Menu Xerais

Moi útil a súa lectura: «De cristal», de Silvestre Gómez Xurxo. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre De cristal, de Silvestre Gómez Xurxo.

 

 

Relatos pedagóxicos

Desde os comezos da literatura, mesmo xa na literatura oral popular, relatos do tipo das fábulas ou dos apólogos, ao xeito dos contos do infante don Juan Manuel, son habituais para lles procurar aos lectores, especialmente nenos e rapaces, mais tamén adultos, unha ensinanza moral. Constitúen o eido da narrativa didáctica ou pedagóxica. Os cinco relatos breves que compoñen este libro son narracións didácticas ou pedagóxicas, nas que se tenta transmitir a un lectorado xuvenil uns determinados valores, mais que tampouco resultan desaproveitables para os maiores. Son, sobre todo, moi útiles  para nos protexermos contra os que gozan coa maldade e mais co sufrimento alleos.

O autor coloca, a xeito de prólogo, co mesmo título do volume (De cristal), unha breve explicación sobre o que pretende cos seus relatos, como é propio da literatura didáctica. Así expresa que as persoas somos de cristal pola nosa fraxilidade e vulnerabilidade. Estas vulnerabilidade e fraxilidade maniféstanse ante a enfermidade, a pobreza, a violencia, a ignorancia e un feixe máis de elementos. Pero sobre todo as persoas normais e correntes, a xente do común, somos vulnerables ante a maldade, perante aqueles que gozan actuando como verdugos e facendo sufrir aos outros. Os cinco relatos breves que seguen van ter como obxectivo, á parte de entreter, facernos resistentes contra esa maldade, xa non só como vítimas, senón tamén como axentes, aínda que sexa axentes inconscientes.

O primeiro relato do libro “O ratiño negro” desenvolve o tema da crueldade como obxectivo na educación dos nenos. Dun xeito machista, apréndese a ser home cando se soporta a crueldade e, sobre todo, cando se é quen de comportarse cruelmente e gozar con iso. A crueldade aparece na literatura e mesmo na literatura que se escribe para nenos e rapaces ou que se aconsella ler nestas idades. Sempre se cita o caso da crueldade do Lazarillo co cego. Mais nestes casos hai unha certa empatía co cruel (neste caso Lázaro), pois pode haber motivos de desquite, vinganza…, que aínda que non sexan éticos, son comprensibles. Mais na crueldade do pai deste relato de “O ratiño negro” a crueldade é totalmente gratuíta e forma parte dunha pedagoxía que considera que ser adulto, especialmente ser home ao xeito machista, consiste en ser cruel gratuitamente, pois todo o que non sexa iso é feminino, brandura

No segundo dos relatos, “O ratiño branco”, aparece a figura do depredador sexual e tamén a idea de que non sempre a natureza é boa. Termina coa mensaxe positiva de que cómpre oporse á fatalidade, pois ninguén está marcado por natureza ou condición social para o sufrimento ou para ser vítima da crueldade. Grande acerto estilístico é neste conto aludir ao depredador sexual masculino sen lle pór nome, con ese coloquialismo a morea de esterco que se repite ao longo do relato para o aludir.

En “O gato negro”, como acontecía coa nai do relato anterior, a principal fonte de crueldade, ao xeito dalgúns relatos de Jelinek, é a propia familia da vítima. Tamén que ben creada está a figura do avó aparentemente perfecto, mais tremendamente machista e verdugo, aínda que neste caso non por acción, senón por omisión. Non só se é verdugo por facer, senón por non actuar.

O relato “O pavo real” enfróntanos de fociños coa crise que estamos a vivir a través das peripecias dunha adolescente afeita aos caprichos que lle procuraba a boa situación dos pais. O desenlace é unha canto, coma nos caso dos relatos anteriores, á superación, á bondade espontánea ou á solidariedade como antídotos contra a desgraza ou a maldade.

Dentro da maldade gratuíta, a que se exerce contra os animais ocupa un lugar de privilexio. Este xeito de comportamento aparece en “Gulag de galgos” asociado co do acoso escolar. Eu, que fun durante máis de trinta e cinco anos profesor e pasei por todos os niveis do ensino como docente, teño que dicir que o autor trata dunha forma precisa, sen tremendismos, este tema do acoso, que, desgrazadamente, adoitan tapar mesmo moitos docentes e ata as autoridades educativas.

Característica común de todos estes relatos son as digresións de tipo ensaístico ou mesmo o emprego de datos estatísticos para que o lector se conciencie contra o machismo, o acoso escolar, o maltrato de animais e un feixe máis de crueldades desta nosa sociedade. Tamén é común aos cinco relatos o desenlace esperanzador, no que triunfan a bondade nas súas distintas formas sobre o mal. Non é un triunfo apoteótico, senón humilde, ata feble. Pero un triunfo. Este pedagoxismo poderá parecer excesivo, mais o autor desde o prólogo informa sobre o propósito didáctico-moral destes relatos. O alumnado ten que ler literatura de calidade, onde non están presentes nin pedagoxismos nin mensaxes éticas, mais tamén cómpre que lea, como se fixo en todos os tempos e lugares, esta narrativa didáctica, pois, aínda que isto sexa parecer ser antigo e ata profesor carca, o profesorado e a literatura xuvenil ha de transmitir valores e loitar contra o negativo, tanto individual como social. (…)

Volvendo ao rego, os cinco relatos que presenta o libro son o que chamamos narrativa pedagóxica ou didáctica, mais non tomamos este adxectivo como pexorativo, senón para designar un xénero que é un recurso fundamental do Ensino para transmitir valores desde a Idade Media ou tamén desde as antigas Grecia e Roma e habitual en todas as culturas. Por outra banda, a sinxela dos relatos é boa para afeccionar os máis novos á lectura. Polos temas tratados e pola forma en que o fai, malia ir dirixido aos mozos e mozas, pode ser lido por un público adulto sen problemas. Ademais, cremos moi útil a súa lectura e comentario na ESO, especialmente no seu primeiro ciclo.

Deixa un comentario!