Menu Xerais

Rosa Aneiros: «A literatura, para quen le e para quen escribe, é un exercicio de tolerancia infinito»

Noticieirogalego.com publicou unha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro Rodríguez á escritora Rosa Aneiros

 

Rosa Aneiros: unha literatura comprometida

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é unha das narradoras contemporáneas máis lidas da nosa literatura. O seu principal salto deuno no ano 2002 coa obra Resistencia. Pero será o 2009 o seu “annus mirabilis”coas súas obras Sol de Inverno e Ás de bolboreta. Máis actualmente temos que salientar a súa triloxía Ámote Leo A. Destino Xalundes (2013), Ámote Leo A. Estación de tránsito (2014) e Ámote Leo A. Terminal de… chegadas? (2014).

Rosa, a túa necesidade de contar parece ser que lla debes a teu padriño… 

Si. El era un gran contador de historias e sempre envexei a súa capacidade para crear un mundo novo a partir das palabras. Foi un auténtico mestre polo seu bo facer tanto na recreación de atmosferas como na articulación do ritmo do relato. Por iso sempre dixen que de grande quería ser pensionista, coma o meu padriño, e pasar as horas a contar contos. E cheguei a periodista, non hai tantas letras de diferenza…

Claro, pero o superestrato do xornalismo, da comunicación, tamén vai influír, ou non?

Non sei que foi antes, se o ovo ou a galiña. Se a necesidade de contar o mundo chegou da man dese que ti nomeas como superestrato do xornalismo ou, en cambio, chegou canda os contos do meu padriño. Tanto ten. Nunca me preocuparon as razóns de por que, talvez polo temor demasiado fundado de que, se atopo as razóns de por que escribo, daquela deixarei de facelo. Ten un aquel de misterio que me seduce á hora de narrar e sen el supoño que carecería de sentido…

Que ten Sol de Inverno daquelas historias da emigración a Cuba que che contaba teu padriño? Inverno non será o “alter ego” de Silvia Mistral cunha dose a maiores daquela persoa que xerou en ti a necesidade de contar?

Sol de Inverno ten moito de Antes, moito de Silvia Mistral, moito do meu padriño, moito da nena que fun e moito da viaxeira que quixo coñecer Cuba, París, Barcelona, Antes, non só a través do espazo senón tamén a partir doutros momentos históricos. En realidade, é unha novela de novelas xurdida da necesidade de entender, de poñerme na pel dos que foron e nunca chegarei a ser. Está construída a partir de anaquiños que rebotan no calidoscopio e por iso o resultado é un xogo de luces e reflexos multiplicado de moitas historias, persoas e lugares que existiron ou non. Non hai límites claros entre o sucedido e a ficción, constitúen unha realidade nova e extraordinaria, como todas as obras literarias.

sol-de-invernoResulta incomprensíbel que nestes intres onde a literatura galega de autoría feminina nada ten que envexar á literatura de autoría masculina aínda sigamos a falar de “literatura de muller” e non de “literatura masculina”, non cres?

Eu escribo literatura e, claro, por suposto, son unha muller. Iso condiciona profundamente a miña maneira de ver o mundo e, como tal, aparece reflectido na miña obra. Ademais, hai outras variantes que inflúen e, xunto co xénero, constitúen un amálgama indisoluble que determina o que escribo ou deixo de escribir: a lingua, a educación, a familia, a música, a propia literatura, o cinema, as amizades, a actualidade inmediata, a relixión, a procedencia social, o lugar das primeiras vivencias, a contorna, o ámbito laboral… Todo xunto e remexido fai de min o que son e o que escribo. Pero creo que a calquera persoa lle acontece o mesmo sexa home ou muller… Outra cousa é que por “literatura de muller” entendeses a miña vontade de visibilizar as mulleres, esas que tantas veces permanecemos invisibilizadas e menosprezadas polo discurso do poder e non tanto polo xénero da autoría…

Es quen de te meter nunha trama narrativa e esqueceres o compromiso? E ao mellor reincidindo no anterior, poderá unha obra literaria acadar o cualificativo de “universal” porque sexa válida para conectar coa realidade de calquera sociedade do mundo?

Creo que toda obra aspira a ser universal na medida en que conta algo íntimo do ser humano. Nese sentido, todas as obras van alén das circunstancias inmediatas para nos narrar algo de nós mesmas que vai alén das fronteiras do visible. E engadiría que sempre existe compromiso na literatura: polo que escribes e, tamén, polo que non. As palabras non escritas tamén definen a quen renuncia a elas.

