Menu Xerais

Salvados pola palabra: «Os días condenados», de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre o poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, Premio de Poesía Gonzalo López Abente 2014.

 

Salvados pola palabra

Araujo Cardalda amosa neste poemario a experiencia amorosa que camiña entre o gozo da unión e a dor do abandono ou da ausencia. Como en Cernuda, tras a experiencia amorosa ou calquera outra non queda nin tan sequera a lembranza, senón que o único que perdura é o recordo dun esquecemento desa lembranza: que ti no meu recordo / es apenas unha sombra (páx. 66). Así o eu lírico queda sumido nunha especie de baleiro. Non obstante, a palabra, como ben expresa o antepenúltimo poema do libro, titulado precisamente “Na palabra”, salva deste baleiro e ata recupera-recrea o pasado: Na palabra creceron os tempos / que nos tentaron co esquecemento / e nos prometeron batallas perdidas (páx. 64).

            Como na poesía pura, o eu lírico entra nunha sorte de éxtase mentres contempla durmida a súa parella, mais en antítese aparece o abandono, a separación: E agora lembrei outra noite do meu desterro / na que te imaxinei sen min (páx. 14). O amor é gozo, mais tamén é abandono, pero para iso está a palabra, para lembrar o pasado amoroso da unión feliz: e aí estás, resucitada por decreto da palabra (páx. 15).

Así mesmo aparece a literaturización da experiencia amorosa, que se vive desde as propias lecturas, como pode verse no poema “Boulevard de la Madeleine”, bo logro ademais dunha poesía urbana, que exalta a beleza e mesmo a calidez da cidade: Acaba de chover no boulevard de la Madeleine / Os faros dos coches engalanaban o asfalto / e as cálidas luces prendíannos desde o interior das tendas (páx. 19). Nun xeito de reinterpretación do tradicional xénero da alba, os espertar da parella ilumina o día de tal xeito que … a luz do amencer / non sería solar, senón nosa (páx. 20).

Mais a experiencia amorosa conclúe e, ao xeito cernundiano, non queda nin a lembranza, senón tan só a lembranza dun esquecemento: -que ti no meu recordo / es apenas unha sombra (páx. 36). Mais ese esquecemento quizá sexa necesario para que o eu lírico siga cara a adiante: desherdándome viscosamente da túa espléndida memoria (páx. 39). Pero non é doado o esquecemento, como ben se sinala co axeitado neoloxismo impresenza, que substitúe o tan desgastado poeticamente ausencia: Todo lugar é / o lugar da túa impresenza (páx. 43).

Como acontece en Quevedo, malia a separación, o amor é imperecedoiro. Por iso, nin a separación nin a vellez poden acabar con ese sentimento como ben se ve nun dos para min mellores poemas deste libro “Algún día quizais”: Algún día cruzaraste con ese home discreto / e lembraraste del ou de alguén coma el cando / era un mozo fermoso, como sempre son os mozos (páx. 62). Reparemos ademais en que o eu lírico masculino, ao xeito que fan os trobadores nas cantigas de amigo, imaxina os sentimentos da parella feminina.

Xa dixemos, no primeiro parágrafo desta crítica, como no antepenúltimo poema o eu lírico expresa que a palabra logra salvar do esquecemento e mesmo axuda a superar a dor: Na palabra creceron os tempos / que nos tentaron co esquecemnto /…../ Na palabra abrollou a indulxencia./…/ Na palabra espertou a mañá luminosa (páxs. 64-65). Na vellez esa palabra é a estela do espello roto do amor que se recupera polo poema, como ben expresa o derradeiro poema do libro “Estela”.

Estamos deste xeito perante unha poesía evidentemente culturalista cun predominio do tema amoroso ao xeito petrarquista de gozo-dor e marcado polo paso do tempo que leva da unión á ausencia, neste caso impresenza, e mesmo ao esquecemento da lembranza. Mais a partir desta paradoxal lembranza do esquecemento do propio esquecemento, pola palabra e a poesía, o eu lírico reconstrúe o pasado amoroso en todo o seu gozo, tanto físico como espiritual, mais tamén na dor da ausencia-separación. E faino fundamentalmente desde a perspectiva do vello que un día foi mozo amador e que ata chega a imaxinar, coma na cantiga de amigo, o que pensará a amada diso. Como di o subtítulo, estamos certamente, perante un devocionario ou libro de oracións-poemas sobre a experiencia amorosa, na súa plenitude e ocaso, contemplada especialmente no derradeiro poema do libro desde o arrabaldo da senectude pola palabra, que non deixa que se esvaeza o amor definitivamente.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!