Menu Xerais

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil por «Escarlatina, a cociñeira defunta»

A escritora Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela Escarlatina. A cociñeira defunta. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores, os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).

Escarlatina. A cociñeira defunta leva vendidos nestes momentos 8.500 exemplares, un ano despois da súa publicación e está reimprimíndose a 5ª edición.

Este importante Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil únese aos xa conseguidos por Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor, Xerais, 2008), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa, 1996), Xabier P. DoCampo (Cando petan na porta pola noite, Xerais 1995), Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote, 1986).

Escarlatina. A cociñeira defunta narra o que lle sucede ao neno Román Casas, que quería ser un auténtico chef, así que lle pediu aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincidía co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

O xurado do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil estivo composto polo autor galardoado na edición 2014, Diego Arboleda; o autor galardoado na edición 2013, César Mallorquí; a Real Academia Española, Carme Riera; a Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco; a Real Academia da Lingua Vasca, María Asunción Agiriano; o Instituto de Estudos Cataláns, Vicenç Llorca; a Organización Española para o Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), Montserrat Pena; a Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE), Gemma Lluch; a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), Concha Barrigós; a Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Paula Izquierdo; o Centro de Estudos de Xénero da UNED, Marina Sanfilippo; e designada polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Teresa Corchete. Estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturales y del Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta, a subdirectora xeral de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas, Mónica Fernández.

 

 

 

Deixa un comentario!