Menu Xerais

Falece o escritor Xosé Fernández Ferreiro

O escritor Xosé Fernández Ferreiro faleceu na noite de onte na cidade da Coruña. Nacido en 1931, o autor de Nogueira de Ramuín dedicou a vida enteira á literatura e ao xornalismo. Autor de Xerais, a dirección e o cadro de persoal da editorial quere expresar o seu fondo pesar pola súa desaparición e sinalar a súa importancia fundamental no desenvolvemento da literatura galega desde principios dos anos 50 e no esforzo que realizou a prol da súa popularización. Membro do grupo Brais Pinto, Fernández Ferreiro foi Premio Xerais de Novela en 1991 con Agosto do 36 e académico da RAG desde 2013. Desde Xerais, convidamos as persoas que o desexen a participaren na cerimonia civil que terá lugar mañá venres no Tanatorio Albia, no Polígono da Grela, na Coruña, a partir das 15,15 horas da tarde.

Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) traballou como xornalista en La Noche, El Correo Gallego e La Voz de Galicia. A súa actividade profesional foi recoñecida co Premio Galicia de Xornalismo (1985) e coa Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2003). Membro do grupo literario Brais Pinto, comezou a súa andaina publicando os libros de poemas Ribeirana do Sil (1952) e A noite (1959). Como narrador publicou as seguintes novelas, a maior parte delas no catálogo de Xerais: A morte de Frank González (1975), Morrer en Castrelo do Miño (1978), A saga dun afiador (1980), A ceo aberto (1981), Corrupción e morte de Brigitte Bardot (1981), Reportaxe cósmico (1983), A fraga dos paxaros salvaxes (1985), O minotauro (1989), Agosto do 36 (1991, Premio Xerais de Novela, traducida ao castelán por Alianza Editorial), A cidade das chuvias (1994), O atentado (1999, Premio Losada Diéguez), O último paraíso (2001), Millo verde (2002), Os últimos fuxidos (2004), e Tempo de centeo (2009). Ademais, publicou o libro de relatos Co medo nas mans (1996) e o relato infantil O conto da boa e da mala pipa (1996). Publicou as súas memorias en De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde (Xerais, 2012).

Deixa un comentario!