Menu Xerais

Crego, enxeñeiro do libro galego. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobrea xubilación do noso compañeiro Xosé Manuel García Crego.

Crego

Todos os membros do cadro de Xerais celebramos onte a xubilación de Xosé Manuel García Crego, o noso director de edición. Foi un xantar feliz nun día luminoso, mais tamén inevitablemente saudoso, no que expresamos a nosa gratitude, admiración e agarimo para quen é o noso referente profesional e humano na profesión da edición. Crego pecha o seu currículum profesional tras 11.442 días en Xerais, máis de tres décadas, tras ter sido o responsable da edición e fabricación de case 3.500 títulos en lingua galega. Unha proeza que forma parte xa da historia da edición galega. En todos e cada un deles, dunha ou doutra maneira, Crego deixou a pegada do seu rigor na composición do libro, na elección dos materais e no seu acabamento. En cada un deles respectou as características e singularidades de cada texto que pretendeu facer un libro único.

Ocupouse Crego da edición e fabricación de todo tipo de obras, dende os complexos libros de texto ás coleccións infantís, pasando polas primeiros libros ilustrados de Xerais como aquela triloxía de Ferrín da década de 1980, até os discos aquela aventura musical de Xerais Media ás revistas como Golfiño ou Bravú, no que dirixiu a fabricación do primeiro pasaporte galego. Dirixiu a edición de obras extraordinarias para a nosa lingua, como o Dicionario dos seres míticos galegos, ilustrado polo seu amigo Lázaro Enríquez, ou as dúas edicións do Gran Dicionario Xerais e do resto da liña de dicionarios da que foi responsable. Mimou a edición de facsímiles de gran valor como La primera luz de Murguía, a primeira edición de Longa noite de pedra e da Noite estrelecida, ou Galicia de Murguía, hoxe consideradas valiosas edicións de bibliófilo. Imposible resumir nunhas liñas un labor editorial extraordinario. Nos últimos anos, mimou a produción das gravacións musicais dos nosos métodos de Educación Infantil coa paciencia teimosa e o amor a lingua galega que desenvolveu tamén nesoutra fantasía colectiva que é Cantares do Brión.

Crego é un enxeñeiro do libro galego, un dos grandes editores galegos contemporáneos, unha das trabes de ouro da nosa edición nestas tres décadas. Con todos os abrazos para a súa mestría e amizade. Sempre, sempre.

Deixa un comentario!