A vida é a base da túa escrita, da túa necesidade por escribires. Que tería que ocorrer para deixares de narrar?

Sempre puxen a vida por diante da escrita, a pesar de seren indisociables en certa maneira. Por tanto, sempre antepoñería a vivencia por riba do tempo para escribir. E hai moitas circunstancias polas que podería ter que deixar de narrar. Non é algo que me preocupe. A vida debe ter os seus prazos, os seus tempos, o seu propio ritmo. Pero, ademais da vida, é a propia escrita quen determina os seus prazos. Para min cada obra é a última non sentido de que non sei se vou escribir máis, ben porque a vida tropece comigo ou porque sinta que non teño nada máis que dicir… Vivir cada texto como se non houbese outro fai que cada un deles sexa especial e único. Quen sabe o que sucederá mañá? Se cadra, non teño nada máis que contar…

Dicía Sófocles que “a alegría máis grande é a inesperada”. Por iso mesmo empregaches as viaxes para amosares que o inesperado que agarda en cada viaxe conduce á alegría, á liberación “dos universos tristes”?

As viaxes teñen todos os ingredientes necesarios para construír un relato: emoción, misterio, sorpresa, ritmo, descubertas, indagación psicolóxica, evolución dos personaxes, sucesos inesperados… Todos eles permiten crear unha historia na que conflúan os distintos fíos abertos. Nesta ocasión interesábame abrir o mundo a unha rapaza chea de medos e decepcións, pero tamén decidida a non deixarse vencer por eles. Diluír as fronteiras permitíame pintar un mundo inmenso, cheo de oportunidades e lonxe das ameazas desta realidade hostil.

Ano 2009, Sol de Inverno / Ás de bolboreta… Que supuxo para a túa obra literaria este ano, estas obras…?

A confluencia dos dous premios foi sen dúbida un golpe de sorte. Levei o “Xerais” e mais o daquela “Caixa Galicia” no mesmo día pero puiden non levar ningún coas mesmas obras, así que non levo os premios como bandeira. Si levo con orgullo as novelas, polo traballo que me deron e polo resultado lector. O mellor premio é sempre este último, claro está. Logo dos fogos de artificio dos galardóns, é ese pouso impagable de quen le o que permanece comigo.

Nas túas obras cobra importancia a viaxe, cara ao interior dos personaxes así coma a viaxe como mecanismo de descubrimento de novos espazos. Será que -como dixo Benjamin Disraeli “viaxar ensina tolerancia”- ti procuras nas túas obras a tolerancia cara dentro e cara fóra dos teus personaxes?

Eu creo que, mesmo máis que viaxar, é a literatura quen che aprende tolerancia. Como autora debo poñerme na pel dos personaxes e iso fai que, a través doutros ollos, ás veces o mundo cambalee. Dende outra óptica, a realidade faise máis rica e polifónica e, decote, esas voces fante dubidar da túa propia percepción do que sucede, do que sentes, do que narras. Porque o mundo a través dos outros é inmenso e require saber escoitar. Creo que a literatura, tanto por parte de quen escribe como de quen le, é un exercicio de tolerancia infinito. E se a literatura che aprende a ver outros espazos e outras maneiras de vivir, ese exercicio de tolerancia aumenta as súas posibilidades de abrir os ollos ante diferentes realidades.

”Literatura en galego”, “Literatura de mulleres”, “Literatura infanto-xuvenil”… Non será que estes apartados e subapartados tan recorrentes na nosa literatura o único que van lograr é unha infravaloracion da mesma e un atranco para a súa normalización e universalización?

As etiquetas teñen que ser útiles unicamente para o mercado literario, non para a propia literatura. De feito, non coinciden e sobórdanse as unhas ás outras. Quen busca un libro nun andel necesita guías que lle axuden a atopar a lectura desexada e por iso as clasificacións teñen un aquel de utilidade. Pero non son compartimentos estancos e a experiencia lectora acaba recolocando as obras e convertendo obras inicialmente infantís en albumes de culto para adultos, por exemplo.

