Menu Xerais

Falece o escritor Xosé Neira Vilas

O escritor Xosé Neira Vilas faleceu hoxe na súa casa en Gres, Vila de Cruces. aos 87 anos de idade.  A dirección e o cadro de persoal de Xerais quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento e resaltar a importancia e o valor do seu papel no ámbito da literatura e a cultura galegas. Xerais veu publicando, ao longo dos últimos anos, unha boa parte da súa obra memorialística e xornalística: Vinte anos retornando (2006), Lóstregos (2009), Presenza galega en Cuba (2010), Penúltimo dietario (2011), Cancela aberta (2013), así como o seu libro de narrativa Relatos mariñeiros (2003).

Xosé Neira Vilas (Gres, Val do Ulla, 1928), era membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entre outros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra e o Premio Trasalba. Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio). Sen dúbida, será lembrado como un dos autores clásicos da literatura galega. Autor de Memorias dun neno labrego (1961), a novela máis traducida e máis vendida da literatura galega, residiu 43 anos en América, primeiro en Buenos Aires, de 1949 a 1961 (onde fundou coa súa muller Anisia Miranda, Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego); e de 1961 a 1992 na Habana, cidade na que crea e dirixe, durante 22 anos, a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística; fai xornalismo literario e exerce como redactor xefe da revista infantil Zunzún. Nos seus derradeiros anos residiu na súa casa natal de Gres, á beira da fundación que leva o seu nome. A súa extensa obra abrangue a prosa narrativa: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977, Xerais 1989), Querido Tomás (1981), Tempo novo (1987), O home de pau (Xerais 1999), Relatos mariñeiros (Xerais 2003), e unha antoloxía dos seus relatos recollida baixo o título de Contos de tres mundos (Xerais, 1995); a narrativa infantil: Cartas a Lelo (1971), Espantallo amigo (1971), O cabaliño de buxo (1971), A marela taravela (1976), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993); a poesía, con Dende lonxe (1960), Inquedo latexar (1969), Poesía recadada (1994) ou Dende Gres (2004); as lembranzas: Lar (1974), Nai (1980), Pan (1986); compilación de artigos: O sarillo do tempo (Xerais 2004), Xentes e camiños (Xerais 2005), Arredor do mundo (Xerais 2007), Lóstregos (Xerais 2009), Presenza galega en Cuba (Xerais 2010); testemuños: Eduardo Blanco-Amor dende Buenos Aires, Guerrilleiros, Galegos no Golfo de México, Encontros con Laxeiro; e traballos de investigación, como as series Memoria da emigración e Crónicas Galegas de América, Castelao en Cuba, Rosalía de Castro e Cuba, A lingua galega en Cuba e outros. Vinte anos retornando (Xerais 2006) foi a súa primeira entrega memorialística, que continúa con Penúltimo dietario (Xerais 2011). Ademais foi autor dunha historia do Himno Galego.

 

Deixa un comentario!