Menu Xerais

«Nena e o mar» de Érica Esmorís, premio Merlín 2015

O xurado da XXX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, formado por Alicia Borrás  (escritora), Dani Padrón (ilustrador), Daniel Landesa (escritor), Celia Pereira Porto (licenciada en dereito), Carmen Pereiro González (licenciada en Filoloxía Galega) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Aleteo Brisalinda»«Divina Sandamil»«Megumi» «Onde só queda alguén para aguantar dos nomes». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Aleteo Brisalinda», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Érica Esmorís e corresponde ao título Nena e o mar.

Érica Esmorís (A Coruña, 1977) traballa no departamento de dirección de cine e televisión, como guionista, directora e realizadora. Como narradora ten publicada a novela infantil O poder de Amabel (Sushi books, 2012), traducida ao castelán, catalán e éuscaro.

No seu ditame o xurado da XXXª edición do Premio Merlín de literatura infantil sinalou:

«Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a esperanza, tan só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa tras naufragar nos dominios das sereas. Nena loitará contra a desidia da súa veciñanza e con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo, emprenderá unha viaxe desesperada.

Nena e o mar é un relato redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa. O poder de evocación é un dos principais argumentos dun texto que logra recrear unha paisaxe singular na que se mestura a decadencia coa esperanza posta nos ollos dunha cativa que logrará mudalo todo. Nena é unha nena valente, obstinada e que fai da forza de vontade unha bandeira coa que emprender unha perigosa aventura propia de calquera heroína, mais sen deixar de ser unha nena.

A construción das personaxes casa tamén con ese ritmo pausado, como de marea, que respira todo o libro. As súas historias imos completándoas pouco a pouco, devagar, coma o mar que deita as crebas nunha praia. O vello rosmón Umu, o mellor mariñeiro da vila, que segue a coidar de Anina, a súa longa traiñeira, mais que nunca a bota xa ao devalo. A enfermeira Hannah, quen viviu o amor de forma pura e libre e renunciou a el por temor ao desprezo da súa familia. A vella mestra da vila, Aya, quen asume cunha mestura de cariño e frustración o coidado de Nena, cariño pola cativa, á que ama, e frustración porque o tempo que con ela comparte é un recordo do tempo no que a escola fervía de vida. Ao longo de toda a narración subxacen unha serie de valores positivos, a tenacidade, a mencionada esperanza, a solidariedade, a valentía, a comunicación, o respecto. Non se trata dun discurso moralizante, os valores están nas xentes da vila, nas súas decisións, sen caer no politicamente correcto: Sen deixarse levar pola simpleza da dicotomía de bos e malos, asume sempre a autora esa escala de grises que calquera persoa ten e que enriquece fondamente o narrado.

Por último, trátase dunha historia cunha clara compoñente fílmica, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar a acción e á aventura, aventura na que a  evolución non se dá unicamente nos protagonistas, toda a vila muda dun modo coral. Nena e o mar consegue crear unha atmosfera única que configura un relato único e valente, repleto de personaxes que permanecen no recordo e de imaxes que constrúen unha historia realista, mais con espazo para o fantástico e sen renunciar á evocación como arma. Atopar relatos tan ben construídos é o soño de calquera xurado, e como ben se di no texto ‘non hai mentiras nos soños’.»

Érica Esmorís confesou que concibira Nena e o mar «como unha obra circular e coral na que existe un xusto equilibrio que permite o desenvolvemento do seu eixe principal, unha aventura temeraria e fantástica dunha nena que, embarcada nun pequeno bote, sae á busca do seu pai, preso na Illa das Sereas, e ao mesmo tempo permite profundar nas inconclusas historias de todos os vellos habitantes de Porto Balea.» «O punto de partida de Nena e o mar é un sentimento: a desesperanza ou os límites auto impostos. Eu encarnei este sentimento nunha vila e nuns anciáns que, cansos da vida, decidiron malgastar os seus días esperando ao esquecemento ou á morte e despois creei o contrapunto na súa protagonista, unha nena pequena, independente e valente, que cre que todo, absolutamente todo é posible.»

Deixa un comentario!