En Sol de Inverno, ademais das viaxes ás que antes aludimos, tamén está omnipresente a historia, a obxectiva -que levou a que se teña falado de novela histórica- e a subxectiva, a historia de Inverno procurando o seu “paraíso perdido”… nunha palabra, o marco e a trama mesturados…

Nunca quixen facer Historia, para iso están os historiadores. Eu quixen contar a historia de Inverno, de Alfredo, de Rebeca, de Luzdivina… Claro que estes vimbios acaban creando un cesto onde as varas se mesturan necesariamente coas da Historia para poder existir como relato. Botei man dos feitos para axudarme a contar a miña invención, Inverno. Pero, por outro lado, é o que fago sempre, tanto cando relato unha historia ambientada na revolución portuguesa, no exilio, no monte Gurugú ou no barrio de Canido… Invento personaxes que logo viven nun tempo e nun espazo que existen ou existiron e, como tal, aparecen condicionados polas circunstancias en que se inscriben. O importante é que quen le nunca vexa os fíos que moven a trama. O que sucede sucede na novela e xa está.

Na primeira novela longa en galego (Maxina ou a filla espúrea) o desenlace é do máis inesperado deducindo que o autor simplemente quixo amosar que el, e ninguén máis ca el, era o dono da súa obra. Algo disto ten ocorrido con algunha das túas obras… Cambiaches algún remate ao te decatares de que o desenlace xa era o agardado polo lector?

Cando comezo unha novela sempre sei o punto de chegada. Adoito descoñecer o punto de partida, pero si sei cara a onde camiño. Nunca cambio os finais. Porén, creo que na maior parte dos meus relatos o final non é necesariamente compartido. Para min as obras rematan dunha maneira que non sempre coincide cos finais doutros lectores. Procuro sempre un chisco de ambigüidade para erguer a sospeita e deixar que quen le decida por si mesma. Pensa que toda novela é unha viaxe e quen embarca ten dereito a baixarse e a decidir a derradeira parada, se é que a hai… Unha vez que se fai pública eu non son a única dona da miña obra, en absoluto. Cada persoa que a le ten a súa propia lectura e, por tanto, a súa propia novela. O que eu quixen escribir queda para min. O resultado lector é persoal e único.

Tamén tes comentado -cremos que referíndote a Sol de Inverno- que chegaches a crer que a obra se che ía das mans… Tal é a simbiose entre escritora e a trama cando estás a escribir?

Era un proxecto moi grande e ambicioso e temín por momentos que todas as novelas que inclúe Sol de Inverno quixesen tomar corpo propio e liberarse do resto. Nunca teño a certeza absoluta, a pesar de saber o final, de cómo vai evolucionar un texto. É importante que, a medida que medra, vaia respondendo ás súas propias necesidades narrativas… En realidade penso que esa sensación de perda e fraxilidade me abordou en todas e cada unha das obras que escribín fosen longas ou curtas! Sempre hai un instante en que se dilúe o carreiro e, aínda que vexa a luz do faro ao final, non sei como avanzar. Isto non é malo. Produce vertixe no momento pero sen esa sensación de dúbida talvez non me gustaría tanto escribir. Necesito que cada obra sexa un reto, talvez por iso a triloxía última…

E agora falemos da obra que te lanzou dentro da nosa narrativa, Resistencia. Por que recorreres á memoria histórica do país irmán nesta obra?

Non fun á memoria histórica nin a un país irmán como punto de partida. Eu vin no Museo da Resistencia de Peniche unhas cartas que me entregaron o final dunha novela e intuín xa alí a Dinís e Filipa. Todo o que sucedeu despois foi a novela, pero a cerna da historia estaba moi lonxe de intención reivindicar a memoria histórica de Portugal. Carece Resistencia de pretensións historicistas. Eu quería contar a novela de Dinís, Filipa, dona Leonor… Nunca quixen contar a Historia de Portugal. En realidade, nunca quixen contar a Historia de nada. Eu tan só constrúo pequenas historias que me permiten ser outras e ver o mundo a través dos seus ollos.

resistenciaEn Resistencia aparece a crúa realidade das clases baixas, da clase traballadora, vítimas da represión… pero no medio desta realidade ás veces demasiado cruel, o sentimento amoroso cobrará unha importancia capital tanto nos personaxes principais -Filipa e Dinis- coma nos seus devanceiros -Isaura e Antonio…-…

Efectivamente, é a historia de Filipa, Dinís, Isaura, Antonio… É a historia dos seus personaxes principais e secundarios. O escenario que lles tocou vivir incide terriblemente no desenvolvemento da súa vida, pero o que narra é iso, a súa vida, non pretende ser espello do contexto aínda que o resultado, en certa maneira, corresponda con ese reflexo.

Na túa obra literaria achamos a “revolución dos caraveis”, a “revolución cubana”… será isto mostra de que, ademais da memoria histórica, ti procuras nas túas obras o didactismo que supón a liberdade dos pobos e das persoas?

