Menu Xerais

Os Xerais abren os seus xurados a través dunha convocatoria pública

Sermos Galiza publica unha información sobre a iniciativa de Xerais de realizar unha convocatoria pública para escoller tres persoas que desexen participar como membros dos xurados dos Premios Xerais 2015.

 

Os Xerais abren os seus xurados a través dunha convocatoria pública

Calquera pode ser membro do xurado dos Premios Xerais. A editorial abre unha convocatoria pública na que quen queira pode presentarse para formar parte do grupo que decide as obras gañadoras do Xerais, o Merlín e o Jules Verne.

Os xurados dos Premios Xerais xa non estarán compostos por persoas decididas só pola propia editorial. A través dunha convocatoria pública, quen queira participar no proceso de elección de obras gañadoras do Premio Xerais de Novela, do Merlín de literatura infantil e máis o Jules Verne de literatura xuvenil pode presentarse para formar parte dos xurados desta nova convocatoria dos recoñecidos premios literarios.

Se desde hai tres décadas a editorial optou por integrar lectores e lectoras non profesionais como membros dos xurados dos seus premios, agora dá un paso adiante e abre a posibilidade para quen o desexe formar parte do grupo que selecciona as obras gañadoras entre os orixinais presentados. “É unha incógnita para nós a acollida que pode ter este chamamento, cuxa intencionalidade é facilitar a lectores e lectoras que se presenten voluntarias poidan gozar durante dous meses unha moi intensa e complexa experiencia literaria”, explica o director da editorial, Manuel Bragado no comentario que insire no seu blog Brétemas. 

Tres en cada premio

Escolleranse desta maneira tres das persoas que formarán parte dos xurados da 32ª edición do Premio Xerais de novela, da 30ª do Premio Merlín de literatura infantil e da 7ª do Premio Jules Verne de literatura xuvenil. Para participar na convocatoria cómpre enviar un correo ao enderezo xerais@xerais.es antes do 16 de marzo explicando o interese de integrar o xurado do premio escollido. As persoas seleccionadas terán que valorar os orixinais durante os meses de abril e maio e asistir ás dúas reunións deliberativas e acudir tamén á Festa Xerais de entrega de premios que se desenvolverá o 6 de xuño.

Deixa un comentario!