodeada de produtos destinados á infancia na lingua propia, non só os medios de comunicación, foi valiosa, sobre todo no caso da literatura ou a música. A literatura infantil e xuvenil que lin de pequena e que continúo a ler de grande, por exemplo, forneceu o meu universo literario actual.

Claro que hoxe en día case é mellor non falarmos da presenza do noso idioma nos medios de comunicación…

En calquera ámbito, en realidade.

E actualmente temos nas nosas librarías a túa última novela, gañadora do “Premio de Narrativa Breve Repsol” (2013), titulada O derradeiro libro de Emma Olsen. Que foi o que te levou a escribir esta obra e tomar á escritora Anne Sexton como base? Foi quizais a visión da angustia emocional que caracterizou en vida a esta autora?

Esta novela fíxome moi feliz, non só polos premios que acadou e o interese que concitou no lectorado senón porque me puxo en contacto con moitas visións de lectura diferentes, unha experiencia que tiven tamén no caso de Raíz da fenda con particular intensidade en 2014. Porén, poucas persoas relacionaron o libro cunha visión angustiada da experiencia humana, creo que non é o que representa Emma Olsen, que en calquera caso nada ten que ver con Anne Sexton máis que a primeira impronta dunha fotografía atopada nunha revista, e un recordo dese confesionalismo norteamericano.

E que son moitos os temas que case encamiñan esta trama até o punto de se converter nunha traxedia…

Non creo que sexa unha traxedia, creo que é unha novela sobre a procura da identidade. Ten de traxedia o que ten calquera vida humana cando se fai balance. O final do libro é, en realidade, o comezo. Desde esta perspectiva, remata ben.  En calquera caso, coido que Olsen é unha primeira persoa absolutamente desafectada e pouco adicta ao drama.

Ultimamente estamos a observar na nosa narrativa unha deslocalización espacial abandonando abondo o espazo galego (A diagonal dos tolos, Máscaras rotas para Sebastian Nell… e ti tamén te sumas con esta túa última obra). A que cres que se deba esa deslocalización espacial -que por outra banda tampouco é algo que diminúa a calidade literaria-?

Creo que é normal que un escritor galego, como outro escritor doutro lugar do mundo, se interese por calquera asunto e calquera lugar. Non entendo que sexa normal que unha narradora francesa escriba sobre África e que non o sexa que unha narradora compostelana o faga sobre Dakota. Prometo que non foi unha elección que queira dicir ningunha outra cousa. Creo que falo moito sobre este país cando falo de Faith.

Tamén estamos a encontrar ultimamente bastante metaliteratura na nosa narrativa (Bícame Frank, A memoria da choiva… esta túa obra). Por que cres que a propia literatura apareza como base na trama literaria? 

Din que convén escribir sobre aquilo que se coñece. É normal, xa que logo, que a persoa que escribe se interese polo propio acto de escrita. Supoño que esa é a explicación da metaliteratura.

Narrar en primeira persoa non resulta máis difícil que o emprego da terceira persoa, dun narrador “culpábel” da historia?

Non o creo. O que resulta complexo, ao meu ver, é achar unha voz narrativa acaída para cada proxecto, atopar o ton e mantelo durante toda a novela.

E para rematarmos, sabemos que a túa narrativa tivo como pai, confidente, axudante… a un dos mellores narradores contemporáneos galegos, don Agustín Fernández Paz… que supuxo para ti e para a túa narrativa semellante influxo?

Agustín Fernández Paz exerceu de titor nesa experiencia fantástica que foi o premio Biblos coa miña primeira novela. Tiven a sorte de contar coas súas lecturas e cos seus consellos mentres escribía aquel libro e sigo aprendendo cousas da súa literatura cada vez que me mergullo nunha súa novela.

Carlos Loureiro Rodríguez

Deixa un comentario!