Menu Xerais

Novela con moitos significados, profunda e divertida: «A antesala luminosa», de Antonio Tizón. Texto de Jesús Cubillo

Reproducimos o texto do psiquiatra Jesús Cubillo lido na presentación da novela A antesala luminosa, de Antonio Tizón, o pasado xoves 28 de maio na APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) da Coruña.

 

Novela con moitos significados, profunda e divertida. «A antesala luminosa», de Antonio Tizón

A descrición dos cadros psicopatolóxicos nos textos e monografías profesionais tivo que ser necesariamente de carácter sintético, xa que debía englobar a singularidade de cada entidade clínica e, ó mesmo tempo, a variabilidade dentro de cada unha delas. Tradicionalmente os vellos tratados de psiquiatría incluían algúns casos clínicos particulares para ilustrar de modo máis próximo, máis humano poderiamos dicir, o que o texto principal expoñía de modo xeral e teórico. Isto é cada vez menos frecuente e moitos dos manuais que manexamos os psiquiatras, os estudantes e os residentes posgraduados, son catálogos de síntomas, criterios e condicións que pretenden homoxeneizar os diagnósticos, darlles maior valor estatístico e maior fiabilidade. Non dubido de que sexa conveniente e incluso necesario facelo así, pero non deixo de pensar que, na medida en que se intente uniformar a descrición de determinada enfermidade ou de certo trastorno, algo importante pérdese neste proceso. E creo que o que se perde é precisamente o carácter persoal, as referencias biográficas, a significación individual dos síntomas e, en definitiva, o contido vital de todo o cadro clínico especificamente orixinal e non repetíbel.

Por todo isto, a novela de Antonio Tizón, A antesala luminosa, ten na miña opinión valores engadidos ós puramente literarios, que son moitos e que, por si sos, dan lugar a unhas cantas horas de atenta e pracenteira lectura. Porque o libro de Antonio Tizón non é unha patobiografía, unha psico-patobiografía, non é o relato dun caso clínico, non é unha historia clínica. É unha novela, cuns protagonistas e uns cantos personaxes que participan nunha historia que, se non é real, é perfectamente verosímil. Dixen que é unha historia pero en realidade son varias historias que se entrelazan, ás veces converxen e ás veces se separan.

Alguén dixo na primeira presentación do libro na Coruña que A antesala luminosa non é unha novela negra senón mulata e, en efecto, hai moitos elementos de novela negra neste libro, pero tamén hai un armazón de vitalidade, de gana de vivir, de esperanza e de amor no bo sentido da palabra que transcenden con moito este xénero literario. E ó longo de todo o relato se respira un sutil sentido do humor.

Os valores engadidos ós que aludía antes son valores documentais: Gustavo Gallego, o protagonista principal, sofre, nun momento determinado, un episodio psicótico agudo e, tras numerosos avatares, é diagnosticado por fin de Trastorno Bipolar. O Trastorno Bipolar é unha enfermidade psíquica grave e persistente, que afecta a unha parte importante da poboación e que se caracteriza basicamente por alteracións da afectividade e do estado de ánimo, no sentido da aparición de episodios ou fases de exaltación do humor, que poden alternar, con frecuencia e cadencia extraordinariamente variábeis, con outros períodos de depresión severa. En ámbolos dous casos a gravidade e intensidade dos trastornos poden chegar á perda da noción de realidade, é dicir, á psicose e, polo tanto, a serios trastornos do comportamento. A antesala luminosa recolle, entre moitas outras cousas, un rexistro detallado das experiencias, vivencias, sentimentos, desexos, dúbidas e temores, patolóxicos e non patolóxicos, dunha persoa que padece un Trastorno Bipolar ó longo dos anos. Tamén recolle as experiencias e reaccións das persoas que o rodean, nun armazón de complexas relacións. A descrición do episodio psicótico inicial é precisa e clara, vívida e sentida, sen recorrer en ningún momento a terminoloxía técnica, fai ó lector participar da angustia do paciente e coñecer cada instante dunhas horas ou días de experiencias alucinatorias e delirantes, da exaltación do estado de ánimo, de vivencias inexplicábeis, de sentirse un superhome, o salvador do mundo, en unión mística con Deus e coa morte. A novela describe moi ben a perplexidade dos familiares ante a aparición de condutas anómalas, a súa preocupación, a busca das causas que expliquen os cambios que observan nesa persoa, antes de convencerse de que se trata dun trastorno mental e que necesitan a actuación dun psiquiatra. Os capítulos seguintes describen de maneira moi axeitada as vicisitudes polas que atravesan o paciente, os seus familiares e os seus amigos, a desconfianza respecto á psiquiatría, as dificultades do diagnóstico nas primeiras etapas, onde se pode apreciar tamén o desafortunado, por non dicir algo máis forte, dalgunhas intervencións profesionais.

Todos os síntomas do cadro maníaco aparecen despregados no relato das vivencias subxectivas e dos acontecementos deses días: a actividade febril, o pensamento acelerado, a fuxida de ideas, a desinhibición, o incremento desmesurado da libido, a falta da necesidade de sono, as ideas de grandiosidade, os sentimentos inefábeis de felicidade, alternando ás veces con temores e pesadelos que corresponden máis ben ó polo depresivo, a excitación, a irritabilidade, a suspicacia e, en fin, a desorganización total da actividade e conduta habituais.

Con frecuencia, con moita frecuencia, especialmente se o paciente non segue un tratamento axeitado, a unha fase maníaca sucédelle ó pouco tempo un episodio depresivo. Antonio Tizón, na súa novela, o cualifica de maneira enormemente expresiva: o inferno. A través da mirada de varios personaxes, ofrecésenos o terríbel dun trastorno que pode converter unha persoa nun morto vivente, incapaz de alcanzar o mínimo pracer, aparentemente insensíbel e indiferente a todo e a todos, asexado por terroríficas premonicións e cando se chega ó grado de depresión psicótica, enlouquecido por ideas delirantes de ruína, de catástrofe, de apocalipse, de desgrazas incontábeis para os que o rodean e para si mesmo. Todo elo nun clima de intensísima inquietude, de angustia insoportábel ou, polo contrario, de parálise, de inhibición absoluta, de incapacidade para falar, chorar, queixarse, moverse. E sen esperanza. Sen ningunha esperanza de recuperación, de melloría, de que as cousas cambien. Todo o contrario, coa visión de que o futuro será aínda peor. Non é, pois, estraño que se conciba a morte como única saída e que o risco de suicidio sexa altísimo nestes casos. Pero a depresión ten tratamento, relativamente doado e moi efectivo na maior parte dos casos. E o Trastorno Bipolar ten tratamento e é posíbel chegar á estabilización total coa desaparición das descompensacións maníacas ou depresivas.

Todo isto aparece en A antesala luminosa, que nos dá unha visión integral da enfermidade, dende os puntos de vista de diversos personaxes da novela, unha visión humana, persoal, sen recorrer, como dicía antes, á xerga dos profesionais. A min, que son psiquiatra vello e estou canso de ler e reler artigos e monografías sobre o Trastorno Bipolar con contidos repetitivos, a visión de A antesala luminosa pareceume exactamente iso, luminosa.

Pero a novela de Antonio Tizón non é só, como xa dixen, a historia dunha persoa que sofre trastornos psíquicos senón doutras persoas, doutros acontecementos. Porque reflicte unha época, unha xeración, unhas cidades recoñecíbeis. É unha novela con moitos significados, profunda e, ademais, moi divertida. Hai que lela.

Jesús Cubillo

Deixa un comentario!