Menu Xerais

«De remate» de Héctor Cajaraville, premio Xerais de novela 2015

O xurado da XXXII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 34 obras, formado por Ángel Ramiro Paz «Cano» (libreiro), Anxo González Guerra (profesor xubilado), Sofía Tarela (música), María Costa Vázquez (editora), Alejandro Costas Gándara (programador) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Adiante sempre»«De remate» «Pedra d’ Ostral». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «De remate» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville e corresponde ao título De remate.

Héctor Cajaraville (Santiago, 1975) estudou periodismo na USC, onde tamén cursou os másters de Edición e Lingüística Galega. Neste tempo traballou nos gabinetes de comunicación de varias institucións e entidades (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Santiago…) e en medios de comunicación como De Luns a Venres. Desde o ano 2011 traballa como corrector de orixinais no mundo editorial. É coautor do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato (Xerais 2014) e autor do libro O palabrego (Xonix Récords, 2012), unha obra a medio camiño entre un dicionario e un libro de poemas. Ademais  da novela gañadora do Premio Xerais 2015, outra obra súa (Quen dá a quenda?) foi unha das tres finalistas no premio Merlín da mesma edición.

No seu ditame, o xurado da XXXIIª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte:

 «De remate é un libro de artigos do columnista Bieito Sanmarful que foi publicado postumamente. O libro, do que accedemos xa á terceira edición, está prologado no ano 2025 por Pablo Cardeiro, ex-director de Loaira. Durante tres anos, Bieito Sanmarful deitara as súas opinións nese xornal. E esas opinións retraban con humor e moita chispa a Galicia actual, afondando nela con ironía e orixinais xogos de palabras.

 De remate é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión de Bieito Sanmarful, dos textos pertencentes ao seu diario íntimo e dos correos electrónicos que el envía ou que recibe dos seus lectores e lectoras, moitas veces envoltos en polémica. A través das páxinas desta novela non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia  que habitamos senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir.

Estamos ante unha novela poliédrica, escrita con materiais de diversa fasquía, que compón un caleidoscopio literario do país e dos seus habitantes valéndose dunha amalgama de estilos metaliterarios cos que o propio autor comparte protagonismos.  Coa lectura dos seus textos imos descubrindo un Bieito Sanmarful que se mostra, nos últimos anos de súa vida, como unha persoa fráxil e dependente, autoesixente, que nos aporta a súa visión nada dogmática sobre temas como o sexo, a política, o narcotráfico, o entroido, a lingua, a actualidade, a vida ou a morte.

 De remate é unha novela entretida, divertida, ben escrita, que recrea con acerto e moita habilidade diferentes rexistros lingüísticos, incluídas diversas variantes dialectais que axudan a retratar os personaxes. Estamos, en definitiva, ante unha novela sólida, moderna, que convence, que engancha e que nos fai reedescubrir o gusto pola palabra.»

Héctor Cajaraville declarou que «De remate é calquera cousa menos unha novela convencional. De feito, haberá mesmo quen dubide da súa condición de novela, pois está conformada a partir dunha amálgama de textos (artigos xornalísticos, entradas nun diario persoal, correos electrónicos, anotacións en blogs, transcricións de entrevistas…) que, a modo de collage, compoñen os últimos anos da biografía do seu protagonista, Bieito Sanmarful. Deste xeito, a partir textos propios e alleos, o lector vai fornecéndose das pezas que lle permitirán dar forma aos últimos anos de vida de Sanmarful, afectado dunha enfermidade terminal que vai condicionar a súa relación coa súa profesión, coas persoas que o rodean, co mundo en xeral e, sobre todo, consigo mesmo.»

«Retallo a retallo o lector vai conformando o personaxe, a súa contorna, a súa historia pasada e presente… E, mesmo por riba diso, a relación entre Sanmarful e a creación literaria, verdadeira cerna da novela: cal é a razón que o leva a escribir sobre un determinado tema, como se enfronta á incerteza que supón facer público un texto, cales son as súas reflexións ante as opinións que recibe dos lectores sobre aquilo que escribe…»

«De remate é unha novela na que as palabras (coa súa forza evocadora, pero tamén cos seus matices, imprecisións, equívocos, xogos…), máis alá de meros vehículos ou soportes para dar forma a unha historia, se converten nas verdadeiras protagonistas da narración que elas mesmas axudan a construír.»

Deixa un comentario!