Menu Xerais

Literatura sen adxectivos: Fina Casalderrey e Fran Alonso. Anotación de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey e sobre Silencio, de Fran Alonso.

 

LITERATURA SEN ADXECTIVOS: FINA CASALDERREY E FRAN ALONSO

Acabo de ler dous libros que me encantaron. Dous libros de dúas persoas que quero e admiro: Fina Casalderrey e Fran Alonso. Dous libros diferentes, un infantil e o outro sen idade definida: un dos chamados libros fonteirizos.
     Dous libros que demostran a altura da nosa  LIX, ese “subxénero”, termo que algunhas persoas seguen a utilizar despectivamente (si, cun certo desprezo!) para referírense á literatura que se escribe dirixida aos nenos e nenas e á mocidade.
     Historia da bicicleta dun home lagarto (Sopa de libros) e Silencio  (Fóra de xogo), que así se chaman estas interesantes historias editadas por Xerais, indican que o nivel da nosa narrativa infanto-xuvenil, non decae e que apunta sempre a novos temas, novas formas e que coida o seu discurso literario tanto no aspecto lingüístico coma no formal.
Fina Casalderrey narra cun agarimo cara aos lectores coma poucas persoas o fan. De aí -e da súa mestría- que os seus libros cheguen con facilidade aos receptores. Sensibilidade, gusto pola beleza, rexistro directo e misterio son algunhas das características das súas historias.
     Fina chega directamente ao corazón de quen a le.
     E en Historia da bicicleta dun home lagarto repítense estes rasgos característicos da súa obra.
     Mundo, un neno espelido, vital, dinámico ten os ollos ben abertos á realidade que o rodea. O que non acerta a comprender é a misteriosa desaparición do seu pai. Decátase de que ao seu redor o medo tingue os rostros dos veciños, a súa nai viste de negro e hai algo no ambiente que pesa demasiado. El non desanima e ten os ollos abertos ao que sucede. Fica abraiado cando ve uns homes que colocan madeiros ben altos, mastros xigantes de telefonía. Fascínano e pensa que son homes lagarto ao velos gabeando por eles.
      Fina Casalderrey vai desenvolvendo neste relato o ambiente nun tempo (os anos trinta), nunha época dura da historia deste país. A situación social, como quen non quere a cousa, queda retratada con elegancia e sinxeleza. A min emocionoume o clima que consegue. Hai pasaxes acedas moi ben contadas. Fala da guerra civil sen estridencias. Está aí, envólveo todo, pero describe a situación cunha naturalidade que engaiola.
Un libro recomendable sen ningunha dúbida que conta cunhas ilustracións vivas e expresivas de Laura Súa Campo.
Silencio, de Fran Alonso, vén sendo a expresión escura, chea de desacougo da sociedade que nos está tocando vivir.
      Unha narración que parte das vivencias dun xornalista galego, incómodo ao poder e castigado por este  marcha a Madrid na busca dun traballo. Unha atmosfera lúgubre, que xa comeza co aluguer dun piso vello e enigmático, envolve todo o relato.
     En primeiro lugar, as reaccións dos vellos compañeiros de estudos supoñen unha decepción para o protagonista. Logo, as portas están pechadas para el: chegou moi lonxe en Galicia coas súas denuncias. Dende o principio, cos ruídos e silencios, coas voces difíciles de entender procedentes da vivenda do lado, Fran Alonso intenta (e consegue) introducirnos no misterio, no desacougo do ser humano, espido diante do descoñecido.
Os personaxes que poboan a historia están cheos de limitacións. Sen ningunha dúbida son as nosas limitacións. Sentímonos transportados a un espazo sorprendente que nos inquieta. Exactamente igual que ao protagonista.
     Silencio é unha novela curta, de suspense. De suspense cotián. Está escrita cun estilo directo, moi conciso. Isto fai que haxa na narración un ritmo vertixinoso, intrigante que non concede a máis mínima tregua.
Rematas a lectura bastante desacougado pero feliz de ter lido boa literatura, aínda que o final poida resultar un chisco precipitado.Nada embaza o pracer da lectura deste libro.
Si, boa literatura. Deixádeme poñer Literatura en maíuscula. A estas alturas coidaba eu que o tema da LIX e da súa importancia era algo que non se discutía.
Semella, polo que me contan, que ando algo errado.Que non é así.
     Mágoa que algunhas persoas non gocen da LIX como o fago eu.
     Mágoa que lle sigan a menosprezala, a mirala por riba do ombreiro.
     Mágoa.
     Que pouco se avanza neste eido!
     Síntoo por elas.
     Que lle imos facer!

Deixa un comentario!