Menu Xerais

Marilar Aleixandre: «Ter lingua propia é unha riqueza»

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Jorge Casanova a Marilar Aleixandre, que acaba de publicar o poemario xuvenil Ovella descarreirada. (Foto de Álvaro Ballesteros / La Voz de Galicia).

 

 

Marilar Aleixandre: «Ter lingua propia é unha riqueza»

A autora e educadora cre que a literatura galega vive un momento vizoso

Conversar con Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é unha tarefa que se pode prolongar ata o infinito. Diríase que de todo sabe. Escritora (Ovella descarreirada é o seu último traballo), profesora universitaria, bióloga, e investigadora de prestixio internacional, cinéfila, rockeira. ¿Por onde empezar?

-Diagnostique o momento actual da literatura galega

-Eu diría que está moi vizosa. Hai un claro recambio xeracional que non se ve noutros ámbitos. Están Anxos Sumai, Alberto Ramos, Berta Dávila… Outra cousa é a conexión coa sociedade. Ese é un problema que ten que ver coa situación actual do galego.

-Os mozos abandonan o galego cando deixan a escola. ¿Por que?

-Interveñen varios factores. O primeiro é que as institucións non o toman en serio: trátano como o inglés, como se fose unha lingua estranxeira, cando é a lingua propia. E a conciencia social é minoritaria no sentido de utilizala. Non hai un sentimento de conservar ese patrimonio. Ter lingua propia é unha riqueza.

-Vostede é autora. ¿Canto lle preocupa a piratería?

-Penso que non é cuestión de laiarse polo libro electrónico. O problema son os prezos. A diferenza entre o prezo dun libro electrónico e outro de papel non está proporcionada porque os custes non teñen nada que ver. Á xente non lle gusta piratear.

-Algunha vez se definiu como unha persoa cunha sólida educación rockeira. ¿É certo que viu en directo a Jimi Hendrix?

-E a Jim Morrison. Foi nun concerto famosísimo na illa de Wight no ano 1970. Foi marabilloso. Gústame moito o rock e o blues. Se hai algunha cousa interesante, vou. Cando viaxo a Estados Unidos para os congresos, aproveito para escoitar jazz e blues.

-¿Escapóuselle algún concerto? ¿Quedoulle algo por ver?

-Mmm. Os Beatles, quizais.

-Xa que os menciona fareille unha pregunta orixinal: ¿Os Beatles ou os Stones?

-Os Doors. A min, quen me gustaba era Jim Morrison.

-Deixemos o rock. Vostede dedícase a formar a formadores.

-Si, eu imparto didáctica das ciencias para mestres de primaria e para os que se preparan para dar clases en secundaria. Queremos facer unhas ciencias que sexan atractivas e sirvan para resolver os problemas da vida. En xeral, aos rapaces gústanlle as ciencias. Se as deixan é porque non van ao laboratorio ou ao campo.

-A verdade é que os métodos de ensino, no esencial, apenas cambiaron en séculos.

-Algo si cambiaron, pero é certo que non o suficiente. É difícil porque sempre que houbo reformas legais coincidiron con etapas de crise e, por tanto, cun descenso do profesorado e dos seus soldos. Pasou nos anos oitenta e agora volve pasar. Hai países onde si se están a producir eses cambios. Aquí copiamos moitas cousas dos Estados Unidos, como a comida lixo, pero non outras máis interesantes. Alí impártense poucos temas pero con moita profundidade. Hoxe a información está dispoñible de xeito moi sinxelo. O que hai que saber é cal é boa; pensar, discutir e comparar. Os programas deberían ser máis curtos. Eu coñezo profesores en Galicia que o fan francamente ben.

-Logo, o tema depende do profesor.

-Pero tamén do currículo, que é excesivamente longo.

-E vostede, que xa viviu moito, ¿que diría que é o máis importante na vida?

-Mmm. Ser fiel a unha mesma.

Unha película: Phoenix, de Christian Petzold

Un libro: O corazón da escuridade, de Joseph Conrad  

Seu coche: Mercedes clase A

Jorge Casanova

Deixa un comentario!