Menu Xerais

Excelente reconstrución histórica dun mundo convulso: «A galera de Xelmírez», de Xabier Paz. Crítica de Xerardo Agrafoxo

Xerardo Agrafoxo publicou no blog de Barbantia unha recensión sobre a novela A galera de Xelmírez, de de Xabier Paz.

 

 

A galera de Xelmírez, de Xabier Paz

Tres cousas poden animar a ler esta curiosa obra: a categoría literaria do seu autor, cun ronsel de notables publicacións en diferentes rexistros literarios, a engaiolante portada, tirada do recoñecido Tapiz de Bayeux, aquel que recrea a conquista normanda de Inglaterra, e o argumento ambientado na época de Diego Xelmírez. O prelado contrata na cidade de Pisa tres carpinteiros de ribeira –Fuxón Bonincontro, Stefano Bagnoli e Francesco Nuti– para construíren unha galera que sexa capaz de rexeitar os ataques dos sarracenos –despois dos emprendidos por Al-Mansur bi-Allah– porque “non abondaba co reforzo das Torres do Oeste e as melloras na fortaleza da Lanzada”. Deste xeito, os tres viaxan ata a cidade galega seguindo os vieiros da Rota Xacobea, onde se entrevistan co arcebispo antes de realizaren a encarga prevista nun peirao da costa de Iria.

Malia este introito, a construción da nave só é un habelencioso pretexto –un macgufffin– para desenvolver unha trama con dúas voces narrativas: a do mestre Fuxón Bonincontro e a do carpinteiro Stefano Bagnoli. xabier pazMentres este conta o regreso á súa terra nunha nave de “comerciantes normandos que van de palmeiros á Terra Santa”, o seu mestre narra como se mergullou no mundo das apócemas e a sensualidade durante a viaxe de vida a Compostela.

A galera de Xelmírez é unha excelente reconstrución histórica dun mundo convulso, no que salientan as páxinas que explican como se alicerza a nave (elección de madeiras, velame, aceites ou vernices), como é a vida polo “camiño francés”, onde Bufón conta un ardente encontro sexual –media noite in stabulo– coa moza dunha cantina, amais de retratar o clima de inseguridade que se respiraba nas costas galegas no século XII.

Xerardo Agrafoxo

Deixa un comentario!