Menu Xerais

Os Premios Xerais no Ateneo de Pontevedra

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación conxunta dos tres Premios Xerais no Ateneo de Pontevedra, así como do acto de presentación de O último día de Terranova, de Manuel Rivas, na libraría Sisargas.

 

Os Xerais no Ateneo

As perdas da fin de semana adiaron a reseña do que foron as presentacións nas que participamos esta fin de semana. No serán do vernres celebramos da man do Ateneo de Pontevedra a presentación dos tres premios Xerais coa participación dos membros dos tres xurados. Unha sesión literaria excelente na que escoitamos seis intervecións moi interesantes.

Daniel Landesa, xurado do premio Merlín fixo referencia á denominada «Xeración da Esperanza» como «Xeración Desesperada», a dos autores e autoras novas que procuran na literatura o que se lles nega noutros eidos da vida laboral. Cualificou Nena e o mar como un libro marabilloso, «con personaxes moi de aquí, pero que son universais, un libro que vai perdurar». Anxos Rial, xurado do Premio Jules Verne, cualificou a Andrea Maceiras de «artesá das letras galegas» e a novela Europa express como de grande madurez. Anxo González Guerra, xurado do Xerais de novela, salientou a «innovación formal e a deconstrución atractiva« de De remate da que aventurou se tirarán «textos perfectos para as probas de Bacharelato».

Pola banda das autoras, Érica Esmorís cualificou a súa novela como «historia longa e complexa, que ofrece unha historia de dúas velocidades, unha rápida, a de Nena, e outra vagorosa, a dos maiores». Confesou que o relato xurdira falando cos seus pais sobre as limitacións do paso do tempo. «Quixen que Nena demostrase aos vellos de Punta Balea que hai xente que nunca se rinde.» Andrea Maceiras confesou a súa afección polas postais, que serviu como enganche para a escritura de Europa express, novela con tintes autobiográficos que definiu de intriga psicolóxica e coa que pretendeu abordar temas como o do abandono da mocidade. Por último, Héctor Cajaraville homenaxeou a Xosé Neira Vilas lembrando que O cabaliño de buxo foi o primeiro libro que lera en galego. Confesou que estaba convencido de que só puido escribir con plena liberdade De remate por tratarse da súa primeira novela e non pensar que puidese ser publicada.

sisargas_28-11-2015

O sábado ao mediodía presentamos en Sisargas O último día de Terranova. Antes de comezar unha hora de lectura, Manuel Rivas explicou a súa concepción dos xéneros literarios como círculos concéntricos. «O primeiro círculo é o da poesía, a célula nai sobre a que levita a linguaxe, que a soergeu para cantar de ledicia ou de dor». «A poesía é a palabra en vilo, as palabras fosforescendo, A poesía é o rizoma que sae da terra e procura a luz.» Utilizou tamén a imaxe dos círculos para expresar a relación entre realidade e ficción, «que non son eidos esgazados, apenas círculos diferentes dunha mesma dimensión, na medida que a imaxinación e a razón forman parte deses círculos.»

Deixa un comentario!