Non é iso exactamente ou, cando menos, non só é iso. As revolucións, como as guerras, permiten facer visible o mellor e o peor do ser humano. O seu compoñente épico é inigualable e conteñen unha dose de esperanza que resulta difícil acadar no cotío. Por iso crean, por dicilo así, unhas circunstancias narrativas moi ricas e dúctiles para quen escribe. Non me gusta o didactismo invasivo, creo que quen le debe atopar as súas propias respostas. E as situacións límites contribúen a que quen le tamén se faga esa pregunta: como actuaría eu nestas circunstancias?

E claro, teremos que rematar co teu último éxito, a triloxía de Ámote, Leo A. Conforme ías mergullándote na trama, cando te decataches de que podías rematar nunha novela longa, longa e decidiches fraccionala?

Ía xa moi avanzada cando vin que aquilo non tiña traza de rematar. Tardei moito tempo en darme conta de cómo podería afrontala. Normalmente, en literatura dar co máis sinxelo é sempre o máis difícil. Aquilo non acababa de tomar corpo e medraba cada día máis no que non era máis que a parte inicial e eu seguía escribindo… Ata que un día reparei, non é unha novela, son cando menos dúas, talvez tres. Isto permitiume enriquecer a evolución dos personaxes e tamén viaxar a moitos lugares que non estaban previstos no plan inicial. Tamén, obviamente, dificultou o relato porque implicaba xogar a distintos ritmos coas tramas narrativas para lograr captar a atención de quen le. Agora, co resultado na man parece un exercicio simplísimo. Escribilo non o foi tanto. Pero lograr esa simplicidade é para min escribir. Que todo flúa naturalmente, como se non puidese ser doutro xeito…

No primeiro libro (Ámote Leo A. Destino Xalundes) tal e como indica o título Leo áchase coa presenza de multitude de espazos… a onde ir? Un personaxe máis preocupado pola viaxe exterior ca pola interior…

Si. É o momento compás, o punto de partida. O desexo de Leo de ver mundo fai que considere isto como o seu principal e único obxectivo. Pensa que a decepción polo abandono dos seus compañeiros de viaxe se transforma nunha certa ansia de vinganza e aposta todas as cartas a unha secuencia rápida de lugares que visitar. Canto máis, mellor. Necesitaba este punto de saída para poder ir debuxando aos poucos a evolución do propio personaxe e tamén de quen le. Esa ansia por coñecer o mundo de fóra vaise transformando e convértese nunha viaxe cara ao interior de si mesma… Pero iso Leo non o sabe cando parte. É a propia viaxe quen llo aprende. A novela tiña que ser reflexo desa obsesión e dese neboeiro de indecisións e rabia. Tamén, da súa falta de pericia viaxeira…

Pero no segundo libro (Ámote Leo A. Estación de tránsito)xa se pode ver unha Leo máis reflexiva, cuns obxectivos persoais máis claros, unha viaxe máis interior…

Si, os erros que comete no primeiro son unha aprendizaxe importante para o propio fluír como personaxe. A obsesión por poñer marcas no seu mapamundi particular mingua ao tempo que coñece persoas e historias que lle axudan a coñecerse mellor a si mesma. Tamén, na distancia, a súa familia vai cobrando importancia, un papel fundamental que nunca imaxinaría. Paradoxalmente, ou non tanto, canto máis lonxe está deles máis preto sente a súa compaña. Isto fai que moita da ansia de vinganza e da ira que sente cando sae da casa vaia transformándose noutra cousa… Algo que a enriquece no canto de destruíla. E esas sensacións van sempre unidas ás cidades que visita.

E claro, a triloxía, a viaxe de Leo non podía rematar máis que nunha terminal de chegadas… e cun desenlace inesperado (?)

Non sei se hai terminais de chegada posibles. Cando menos, a viaxe de Leo A. non ten data de caducidade, carece de espazo de acollida eterna. Porque o camiño que ela iniciou con tanta valentía xa non ten fin. E non porque non acougue, senón porque nunca volverá ser a que unha vez partiu. As dúbidas, os medos, as inseguridades seguen aí, pero xunto a elas a experiencia da viaxe fai que a súa maleta veña chea de vida e de novos puntos de partida. Tiña un soño e pelexou por conseguilo. Pero da batalla non saíu indemne. Esas feridas e eses logros son o motor para continuar. Ou non.

Carlos Loureiro Rodrígue

Deixa un comentario!