Menu Xerais

O marabilloso poder da literatura: «Un animal chamado néboa», de Ledicia Costas. Comentario de María Xesús Fernández

A crítica María Xesús Fernández publicou na súa páxina de Facebook un comentario sobre o libro Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, que reproducimos.

 

Un animal chamado néboa

«Desfrutei moito coa lectura deste último libro publicado por Ledicia Costas, e , aínda que poida parecer un oxímoron, tamén quedei horrorizada. Marabilloso poder da Literatura. E é que a autora, utilizando o fino escalpelo dunha brillante linguaxe chea de forza expresiva, dedícase a poñer en evidencia o máis escuro e profundo da condición humana, o lugar onde reside a maldade e tamén o heroismo. Para facelo Ledicia Costas trasládase a un dos momentos máis lamentables da historia da humanidade: a II Guerra Mundial da que rescata os episodios reais que conforman este libro, difíciles de asumir , e moito máis difíciles cando a maxia da ficción nolos presenta de maneira vivencial, protagonizados por xente con nome e apelidos coa que podemos identificarnos. Parabéns, Ledicia, amiga, por este libro que me fai recordar unha vez máis o inspirado conto de Borges que se titula “De la Salvación por las obras” e no que se nos conta como os deuses, escandalizados polo brutal uso que os homes fan do seu libre albedrío, están a piques de destruír a raza humana, só despois de serias dúbidas consenten en permitir que os humanos perduren porque, xunto a tanta crueldade e despropósito, tamén son quen de crear beleza utilizando a linguaxe».

María Xesús Fernández

Deixa un comentario!